O artigo 326.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP/2017), establece que, nos procedementos abertos, abertos simplificados, restrinxidos, de diálogo competitivo, de licitación con negociación e de asociación para a innovación, os órganos de contratación das administracións públicas estarán asistidos por unha Mesa de Contratación. Nos procedementos negociados en que non sexa necesario publicar anuncios de licitación e nos procedementos a que se refire o artigo 159.6 (procedemento aberto simplificado de tramitación reducida) a constitución da mesa será potestativa para o órgano de contratación.
O 14 de xaneiro de 2020 ditouse a resolución reitoral que establece a estrutura orgánica dos Servizos Centrais da Universidade da Coruña e as competencias dos seus órganos directivos. A resolución entrou en vigor o 15 de xaneiro de 2020.
Por todo o anteriormente exposto, e de conformidade co previsto no artigo 326 da LCSP/2017, no Real decreto 817/2009 e no exercicio das facultades que lle confire o artigo 36 do Decreto 101/2004, do 13 de maio, polo que se aprobaron os estatutos da Universidade da Coruña, modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, esta Reitoría
RESOLVE:
Primeiro. Composición da Mesa de Contratación
Desígnanse os membros da Mesa, con carácter permanente e en razón dos postos que actualmente desempeñan, que se citan a seguir:
1. Presidencia: será exercida pola persoa titular da Vicerreitoría de Economía e Planificación Estratéxica.
2. Vogais permanentes:
a) Xefatura do Servizo de Intervención.
b) Xefatura do Servizo de Asesoría Xurídica.
c) Xefatura do Servizo de Contratación, Patrimonio e Xestión Económica.
3. Secretaría: Xefatura da Sección de Contratación.
Segundo. Réxime de suplencias no caso de vacante, enfermidade ou ausencia
1. Presidencia: será suplida pola persoa titular da Vicerreitoría que corresponda, de acordo coa orde de prelación establecida no artigo 1 da Resolución reitoral do 14 de xaneiro de 2020 pola que se establece a estrutura orgánica dos Servizos Centrais da Universidade da Coruña e as competencias dos seus órganos directivos.
2. Vogais permanentes:
a) Xefatura do Servizo de Intervención: pola xefatura de sección ou, na súa ausencia, pola do negociado do citado servizo.
b) Xefatura do Servizo de Asesoría Xurídica: pola xefatura de sección ou, na súa ausencia, pola do negociado do citado servizo.
c) Xefatura do Servizo de Contratación, Patrimonio e Xestión Económica: pola Xefatura da Sección de Xestión Económica ou, na súa ausencia, pola dun dos negociados da citada sección.
3. Secretaría: pola xefatura dun dos Negociados de Contratación ou, na súa ausencia, pola dun dos outros negociados do Servizo de Contratación, Patrimonio e Xestión Económica.
Terceiro. Normas de funcionamento da Mesa de Contratación
Para a válida constitución da Mesa deberá estar presente a maioría absoluta dos seus membros e, en todo caso, o/a presidente/a, o/a secretario/a e os dous vogais que teñan atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico e ao control económico-orzamentario do órgano de contratación.
Terán voz e voto todos os membros da Mesa citada no punto primeiro, excepto o/a secretario/a da Mesa e os funcionarios e asesores especializados que se incorporen ás reunións, segundo a natureza dos asuntos que se vaian tratar, que actuarán con voz e sen voto.
A Mesa de Contratación poderá, así mesmo, solicitar o asesoramento de persoal técnico ou experto independente con coñecementos acreditados nas materias relacionadas co obxecto do contrato. A súa asistencia será autorizada polo órgano de contratación e deberá ser reflectida expresamente no expediente, con referencia ás identidades do devandito persoal técnico ou experto, á súa formación e á súa experiencia profesional (artigo 326.5 LCSP/2017).
A Mesa de Contratación poderá solicitar cantos informes técnicos considerar pertinentes (art. 150.1 LCSP/2017).
Nos casos en que a valoración dos criterios mediante un xuízo de valor corresponda a un comité formado por expertos ou a un organismo técnico especializado (art. 146.2.a) LCSP/2017), a designación realizarase e publicarase no perfil de contratante (art. 63.5 LCSP/2017).
De xeito supletorio, o seu funcionamento rexerase polo establecido no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, subsección 1ª da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Cuarto. Publicación e efectos
Esta resolución terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, momento en que deixará de ter efectos a anterior Resolución reitoral do 18 de xullo de 2018 pola que igualmente se establecía a composición da Mesa de Contratación Permanente da Universidade da Coruña.
A Coruña, 24 de xaneiro de 2020
Julio Abalde Alonso
Reitor da Universidade da Coruña