Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 7 de febreiro de 2020 Páx. 8467

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipamento (programa Maquinaria 4.0) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG406M).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 26 de novembro de 2019 acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipo (programa Maquinaria 4.0), e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipo (programa Maquinaria 4.0), e convocar para o ano 2020 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG406M).

Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2020

Ano 2021

Total

2018 00005

09.A1.741A.7706

1.000.000 €

1.000.000 €

2.000.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de cinco meses contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, transcorrido o cal se poderá entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 31.10.2021, sendo esta a última data admisible de facturación e pagamento.

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de novembro de 2020 para a anualidade 2020, e como máis tarde o 15 de novembro de 2021 para a anualidade 2021.

O prazo para solicitar anticipos terá como data límite o 30 de setembro de cada unha das anualidades consideradas.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007) indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas ao desenvolvemento de maquinaria
e bens de equipo (programa Maquinaria 4.0)

A Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0 (en adiante, a Axenda) aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas a desenvolver pola Administración galega entre os anos 2015 e 2020. Coa última revisión da Axenda propúxose a continuación das accións nos anos 2021 e 2022.

En particular, o plan de Capitalización e Crecemento, no seu enfoque estratéxico de «Dimensión empresarial» propón «apoiar a adquisición de produtos no mercado local, especialmente os resultados do desenvolvemento tecnolóxico e os procesos de innovación».

Esta proposta inicial da axenda viuse refrendada polo informe «análise da complexidade da industria galega», que expón coma unha das súas principais recomendacións o fomento de industrias con maior complexidade, entre as que destaca a da maquinaria industrial.

Os obxectivos estratéxicos e medidas que se recollen na Axenda, e esta actuación en particular, están totalmente aliñados coa estratexia de especialización intelixente de Galicia, a RIS3, plenamente avalada polos axentes do Sistema Galego de Innovación, na procura de levar a un crecemento intelixente do actual tecido industrial de Galicia a través da do aproveitamento de novas oportunidades, tanto as relacionadas co seu modelo de negocio actual como as non relacionadas, así como a través dun incremento do peso da innovación nos seus procesos actuais e futuros.

Trátase deste xeito de poñer en marcha un programa de «Compra privada de tecnoloxía» mediante o cal as empresas industriais galegas dispoñan dun proceso claro e simple para comprar maquinaria e bens de equipo a provedores locais, de xeito que se cambien dinámicas de investimento en tecnoloxía foránea por desenvolvemento tecnolóxico con provedores locais.

De xeito complementario debe permitir aos provedores de maquinaria e bens de equipo galegos contacto con novos clientes e análise dos seus retos tecnolóxicos.

Para conseguir esta selección, que permita a concentración de fondos nos proxectos máis axeitados, a axuda actúa en dúas fases: na primeira convocouse unha consulta aos sectores industriais galegos para que definiran as súas necesidades (DOG 26.9.2019, cun prazo adicional publicado o 13.11.2019). Esta consulta remata cunha selección dun máximo de cinco proxectos cuxas especificacións se publican en http://www.igape.es/gl/ser-mais-competitivo/maquinaria-4-0

Nesta segunda fase convócanse axudas para que a industria galega da maquinaria e os bens de equipo poida dar resposta aos retos plantexados mediante proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e comercialización dos resultados.

O financiamento do Programa Maquinaria 4.0 conta con recursos económicos procedentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Estas axudas teñen como obxecto apoiar o desenvolvemento, estandarización e comercialización de maquinaria e bens de equipo nos ámbitos definidos polos axentes industriais de Galicia que presentaron propostas á consulta convocada polo Igape mediante Resolución do 4 de setembro de 2019 (DOG núm. 183, do 26.9.2019 e DOG núm. 216, do 13.11.2019).

O resultado desta consulta, a resolución de selección dos proxectos e a súa especificación pódese atopar no enderezo:

http://www.igape.es/gl/ser-mais-competitivo/maquinaria-4-0

2. Os proxectos apoiados deberán estar encamiñados á obtención dun produto que satisfaga algunha destas propostas seleccionadas, e estarán compostos de actividades da seguinte natureza:

a) Mellora da capacidade produtiva mediante o investimento material e/ou inmaterial, que só será subvencionable para beneficiarios que sexan pemes.

b) Desenvolvemento experimental, segundo a definición establecida no apartado 86 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño) (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014): a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados. Pode incluír tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación, sempre e cando non vaia destinada a usos comerciais.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados. Pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando as ditas modificacións poidan representar melloras deles.

c) Innovación en materia de organización, na definición do apartado 96 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014: a aplicación dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa. Non se inclúen os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos, e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

d) Innovación en materia de procesos, na definición do apartado 97 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014: a aplicación dun método de produción ou subministración novo ou significativamente mellorado (incluídos os cambios significativos en canto a técnicas, equipos ou programas informáticos). Non se inclúen os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos, e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

e) Estandarización e creación de catálogos de produto, que comprende actividades nas que se fixen as características que compoñerán unha gama concreta de produtos; elaboración de opcións e ampliacións modulares dos mesmos; especificación homoxénea mediante textos, planos, esquemas e similares; homologación de produtos segundo normativas de calidade, sectoriais ou comerciais; elaboración de catálogos en calquera medio; xeración de modelos e especificacións formais electrónicos interoperables e outras similares relacionadas co proxecto de desenvolvemento presentado.

f) Comercialización do produto xerado, que comprende actividades de elaboración de propostas de valor; capacitación do equipo comercial; definición de novos mercados; prospección e exploración do mercado; accións de difusión nos medios máis axeitados para o produto; contacto e seguimento de oportunidades comerciais; elaboración de acordos de distribución e outras similares relacionadas co proxecto de desenvolvemento presentado.

g) Plans de mantemento e formación de distribuidores, que comprende actividades de elaboración dos plans de mantemento axeitados para os produtos desenvolvidos; homologación dos mesmos; selección e capacitación dos distribuidores; deseño e posta en marcha de programas de distribución e outras similares relacionadas co proxecto de desenvolvemento presentado.

3. Os proxectos obxecto de apoio deben cumprir as seguintes condicións:

a) Ser técnica e economicamente viables.

b) Todas as actividades deben desenvolverse en centros de traballo en Galicia.

c) Ter efecto incentivador: de acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se ten presentado antes do comezo do proxecto. Prodúcese un efecto incentivador cando as axudas cambian o comportamento dunha empresa de tal maneira que esta emprenda actividades complementarias que non realizaría, ou que, sen as axudas, realizaría dunha maneira limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade nos que a empresa incorrería de todos os xeitos, nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica. A data de inicio do proxecto presentado non debe entenderse unicamente como unha data a partir da cal se poden imputar gastos, senón realmente como a data de comezo das actividades do proxecto.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. As axudas para as actividades definidas no epígrafe a) do artigo 1.2 ampáranse no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

As axudas para as actividades definidas no epígrafe b) do artigo 1.2 ampáranse no artigo 25 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

As axudas para as actividades definidas nos epígrafes c) e d) do artigo 1.2 ampáranse no artigo 29 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

As axudas para as actividades definidas nos epígrafes e), f) e g) do artigo 1.2 incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere a contía establecida no artigo 6 destas bases.

2. Ao estar as axudas para as actividades definidas nos epígrafes e), f) e g) do artigo 1.2 suxeitas ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto e, no seu caso, calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias individuais destas axudas as empresas do sector ou ámbito de negocio da fabricación de maquinaria ou bens de equipo, que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.

2. Poderán ser beneficiarias colectivas destas axudas as agrupacións de dúas ou máis empresas nas que polo menos unha delas sexa do sector ou ámbito de negocio da fabricación de maquinaria ou bens de equipo, e as outras pertenzan a sectores da industria ou servizos directamente relacionados co desenvolvemento do produto para o que se solicita a axuda. Todas as integrantes da agrupación deben ser sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos cun centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto. Neste caso, os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán todos eles a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en adiante o líder), único interlocutor coa administración durante a vixencia da axuda.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá contemplar como mínimo o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF, e nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do representante da mesma ante a Administración para os efectos de interlocutor coa mesma.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta descrito no cuestionario de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada empresa participante.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Autorización ao Igape para recadar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude, que se cubrirá no Anexo IV das bases reguladoras.

g) Sinatura de todos os integrantes.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas cuxo proxecto fora elixido no procedemento previo de consulta non poderán optar ao desenvolvemento deste proxecto.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014. As empresas solicitantes deberán cubrir no formulario electrónico de solicitude unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme á normativa comunitaria.

d) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto para o que foron concedidos.

2. En función da actividade na que se encadren, os gastos deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Mellora da capacidade produtiva mediante o investimento material e/ou inmaterial: deberá consistir en produtos novos adquiridos en propiedade, necesarios para a execución do proxecto. Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina agás elementos informáticos. A adquisición e adaptación de software considerarase investimento subvencionable.

O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os tres anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada. Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.

No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

Os beneficiarios de subvención a investimentos deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25% dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

b) Desenvolvemento experimental:

1º) Os custos de persoal: investigadores, técnicos e demais persoal auxiliar, na medida en que estean dedicados ao proxecto.

2º) Os custos do instrumental e material, na medida e durante o período en que se utilicen para o proxecto; en caso de que o instrumental e o material non se utilicen en toda a súa vida útil para o proxecto, unicamente se considerarán subvencionables os custos de amortización correspondentes á duración do proxecto, calculados de acordo cos principios contables xeralmente aceptados.

3º) Os custos de investigación contractual, coñecementos e patentes adquiridos ou obtidos por licenza de fontes externas en condicións de plena competencia, así como os custos de consultoría e servizos equivalentes destinados de maneira exclusiva ao proxecto.

4º) Os gastos xerais e outros gastos de explotación adicionais, incluídos os custos de material, subministracións e produtos similares, que se deriven directamente do proxecto.

c) Innovación en materia de organización ou de procesos:

1º) Os custos de persoal.

2º) Os custos de instrumental e material na medida e durante o período en que se utilicen para o proxecto.

3º) Os custos de investigación contractual, coñecementos e patentes adquiridos ou obtidos por licenza de fontes externas en condicións de plena competencia.

4ª) Os gastos xerais e outros gastos de explotación adicionais, incluídos os custos de material, subministracións e produtos similares, que se deriven directamente do proxecto.

d) Estandarización e creación de catálogos de produto, comercialización do produto xerado e plans de mantemento e formación de distribuidores:

1º) Os custos de persoal.

2º) Os custos de instrumental e material na medida e durante o período en que se utilicen para o proxecto.

3º) Colaboracións externas directamente relacionadas coa execución do proxecto.

4ª) Os gastos xerais e outros gastos de explotación adicionais, incluídos os costos de material, subministracións e produtos similares, que se deriven directamente do proxecto.

A suma das partidas de gastos xerais (b.4º+c.4º+d.4º) non superará o 15% da suma das partidas de custos de persoal (b.1º+c.1º+d.1º).

As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas do beneficiario nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

3. O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

4. O beneficiario deberá adquirir os bens subvencionables en propiedade. No caso de adquirilos mediante fórmulas de pagamento aprazado, os bens deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

5. Os bens subvencionables e servizos externos deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

6. Cando o importe subvencionable dos bens ou servizos que se van adquirir a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

7. En ningún caso o custo de adquisición dos bens ou servizos subvencionados poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Contía da axuda

1. A subvención será do porcentaxe dos custos relacionados no artigo 5.2 que se indica a continuación:

Tamaño da empresa beneficiaria

Concepto

Pequena

Mediana

Grande

a) Mellora da capacidade produtiva mediante investimento

30%

20%

--

b1) Desenvolvemento experimental

45%

35%

25%

b2) Desenvolvemento experimental (*)

60%

50%

40%

c) Innovación en materia de organización

50%

50%

15%(**)

d) Innovación en materia de procesos

50%

50%

15%(**)

e) Estandarización e creación de catálogos de produto, comercialización do produto xerado e plans de mantemento e formación de distribuidores

70%

60%

50%

(*): porcentaxes aplicables a proxectos colectivos nos que algunha das empresas sexa peme e ningunha das empresas corra por si sola con máis do 70% dos custos subvencionables.

(**): só se asignará esta axuda en proxectos colectivos nos que exista colaboración efectiva entre pemes e grandes empresas na actividade obxecto da axuda, e onde as pemes que colaboran corran con un mínimo do 30% do custe subvencionable.

A asignación da contía da subvención farase do seguinte xeito: nunha primeira fase asignarase un máximo de 700.000 € por proxecto, segundo a súa orde de prelación, mentres haxa crédito. No caso de que reste crédito dispoñible unha vez finalizada esta fase, concederase subvención adicional ata completar o máis posible o solicitado por cada proxecto, seguindo de novo a orde de prelación establecida.

2. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

a) Calidade e viabilidade técnica e económica do proxecto – 55 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i. Grao de cobertura das especificacións técnicas publicadas para o proxecto: ata 10 puntos.

ii. Grao de cobertura dos requirimentos comerciais do proxecto: ata 10 puntos.

iii. Melloras ao proxecto: ata 5 puntos.

iv. Estrutura de proxecto e custes axeitada ao desenvolvemento da solución: ata 15 puntos.

v. Experiencia da empresa ou agrupación en desenvolvementos similares: ata 5 puntos.

vi. Proxectos colectivos de 3 ou máis empresas: 2*(N-3) puntos, con un un máximo de 10 puntos, onde N é o número de empresas que compoñen a agrupación.

b) Capacidade de xeración de negocio, especialmente internacional – 20 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i. Plan de negocio do produto: ata 10 puntos

ii. Capacidade de comercialización internacional da empresa ou agrupación: ata 7 puntos.

iii. Alianzas previstas para a comercialización: ata 3 puntos.

c) Grao de colaboración previsto co demandante da solución – 15 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i. Proxecto de co-deseño: ata 9 puntos.

ii. Oferta de compartición da propiedade industrial: ata 3 puntos

iii. Medidas previstas para o desenvolvemento iterativo da solución: ata 3 puntos.

d) Grao de aliñamento cos obxectivos da RIS3 de Galicia e da Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0 – ata 10 puntos.

Artigo 7. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante ou o líder da agrupación deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

e) Como se cualifica segundo os criterios da definición de peme establecidos pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014: pequena empresa, mediana empresa ou gran empresa.

f) Que non iniciou o proxecto nin existe acordo irrevogable para realizalo.

g) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con esta axuda.

h) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, durante un período de catro anos desde o fin do prazo de execución da axuda.

i) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos segundo o establecido no artigo 5 das bases reguladoras.

j) Se é o caso, que ten implantado un plan de igualdade.

k) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivo.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá ao solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) No caso de proxectos individuais:

1º. Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

2º. Acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

3º. As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.6 destas bases reguladoras.

4º. Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6.2 destas bases, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude. Esta memoria deberá respectar o formato que propón a oficina virtual do Igape.

b) No caso de proxectos colectivos:

1º. Documento contractual que regule o funcionamento interno da agrupación segundo o establecido no artigo 4.2 das bases.

2º. Para cada empresa integrante da agrupación:

i) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

ii) Acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

iii) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado as empresas participantes, de acordo co establecido no artigo 5.6 destas bases reguladoras.

iv) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6.2 destas bases, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude. Esta memoria deberá respectar o formato que propón a oficina virtual do Igape.

v) Anexo IV de declaracións e comprobación de datos.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) No caso de proxectos individuais:

DNI/NIE da persoa solicitante.

DNI/NIE da persoa representante.

NIF da entidade solicitante.

NIF da entidade representante.

Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 7.4 destas bases.

Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

Consulta de concesións pola regra de minimis.

b) No caso de proxectos colectivos, para cada unha das empresas integrantes da agrupación:

DNI/NIE da persoa integrante da agrupación.

NIF da entidade integrante da agrupación.

DNI/NIE da persoa representante.

Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 7.4 destas bases.

Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou, se é o caso, no anexo de declaracións e comprobación de datos das empresas integrantes da agrupación (anexo IV), e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador, cuxos membros serán designados pola Dirección Xeral do Igape de entre o persoal da Área de Competitividade. Este órgano estará composto por un mínimo de tres membros e contará cun presidente e un secretario/a con voz e voto. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

No órgano avaliador poderán participar, con voz pero sen voto, as empresas que presentaran propostas de desenvolvemento no procedemento de consulta aos sectores industriais galegos convocado mediante Resolución do 4 de setembro de 2019 (DOG núm. 183, do 26.9.2019) e Resolución do 8 de novembro de 2019 (DOG núm. 216, do 13.11.2019) pola que se abre novo prazo para enviar propostas.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador, quen elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación establecidos no artigo 6.2 destas bases.

4. En caso de empate nas puntuacións, decidirase en primeiro lugar a favor do proxecto no que a maioría de empresas teñan implementado un plan de igualdade segundo a declaración responsable que cubrirá no formulario de solicitude. De persistir o empate, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio a). Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación no criterio b), e así sucesivamente. Por último, darase preferencia aos proxectos segundo a súa orde de presentación.

5. O órgano avaliador considerará unicamente as solicitudes que acadaran 50 puntos.

6. Para cada un dos proxectos de desenvolvemento escollidos tras o procedemento de consulta concederase, como moito, unha axuda.

Artigo 11. Resolución

1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de resolución en base a este procedemento a partir da relación de solicitudes puntuadas. A continuación, elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

6. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun acuse de recibo das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Admitiranse modificacións da resolución inicial dentro dos límites xerais establecidos nestas bases relativas ao orzamento subvencionable á baixa, ao traspaso orzamentario entre partidas de gasto, á modificación á baixa do prazo de execución do proxecto, ao cronograma de execución, á tipoloxía de actividades a acometer, ao cambio de provedores e tipoloxía de gasto sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que supoñan unha maior subvención para o proxecto.

2. No caso de agrupacións, permitiranse as modificacións encamiñadas a que un ou varios dos membros da mesma se faga cargo das actividades encomendadas a outro membro. Neste caso, as subvencións invididuais aos beneficiarios que asuman as actividades poderán incrementarse na medida en que se decremente a do beneficiario que deixa de executalas.

3. O beneficiario deberá comunicar ao Igape a modificación das condicións establecidas na resolución. Para solicitar a modificación, deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 7 das bases e presentar a instancia de modificación xerada pola aplicación dirixida á Dirección Xeral do Igape. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar en algún dos seus centros de traballo en Galicia o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución do procedemento e, de ser o caso, manter os investimentos durante polo menos tres anos desde a finalización do dito prazo. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte á natureza do investimento, ou o cesamento da actividade. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante catro anos desde o fin do prazo de execución.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados.

e) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere o importe establecido no artigo 6 destas bases.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia, segundo o establecido no anexo III a estas bases.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

i) No caso de proxectos seleccionados por aplicación do criterio de desempate relativo á implantación dun plan de igualdade, deberá manterse implantado o dito plan durante o período de execución do proxecto.

j) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, previo requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a esixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu Regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá ao beneficiario das sancións que, conforme á lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. No caso de agrupacións, esta memoria só a debe presentar o líder da agrupación, e comprenderá a información para as actividades de todos os integrantes.

b) Informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que leve a cabo a revisión da conta xustificativa como exixe o artigo 50.1.b) do Decreto 11/2009. Este informe expresará o criterio do auditor e fará mención explícita ás comprobacións realizadas, co alcance mínimo seguinte:

1º. A correcta realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados segundo os termos destas bases e da resolución de concesión, incluíndo (pero sen limitarse a) o seguinte:

– Aplicación dos gastos realizados a conceptos subvencionables, cumprindo as esixencias do mesmo.

– Contabilización segundo o esixido por estas bases reguladoras.

– Encadramento dos gastos nas categorías do artigo 5.2.

– Execución no período subvencionable.

– Trazabilidade entre os gastos para os que se concedeu a resolución e a súa facturación e pago.

– Correcta aplicación dos mesmos tendo en conta a marxe do 20% establecida no punto 8 deste artigo.

– Existencia de xustificante de transferencia, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria no que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a súa veracidade. Nestes documentos deberán quedar identificados o receptor e emisor do pago e o importe da factura.

– Documento bancario auténtico que acredite a identificación do receptor e emisor do pago.

– Xustificación do cambio empregado no caso de presentar facturas en moeda estranxeira.

2º. A existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

3º. O cumprimento das obrigas establecidas nestas bases en canto á execución do proxecto.

4º. O cumprimento e mantemento dos requirimentos para ser beneficiario.

5º. No caso de gastos de persoal, adecuado dimensionamento e trazabilidade entre a actividade do proxecto e os gastos declarados.

6º. No caso de gastos en instrumental e material ou outros gastos externos, adecuado dimensionamento e trazabilidade entre a actividade do proxecto e os gastos declarados.

7º. No caso de declarar gastos xerais, a aplicación dun criterio aceptable para a súa imputación.

8º. A existencia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario para determinados gastos, de acordo co establecido nestas bases reguladoras.

9º. A declaración responsable do auditor sobre a contía da axuda correctamente xustificada de acordo coas bases.

O informe de auditor deberá anexar toda a documentación probatoria (facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009, que deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado e cando o beneficiario non dispoña de factura electrónica, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel; xustificantes de pago, evidencias das comprobacións realizadas, etc.) que acredite a correcta realización do mesmo segundo as normas de actuación e supervisión aplicables.

No caso de agrupacións, presentaranse informes de auditor individualizados coa xustificación de cada un dos beneficiarios. Todos os informes serán dun único auditor. O líder da agrupación presentará ademais un resumen elaborado polo auditor das conclusións de todos os informes individuais.

c) A copia –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.f) destas bases.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 7 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

6. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

8. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20% de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

9. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme ao artigo 13 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime ao beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007.

Artigo 16. Aboamento das axudas

1. O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

2. Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50% do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente, dentro do prazo indicado na resolución de convocatoria. Deberán facer constar se optan por esta modalidade na solicitude de cobramento. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Neste suposto exímese aos beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro ao que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Cando, como consecuencia do incumprimento, o gasto subvencionable supere os criterios para a determinación de incumprimento parcial establecidos no punto 4 deste artigo.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 14.f) destas bases.

i) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, excepto o permitido no artigo 15.9.

j) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Se o incumprimento superase o 50% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de proxectos seleccionados por aplicación do criterio de desempate relativo á implantación dun plan de igualdade, non manter o dito plan durante a execución do proxecto suporá o reintegro dun 2% da subvención concedida.

Artigo 18. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 19. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 14, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de catro anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, o Igape publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o beneficiario da subvención está obrigado a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 22. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa

a) Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

b) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013).

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

Axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipo
(programa Maquinaria 4.0)

Responsabilidade do beneficiario:

En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape e da Xunta de Galicia, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia.

PROXECTO COFINANCIADO POLO IGAPE, XUNTA DE GALICIA

missing image file

2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento:

a) Breve descrición no seu sitio de Internet, no caso de que dispoña dun, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia. Para cumprir con este requisito pode incluírse, integrado no espazo web da empresa, a seguinte imaxe:

http://www.igape.es/images/Publicidad/FPI-IG270-Maquinaria4.0.png

b) Cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no que se mencionará a axuda financeira do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

missing image file

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file