Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 7 de febreiro de 2020 Páx. 8243

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MT809D).

BDNS (Identif.): 494722.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo:

Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza Celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

2. Liña para prevención de danos ocasionados polo xabaril.

Poderanse acoller a estas axudas:

a) As persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

b) As explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento MT809D).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MT809D).

Cuarto. Contía

Liña de prevención de danos ocasionados polo lobo: comprenderá ata un importe de douscentos trinta mil euros (230.000,00 €, dos cales 150.000,00 € se destinarán para a adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada, e 80.000,00 € destinaranse para a adquisición e instalación de valados fixos).

Liña de prevención de danos ocasionados polo xabaril: comprenderá ata un importe de cento vinte mil euros (120.000,00 €) que se destinarán para a adquisición de pastores eléctricos.

A repartición anterior aplicarase sen prexuízo de que, unha vez atendidas todas as solicitudes para cada liña de actuación, poida utilizarse o posible orzamento sobrante nunha delas para atender solicitudes na outra.

Subvencionarase a adquisición de:

1. Cans para a protección e defensa do gando, ata un importe máximo de 500,00 € por can.

2. Adquisición de pastores eléctricos. A contía máxima da axuda por explotación é de 600,00 €.

3. Adquisición de cerrumes móbiles de malla electrificada. A contía máxima da axuda será de 100,00 € por malla de 50 m, ata un máximo de 8 mallas por explotación.

4. Adquisición de valados fixos electrificados. O importe máximo da axuda será de 3,00 € por metro lineal ata un máximo de 1.500,00 € por valado.

5. Valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica. A contía máxima da axuda será de 3,70 € por metro lineal ata un máximo de 3.700,00 € por valado.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda