Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2020 Páx. 8058

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Mobilidade e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está a realizar unha revisión en profundidade dos servizos de transporte público de viaxeiros por estrada. Para tal fin, no marco do Plan de transporte público de Galicia aprobado consonte co previsto na Lei 10/2016, do 17 de xullo, de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de viaxeiros, a dita consellería procedeu á elaboración de novos proxectos de explotación dos servizos de transporte público e á licitación dos correspondentes contratos de concesión para a súa explotación.

Estes novos contratos de concesión prevén unha regulación pormenorizada de diferentes aspectos que inciden na explotación dos correspondentes servizos de transporte, configurados como obrigas contractuais. Así mesmo, a Administración considera preciso proceder a unha maior racionalización dos procedementos administrativos, de xeito que se facilite a simplificación daquelas cargas administrativas que corresponderán aos concesionarios e que non achegan, por si soas, maiores garantías para as persoas usuarias dos servizos ou para as funcións de seguimento que corresponden á Administración.

Así, as empresas concesionarias de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada no exercicio da súa actividade teñen, entre as súas obrigas, a de adscribir á prestación dos ditos servizos os medios materiais e persoal condutor ao contrato. Para tal fin, deberán presentar unha declaración responsable en que manifesten que cumpren os requisitos exixidos no prego de condicións, no proxecto de explotación e as melloras ofertadas, de ser o caso, no procedemento de licitación que deu lugar á adxudicación do contrato; igualmente, deberán comunicar as altas, baixas ou intercambios de vehículos, das instalacións fixas requiridas e do persoal condutor adscrito ao contrato, xunto coas copias das altas na Seguridade Social de todos os traballadores adscritos ao novo contrato, así como unha certificación negativa do Rexistro Central de delincuentes sexuais.

Ademais, entre os datos achegados pola empresa, figurarán entre outros a antigüidade do vehículo ou o número de prazas para persoas con mobilidade reducida, os cales deberán cumprir co previsto no correspondente contrato. Trátase a anterior dunha verificación totalmente obxectiva, de meros feitos materiais, que precisa duns mínimos cálculos matemáticos, tales como o cálculo da antigüidade dun vehículo e da antigüidade media do conxunto de vehículos do contrato e comprobación de que non superan as antigüidades máxima e media previstas no contrato, comprobación de que o número de vehículos adaptados a PMR adscritos ao contrato é igual ou superior ao requirido no contrato, etc. Polo tanto, mediante a presente resolución establécense procedementos en materia de contratos de concesión de servizos públicos de transporte que son susceptibles de ser automatizados mediante a aplicación de fórmulas, ou algoritmos, facilitando aos concesionarios destes servizos a obtención dunha acreditación da correcta adscrición.

A competencia para a verificación e o control das ditas adscricións, así como para a recepción da declaración responsable para dar por realizada as ditas adscricións ou os sucesivos cambios que se vaian producindo corresponde ao Servizo de Mobilidade responsable do contrato.

Tras a realización da declaración e a achega da correspondente documentación, as empresas concesionarias poderán descargar un documento acreditativo da correcta adscrición ou, en caso de non reunir os requisitos exixidos, o documento a través do cal se dá por denegada a dita adscrición.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable a efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, no seu caso, para á actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas no ámbito da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, a Lei 4/2013, do 30 de maio de transporte público de persoas en vehículos de turismo e o seu regulamento, a Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, Real decreto 443/2001, do 27 de abril, sobre condicións de seguridade no transporte escolar e de menores, o orego de condicións, o Proxecto de explotación do Plan de transporte público de Galicia e a Orde do 7 de abril de 2016 pola que se adaptan e incorporan á sede electrónica da Xunta de Galicia os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Infraestruturas e Vivenda:

a) Emisión do xustificante de adscrición de medios materiais e/ou persoal condutor a contratos de concesión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada.

b) Emisión do xustificante da non adscrición de medios materiais e/ou persoal condutor a contratos de concesión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada, por incumprir os requisitos exixidos no contrato e/ou na normativa de aplicación.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral de Mobilidade como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral de Mobilidade como órgano responsable para os efectos de impugnación, ao abeiro da Orde do 7 de setembro de 2017, sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicos adscritos á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «Dirección Xeral de Mobilidade» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade así como a responsabilidade do seu uso corresponderá á Dirección Xeral de Mobilidade.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Dirección Xeral de Mobilidade.

c) Nome do selo: Dirección Xeral de Mobilidade.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou entidade responsable da Administración tecnolóxica dos sistemas que dan soporte á actuación para utilizar o selo electrónico denominado «Dirección Xeral de Mobilidade» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a solicitude e renovación do selo electrónico «Dirección Xeral de Mobilidade» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia