Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2020 Páx. 7831

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2020 de modificación da composición do Comité de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

O presidente do Comité de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense enviou o día 13.1.2020 un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade en que propón o nomeamento de dúas persoas como novos membros do citado órgano.

Antecedentes.

Mediante a Resolución do 1 de febreiro de 2018, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 9 de febreiro de 2018, concedeuse a renovación da acreditación do Comité de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense, estableceuse a súa sede e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

Consideracións legais e técnicas.

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, recolle no capítulo III a regulamentación correspondente aos comités territoriais.

No que atinxe á súa composición, os comités territoriais de ética da investigación terán, segundo dispón o punto 1 do artigo 9 «unha composición multidisciplinar e estarán formados por un mínimo de nove e un máximo de quince membros de xeito que se asegure a súa independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».

Na actualidade, o Comité de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense conta con doce membros, e coa modificación que aquí se propón, a composición axústase igualmente ao tope numérico indicado no parágrafo anterior, dado que se propón a incorporación de dous novos membros, que son Iria Aparicio Rodríguez, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario de Pontevedra e Paulo Bueno Capeáns, da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade.

Pola súa banda, o punto 5 do artigo 9 sinala que «os membros destes comités serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres».

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou a Secretaría Xeral Técnica desta consellería,

RESOLVO:

O nomeamento de Iria Aparicio Rodríguez e de Paulo Bueno Capeáns como membros do Comité de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade