Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 5 de febreiro de 2020 Páx. 7539

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

DECRETO 11/2020, do 23 de xaneiro, polo que se nomea director do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia a José Eduardo López Pereira.

Por medio de Resolución do 12 de marzo de 2001, da Dirección Xeral de Universidades (DOG núm. 68, do 5 de abril), publícase o convenio de colaboración asinado o 30 de xaneiro de 2001 entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a creación do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug). Este convenio foi modificado polo convenio de colaboración asinado o 1 de decembro de 2008, publicado a través da Resolución do 10 de decembro de 2008 (DOG núm. 13, do 20 de xaneiro).

Esta entidade nace coa vontade de servizo á sociedade e a finalidade primordial de promoción e garantía da calidade do Sistema universitario de Galicia, así como a de impulsar a súa integración competitiva no contexto universitario nacional e internacional.

A Acsug conta con personalidade xurídica propia, realiza as funcións que ten atribuídas con total independencia e desenvolve os seus obxectivos co máximo rigor e con pleno respecto á autonomía universitaria e aos principios de obxectividade, transparencia, responsabilidade, eficacia e sometemento á lei e ao dereito.

Polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, aprobáronse os Estatutos do consorcio Acsug (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro). O seu artigo 21 dispón que a persoa titular da Dirección do consorcio será nomeada por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería de adscrición do consorcio, oído o Consello Reitor, e atendendo a criterios de competencia, profesionalidade e experiencia, no ámbito académico e científico, por un período de catro anos prorrogables por períodos iguais de tempo.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, unha vez oído o Consello Reitor na reunión que tivo lugar o 17 de decembro de 2019, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de xaneiro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear a José Eduardo López Pereira director do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xaneiro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional