Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 5 de febreiro de 2020 Páx. 7534

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 9/2020, do 23 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 78/2018, do 26 de xullo, polo que se regula a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22, atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte.

Ao amparo desta competencia, aprobouse a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, cuxo obxecto é o de promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia. A dita norma prevé expresamente no artigo 5 a competencia da Administración autonómica para establecer unha política activa de protección da saúde do deportista e de loita contra a dopaxe no deporte.

A Lei 3/2012, do 2 de abril, no seu título VIII regula a actuación autonómica en materia de prevención e de loita contra a dopaxe no deporte, recollendo no seu artigo 129 a política de loita contra a dopaxe e de prevención, na cal corresponde á Administración autonómica o establecemento, o seguimento e o control da política de loita contra a dopaxe e de prevención desta no ámbito da Comunidade Autónoma.

No mesmo título VIII regula a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe como un órgano administrativo adscrito ao organismo autonómico competente en materia deportiva, con competencias en materia de defensa da saúde do deportista e de prevención e control da dopaxe no ámbito da Comunidade Autónoma. A través do Decreto 78/2018, do 26 de xullo (DOG núm. 151, do 8 de agosto), regúlase a súa composición e funcionamento.

Con relación á composición actual da Comisión, considérase necesario completala para o desenvolvemento óptimo das funcións encomendadas no artigo 130 da Lei 3/2012, do 2 de abril, considerando que neste momento algúns sectores deportivos de Galicia non están incluídos na composición desta comisión. Deste xeito, o colectivo de licenciados/as e graduados/as en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte non está representado na Comisión, tendo en conta que resultan unha peza fundamental en canto ás funcións atribuídas a ela, principalmente as relativas a propoñer programas e actuacións co obxecto de promover e procurar que a actividade deportiva se realice en condicións adecuadas de salubridade e seguridade, así como a promover accións formativas e informativas con respecto aos valores da práctica deportiva sobre a saúde. En definitiva, considérase necesario contar entre as vogalías coa representación do colectivo de licenciados/as e graduados/as en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, de grande importancia na armazón do deporte galego, que acheguen a experiencia e a visión dun colectivo fundamental á hora da proposta de iniciativas, medidas e actuacións nas competencias da Comisión.

A tramitación desta norma adecuouse ao disposto nos artigos 40 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia recadando, entre outros trámites, informe económico-financeiro, informe sobre impacto de xénero, informe do departamento con competencia en administracións públicas e informe da Asesoría Xurídica Xeral, e procedeuse, así mesmo, ao trámite de audiencia ás entidades máis representativas e de información pública a través da páxina web da Xunta de Galicia. Así mesmo, observáronse os principios de boa regulación establecidos na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, é dicir, os principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, e eficiencia.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e tres de xaneiro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 78/2018, do 26 de xullo, polo que se regula a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

O Decreto 78/2018, do 26 de xullo, polo que se regula a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 4 (Composición), queda redactado do seguinte modo:

«A Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe estará composta por unha presidencia, unha vicepresidencia e catorce vogalías».

Dous. O último parágrafo do epígrafe 2.c) do artigo 4 (Composición), queda redactado do seguinte modo:

«Respecto das vogalías 2ª, 3ª e 4ª desta letra c), de existir na Comunidade Autónoma de Galicia un só colexio, a proposta será realizada por este. De haber máis dun colexio oficial, a proposta será formulada, para cada mandato, por un dos colexios, de maneira sucesiva e rotativa, seguindo a orde alfabética da súa denominación.

Tres. Engádese un punto 5ª ao alínea c) do artigo 4.2 (Composición), tal e como segue:

«5ª Unha persoa en representación do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia, por proposta do dito colexio».

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente por razón da materia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto no relativo á organización e materias propias da respectiva consellería.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xaneiro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza