Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2020 Páx. 7408

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se convocan as subvencións para a adquisición de vivenda xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020 (subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos, código de procedemento VI400A).

BDNS (Identif.): 492560.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index)

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que, tendo menos de 35 anos na data de presentación da correspondente solicitude, reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, ter a residencia legal en España.

b) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).

Este límite será de catro veces o IPREM se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou dentro da súa composición existan persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de cinco veces o IPREM cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:

i) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

ii) Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

c) Ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, que reúna os seguintes requisitos:

– Que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se determinan os centros históricos para os efectos das deducións previstas no número 14 do artigo 5 e nos números 6 e 7 do artigo 13 ter do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (DOG núm. 51, do 13 de marzo de 2018).

– Que o prezo de adquisición da vivenda, no caso de que estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, non supere o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.

No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior, o prezo de adquisición non poderá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.

– Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á data da presentación da correspondente solicitude.

e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2020 as subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos, que se tramitarán co código de procedemento VI400A.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Resolución do 18 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento VI400A), publicada no DOG núm. 124, do 2 de xullo.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións obxecto desta convocatoria financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia e faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.780.2 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2020, por un importe total de 102.700 euros.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2020 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo