Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2020 Páx. 4630

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 8 de xaneiro de 2020 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG401D).

BDNS (Identif.): 492181.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. En todo caso, a solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá presentarse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

c) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital conscientes de que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitvidade nos mercados internacionais, considerando que o desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital repercuten nas posibilidades de negocio, posibilitando a presenza en mercados, facilitando o aceso a clientes, reducindo os custos de transacción e publicidade, e permiten abrir canles comerciais novas, achegando así medios máis eficaces para a potenciación de actividades económicas internacionais e o incremento das exportacións. O obxecto último destas bases é o desenvolvemento e a implementación dun plan de internacionalización dixital de empresa.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 8 de xaneiro de 2020 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG401D).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nestas convocatorias aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7708 e polos seguintes importes con cargo aos seguintes exercicios:

Convocatoria 2020.1: 400.000 € con cargo ao ano 2020 e 800.000 € para o ano 2021.

Convocatoria 2020.2: 100.000 € con cargo ao ano 2020 e 700.000 € para o ano 2021.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Na convocatoria 2020.1, o prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 24.3.2020.

Na convocatoria 2020.2, o prazo de presentación de solicitudes comezará o 25.3.2019 e finalizará o 25.5.2020.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020

Zeltia Lado Lago
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica