Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 8 de xaneiro de 2020 Páx. 796

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 16 de decembro de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa de centros de fabricación avanzada), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408C).

BDNS (Identif.): 489907.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea, que adopten a forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima e se constitúan especificamente para a explotación da infraestrutura proposta, sen posibilidade de executar actividades non relacionadas con ela. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura subvencionable.

b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 20 % dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

c) Que conten cun mínimo de tres socios e que polo menos tres socios teñan unha participación superior ou igual ao 10 %. Se algún dos socios empresariais non é unha peme, a súa participación deberá ser inferior ao 25 %.

d) Que conten con acordos societarios elevados a públicos que aseguren o cumprimento destas condicións no caso de transmisión da propiedade durante o período de mantemento do investimento.

e) Que teñan sede social en Galicia.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar a posta en marcha de proxectos de infraestruturas locais de uso compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento do contorno das empresas e dos consumidores, e a modernización e o desenvolvemento da base industrial, co fin de mellorar a súa competitividade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 16 de decembro de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa de centros de fabricación avanzada), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408G).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nestas convocatorias aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7706 e polos seguintes importes con cargo aos seguintes exercicios:

6.300.000 € con cargo ao ano 2020, 8.400.000 € para o ano 2021 e 1.300.000 € para o ano 2022.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2019

Zeltia Lado Lago
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica