Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 30 de decembro de 2019 Páx. 55914

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 12 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento PR486A).

BDNS (Identif.): 488458.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Os concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Teren menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2018, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Teren remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2018 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2020, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 12 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento PR486A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de catro millóns de euros (4.000.000,00 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2019

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza