Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 20 de decembro de 2019 Páx. 54210

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 26 de novembro de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 25 de novembro de 2019 relativa á revisión da cartografía do Monte Veciñal en Man Común Monte Regueiro, no concello de Muíños.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común adoptou o seguinte acordo, baseándose nos feitos e consideracións legais que a continuación se expoñen:

Feitos:

Primeiro. Con data 29 de novembro de 2018 Auria Peritaciones, S.L. presentou, en representación da CMVMC de Cados, un escrito no rexistro da Xunta de Galicia (nº 2018/2877324) en que solicita que se acepte unha proposta de actualización dos límites da mouteira. Esta proposta é consecuencia da intención da CMVMC de Cados de realizar unha permuta de terreos do MVMC Monte Regueiro co fin de obter unha definición precisa dos lindeiros dun dos predios.

Coa solicitude achegouse, entre outra documentación, un informe de medición da parcela da cal se queren actualizar os lindes.

Segundo. O Servizo de Montes elaborou unha proposta de revisión con data do 28 de maio de 2019, en que fai constar os seguintes aspectos:

– A revisión do esbozo realizarase só dunha parte dos montes do MVMC Monte Regueiro, concretamente, do predio localizado máis ao leste dos que figuran no esbozo da carpeta-ficha, conforme a documentación achegada na solicitude.

– A revisión do esbozo proposta por este Servizo de Montes é coincidente co informe técnico de medición do enxeñeiro técnico agrícola achegado coa solicitude que foi aprobado pola asemblea xeral da CMVMC de Cados celebrada o 24 de agosto de 2018.

– Con esta revisión parcial do esbozo do MVMC Monte Regueiro as estremas xerais que constan no acordo de clasificación non varían e, tendo en conta as características dos planos de clasificación, non se considera tampouco que varíe a súa superficie total.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas, poderán ser obxecto de revisión axustándoo e completándoo con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, de acordo coa proposta do Servizo de Montes do 28 de agosto de 2019, acordou por unanimidade o día 4 de xuño de 2019:

Aprobar a proposta de revisión da cartografía do Monte Veciñal en Man Común Monte Regueiro, no concello de Muíños.

Ourense, 26 de novembro de 2019

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense