Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 16 de decembro de 2019 Páx. 53232

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT300A).

A Axencia Turismo de Galicia créase como axencia pública autonómica co obxectivo de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade e a conservación e promoción dos camiños de Santiago, de conformidade co disposto polo artigo 1 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

Pola súa parte, o artigo 9 dos estatutos da Axencia Turismo de Galicia establecen entre as súas funcións e competencias, directamente ou a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, a dirección e coordinación das actuacións relacionadas coa posta en valor cultural e turístico do Camiño de Santiago, a súa promoción, a xestión da imaxe corporativa do Xacobeo e da rede de albergues, e o mantemento e conservación dos camiños e a súa sinalización, así como calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño de Santiago.

A peregrinación a Santiago de Compostela é un auténtico fenómeno de carácter histórico-cultural de relevancia universal e un símbolo de fraternidade que goza de numerosos recoñecementos: primeiro Itinerario Cultural Europeo (1987) polo Consello de Europa e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: o chamado Camiño Francés en España (1993), os camiños históricos de Francia (1998) e no pasado ano 2015, os Camiños do Norte, que comprende en Galicia os chamados Camiño Norte ou da Costa e o Camiño Primitivo ou de Oviedo.

A significación histórica e cultural do Camiño de Santiago, a súa crecente vitalidade, a súa importancia como icona de Galicia, o seu decisivo papel como elemento dinamizador da vida social e económica de numerosas localidades de Galicia polas que discorren os itinerarios xacobeos patentizan que a xestión do Camiño de Santiago é unha responsabilidade colectiva que abrangue tanto ás administracións públicas como a outras institucións e colectivos sociais; en definitiva, á propia sociedade galega.

As asociacións de amigos do Camiño de Santiago son historicamente o máis relevante factor de dinamización desde a sociedade civil do Camiño e as súas rutas, tanto en Galicia, como no resto de España e noutros países do mundo. Mostra da súa relevancia decisiva é que xurdiron nos anos cincuenta-sesenta en Francia e España para promover e recuperar a peregrinación a pé, sendo o primeiro factor de dinamización ao respecto, hoxe recoñecido internacionalmente. Mostra desa relevancia é tamén que actualmente están estendidas polos cinco continentes con milleiros de asociados que traballan cada día a favor da peregrinación xacobea e os seus itinerarios, todos con meta final en Galicia.

Precísase, xa que logo, dar continuidade ao fomento das asociacións xacobeas por ser as responsables, en distintos momentos da historia contemporánea do Camiño de Santiago e no presente, das máis diversas iniciativas.

En consecuencia, con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago e aqueloutras entidades que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, co obxecto de fomentar a súa estabilidade e consolidación, como entidades imprescindibles no fomento da peregrinación xacobea, na acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago e na promoción da cultura xacobea (código de procedemento CT300A).

1.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse da forma e no prazo establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions.

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento.

c) Os teléfonos 981 54 63 67 e 981 54 74 04 da devandita axencia.

d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal.

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2019

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación (código de procedemento CT300A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto fomentar a estabilidade e consolidación das asociacións de amigos do Camiño de Santiago e a aqueloutras entidades que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, como entidades imprescindibles no fomento da peregrinación xacobea, na acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago e na promoción da cultura xacobea (código de procedemento CT300A), con dúas liñas de actuación:

Liña 1. Proxectos relacionados coa acollida aos peregrinos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia: nesta liña subvencionaranse accións de dotación de servizos, accesibilidade, novas tecnoloxías e sustentabilidade ambiental, formación e programas de hospitaleiros voluntarios e accións de mellora de albergues.

Liña 2. Proxectos relacionados co estudo e documentación do fito xacobeo, coa difusión da cultura xacobea e publicacións relativas á difusión da cultura xacobea.

Artigo 2. Financiamento, tramitación anticipada e compatibilidade

1. Estas subvencións imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.781.0, proxecto 2015 00005, cun crédito de 100.000 €, 50.000 € para cada unha das liñas establecidas no artigo anterior, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 11.

En caso de que o crédito correspondente a algunha das liñas non se completase, o importe sobrante sería destinado aos proxectos non seleccionados da outra liña que quedasen excluídos por falta de crédito obtendo a puntuación mínima establecida no artigo 11 destas bases.

2. O límite de axuda por entidade é de 10.000 €, segundo os criterios establecidos no citado artigo 11 destas bases.

3. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2020.

Asemade, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis, deberase garantir que, no caso de recibir as persoas beneficiarias outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

4. Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso, estas axudas serán incompatibles con subvencións ou entregas de diñeiro para o mesmo proxecto por parte da Xunta de Galicia, ou de calquera outro organismo ou entidade dependente desta.

5. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán solicitar as axudas as asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, legalmente constituídas, e que teñan como obxecto principal o desenvolvemento de accións relacionadas co Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable das entidades solicitantes.

3. Non se permitirá a presentación de solicitudes conxuntas por varias entidades.

4. Cada entidade só poderá presentar unha solicitude ao abeiro destas bases e por unha soa das liñas establecidas no artigo 1.

Artigo 4. Requisitos dos proxectos e gastos subvencionables

1. Para poder obter axuda, os proxectos presentados deberán reunir os seguintes requisitos:

a) O proxecto debe estar completo, de xeito que a documentación que se achegue xustifique e explique suficientemente a súa formulación.

b) Deberá fundamentar a súa necesidade social ou insuficiencia de cobertura, no caso da existencia de programas públicos ou privados desenvoltos coa mesma finalidade.

c) O proxecto deber ser viable, tanto en termos de execución económica como social.

d) Deberá contar cunha capacidade técnica, organizativa e de xestión axeitada para levar a cabo o proxecto que se vai realizar.

e) Valorarase a implantación dun sistema de control e avaliación das actividades propias da entidade, mediante o establecemento de indicadores que permitan medir o grao de cumprimento dos obxectivos.

2. Só se admitirán como gastos subvencionables os efectivamente realizados e pagados con anterioridade ao remate do prazo de xustificación, isto é, do 1 de xaneiro de 2020 ata o 31 de outubro de 2020, e que indubidablemente sexan custos vinculados ao desenvolvemento do proxecto presentado.

3. Non serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Andainas, comidas e aloxamento que, non formando parte do proxecto presentado ao abeiro destas bases, teñan como participantes aos socios das asociacións ou entidades.

b) Asistencia dos socios da asociación ou entidade a simposios, reunións, feiras ou congresos que teñan como finalidade a mera asistencia aos eventos.

c) Aquelas que teñan como finalidade o financiamento dos gastos correntes da asociación, alugamentos de locais, subministracións, etc.

d) O imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables ou compensables pola entidade.

e) Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da axuda.

Artigo 5. Prazo e forma de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo II desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar as solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións poden estar situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Axencia Turismo de Galicia ata que remate o procedemento.

3. O defecto na solicitude seralles notificado aos/ás interesados/as e daráselles un prazo de dez días hábiles para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse consonte o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria trasladaranse á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura de válida constitución da asociación ou entidade co seu obxecto social. Os solicitantes estranxeiros deberán achegar a documentación equivalente que acredite a condición de asociación conforme as exixencias da lexislación vixente no país do solicitante.

b) No caso de asociacións ou entidades estranxeiras, documento equivalente ao NIF da entidade solicitante.

c) No caso de asociacións ou entidades estranxeiras, documento equivalente ao DNI da persoa representante.

d) Poder de representación da persoa representante.

e) Memoria descritiva do proxecto que se presenta, xunto co anexo III debidamente cuberto.

f) Presentación da relación de gastos orzamentados no proxecto presentado. Non se admitirán os gastos que non figuren nesta relación. Os orzamentos deberan presentar o desagregamento da base impoñible e o IVE de cada partida do orzamento.

g) No caso de asociacións ou entidades estranxeiras deberán presentar un certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia (artigo 10.4 do Decreto 11/2009) acompañado da súa tradución legal ao galego ou español.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a documentación presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común en concordancia co previsto no artigo 5.2.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

f) Certificado de estar ao día no pagamento da Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Consellería de Facenda.

h) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. No caso de asociacións ou entidades estranxeiras, a documentación relacionada nas alíneas a) e b) deste artigo substituirase pola presentación de documento equivalente e nas alíneas c), d), e e) poderá substituírse por un certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia (artigo 10.4 do Decreto 11/2009) acompañado da súa tradución legal ao galego ou español.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, en concordancia co previsto no artigo 5.2 das bases reguladoras.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, salvo nos casos de imposibilidade de conformidade co disposto no artigo 5.2 destas bases.

Artigo 10. Procedemento de concesión das axudas e órganos competentes

1. A concesión das subvencións reguladas nestas bases realizarase a través dun procedemento de concorrencia competitiva, no cal as solicitudes se avaliarán por unha comisión de valoración, segundo os criterios establecidos a continuación.

A asignación das contías farase en proporción á puntuación recibida e ao orzamento solicitado, sen exceder os límites establecidos por cada entidade nestas bases.

2. Actuará como órgano instrutor do procedemento a Xerencia da Axencia Turismo de Galicia, correspondéndolle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se concedan as axudas. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

a) Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

b) Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

c) Formular a proposta de resolución das solicitudes aceptadas, debidamente motivada.

3. A Dirección da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a concesión destas axudas.

Artigo 11. Comisión e criterios de valoración

1. A comisión de valoración estará constituída por:

a) Presidenta: a directora da Axencia Turismo de Galicia ou persoa en que delegue.

b) Vogais:

– Un representante da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

– Un representante da Axencia Turismo de Galicia.

Secretario: o/a xefe/a da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que actuará como secretario/a.

Os/as suplentes, se é o caso, serán designados/as pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. A comisión de valoración avaliará as solicitudes consonte os criterios de valoración establecidos nestas bases. Emitirá un informe relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, indicando a puntuación asignada a cada un deles e o importe da concesión da axuda que corresponde.

No caso de existiren solicitudes que non figuran no informe anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a estas axudas.

3. Para os efectos da súa valoración establécense os seguintes criterios:

A) Criterios xerais (comúns ás 2 liñas): máximo 40 puntos.

Proxectos en que participen outras entidades ou asociacións no seu desenvolvemento

Dúas entidades implicadas (3), tres entidades (4), máis de tres entidades (5)

Ata 5

Difusión dos resultados acadados

Difusión autonómica (5), difusión nacional (7), difusión internacional (10)

Ata 10

Necesidade e continuidade no futuro do proxecto

Garantías de continuidade no tempo (5 puntos), plan de viabilidade (5 puntos)

Ata 10

Tempo e a súa continuidade que a asociación leva desenvolvendo proxectos relacionados coa acollida de peregrinos e difusión da cultura xacobea

Máis de 5 anos (5), máis de 2 anos (4)

Ata 5

Orixinalidade da actividade en cultura xacobea

Novos servizos, actividades

Ata 10

B) Criterios específicos por liñas: máximo 60 puntos.

Liña 1. Proxectos relacionados coa acollida aos peregrinos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia: máximo 60 puntos.

Mellora de albergues de xestión directa por parte da asociación

Superficie e número de prazas

Ata 10

Espazo para a consulta e información con dotación de libros, folletos e revistas de ámbito xacobeo

Ata 10

Na área non existen iniciativas no eido da hospitalidade por parte de entidades sen ánimo de lucro ou a Administración pública

Ata 10

Dotación de servizos (mobiliario, equipamento, etc.)

Número de prazas do albergue obxecto da dotación

Ata 10

Accesibilidade, inclusión, novas tecnoloxías e sustentabilidade ambiental

Número de prazas accesibles, acceso á internet e responsabilidade social corporativa

Ata 10

Accións que impulsen a inclusión e a accesibilidade, dirixidas a público novo, maiores ou colectivos desfavorecidos

Ata 10

Liña 2. Proxectos relacionados co estudo e documentación do fito xacobeo, da difusión da cultura xacobea e publicacións relacionadas coa citada difusión. Máximo 60 puntos.

– Extensión da recompilación de documentación. Expertos vencellados ao proxecto: ata 10 puntos.

– Accesibilidade dixital aos contidos: ata 10 puntos.

– Ámbito territorial do proxecto (a puntuación máxima requirirá que o proxecto se difunda en varios países): ata 20 puntos.

– Número de actuacións que se van realizar no proxecto (por exemplo exposicións, actividades de difusión...): ata 10 puntos.

– Orixinalidade dos contidos: ata 10 puntos.

4. Para obter axuda debe acadarse unha puntuación mínima de 40 puntos, cunha repartición de puntos proporcional entre os criterios xerais e os criterios da liña a que se presente a solicitude (polo menos 10 puntos deben obterse entre os criterios específicos da liña en concreto).

O importe da axuda poderá acadar o 100 % do investimento subvencionable, cun importe máximo de 10.000 € por entidade.

A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que acaden os proxectos presentados, segundo se detalla a continuación:

Puntos

% axuda (límite de 10.000 € por entidade)

76-100

100

61-75

75

46-60

60

30-45

45

5. Unha vez entregado o informe por parte da comisión de valoración, o órgano instrutor ditará unha proposta de resolución e indicará de xeito motivado a relación de entidades ás cales se conceden axudas e o seu importe. De ser o caso, contará cunha lista de agarda das solicitudes admitidas que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible.

A lista de agarda presentará unha orde, consonte a puntuación acadada, se por aplicación dos criterios de valoración dúas ou máis solicitudes acadan igual puntuación e non existe crédito suficiente para atendelas todas, atenderanse aquelas solicitudes cuxo importe solicitado sexa menor.

Así mesmo, indicarase de forma motivada a relación de proxectos para os que non se propón a concesión da axuda, por falta de documentación ou por non reuniren os requisitos.

6. No suposto de que algún beneficiario renuncie á axuda concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen axuda por esgotamento do crédito previsto. Actuarase de igual xeito cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

7. A proposta de resolución seralle notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 12. Resolución

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á directora da Axencia Turismo de Galicia.

2. A directora da Axencia, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e en que, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34.4 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto fose expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se for o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non fose expreso, o solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se producise o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Xunto coa solicitude, as persoas beneficiarias deberán presentar: memoria xustificativa, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

4. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 13.

5. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar algún dereito de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedinte non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a referida Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se for o caso, o modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a se ditar proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) O beneficiario deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control, así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

g) No caso de actuacións da liña 1 de mellora de albergues, manter a actividade subvencionada e súa actividade en Galicia durante un período mínimo de cinco (5) anos contados desde a data en que se produza a liquidación definitiva da subvención.

h) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia, de conformidade co Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia vixente, así como, farase constar a marca Xacobeo 2021, de acordo co manual de identidade visual, aprobado polo Decreto 167/2018, do 29 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Cando se materialice nunha aplicación informática, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom), deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

No caso de actuacións de mellora de albergues correspondentes a liña 1, as entidades beneficiarias deberán colocar un cartel en que figure a subvención pola Xunta de Galicia conforme o manual de identidade corporativa que estea vixente.

No caso de actuacións de importe superior a 20.000 €, deberá colocarse unha placa e manterse durante 5 anos contados desde a execución da actuación.

Tanto os carteis como as placas serán de material resistente (ríxido ou semirríxido), non sendo admisible a simple impresión en papel. Colocaranse sempre nun lugar visible ao público.

i) Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 17. Xustificación e pagamento da subvención

1. O prazo de xustificación das presentes axudas remata o 31 de outubro de 2020.

No caso de liberación de créditos, o prazo de xustificación para os proxectos en lista de agarda para os que exista crédito suficiente rematará o 30 de novembro de 2020, admitiranse para estes efectos os gastos efectivamente pagados con anterioridade ao remate da xustificación, que indubidablemente sexan custos vinculados ao desenvolvemento do proxecto de programación presentado con data comprendida entre 1 de xaneiro de 2020 ata o 30 de novembro de 2020.

2. Os beneficiarios deberán entregar a seguinte documentación xustificativa por medios electrónicos, de acordo co establecido nestas bases:

a) Presentación da solicitude de cobramento debidamente asinada, segundo o modelo do anexo V.

b) Memoria xeral da actividade realizada, segundo o orzamento presentado coa solicitude.

c) Facturas a nome da entidade dos gastos realizados e imputados ao orzamento presentado na solicitude.

d) Os soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) empregados para a difusión e promoción da actividade subvencionada; esta documentación deberá achegarse no rexistro da Axencia Turismo de Galicia, na medida en que non sexa posible presentala electronicamente, facendo constar no exterior do sobre «Xustificación axudas asociacións amigos do Camiño de Santiago».

e) Presentación da relación de gastos. Non se admitirán os gastos que non figuren nesta relación. Relación clasificada e ordenada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor, nº de factura, concepto do gasto, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Se for o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento. A dita ordenación deberá coincidir coa ordenación da documentación indicada no seguinte punto.

g) Documentación acreditativa da publicidade establecida nas alíneas g) e h) do artigo 16 destas bases.

h) No caso de que a actuación o requira, correspondente licenza de obras ou, se for o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza.

i) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado.

3. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da axuda reducirase proporcionalmente.

4. A falta de presentación da xustificación nos prazos establecidos ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución.

5. O pagamento das axudas farase efectivo unha vez presentada a documentación xustificativa máis arriba establecida.

6. Cando o beneficiario da axuda poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta, que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da axudas, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da axuda poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión para cada unha das liñas de subvencións, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas ao abeiro da correspondente liña, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Aos/ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19. Control

As entidades solicitantes e as subvencionadas quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a aquelas que deban realizar o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas, de conformidade co previsto na súa normativa específica.

Ademais, deberán facilitar á Axencia Turismo de Galicia toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou pagamento do importe da subvención.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno. Publicidade

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. No prazo máximo de tres meses contados desde a data da resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no citado artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

5. Os/as interesados/as poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorran algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

7. Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario/a da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorran algunhas das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file