Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Xoves, 12 de decembro de 2019 Páx. 52706

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2019 de modificación da composición do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G).

A presidenta do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G) enviou o día 28 de novembro de 2019 un escrito á Xerencia do Servizo Galego de Saúde no cal comunica a renuncia dun membro do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G) e propón o nomeamento dun novo membro do citado órgano.

Antecedentes:

Mediante a Resolución do 5 de decembro de 2017, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 13 de decembro de 2017, concedeuse a renovación da acreditación do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G), estableceuse a súa sede e nomeáronse membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

Entre as persoas que se relacionaban no citado anexo figuraba Ana Belén Cruz Valiño, licenciada en Dereito, que renuncia agora á súa condición de membro do comité.

O Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, dispón no artigo 5.7 que se adscribe á Xerencia do Servizo Galego de Saúde o Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia, ou órgano que o substitúa.

Consideracións legais e técnicas:

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 5.4 sinala que as persoas membros deste comité «serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres».

O número 7 do artigo 5 dispón «o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, ao criterio do comité, e logo audiencia do/a interesado/a».

Acerca da composición numérica, en concreto, o número 1 do mesmo artigo sinala que «estará formado por un mínimo de nove e un máximo de vinte e cinco membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».

Na actualidade, o CEIm-G axústase na súa composición aos citados topes numéricos, e coa vontade de manter o mesmo número, propúxose o nomeamento de Rafael Millán Calenti como asesor xurídico da Consellería de Sanidade.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou o xerente do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

O cesamento, por causa de renuncia, de Ana Belén Cruz Valiño como membro do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G).

Así mesmo, o nomeamento de Rafael Millán Calenti como membro do citado comité.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade