Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 9 de decembro de 2019 Páx. 52109

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 154/2019, do 28 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Parcelario e valoración de bens e dereitos afectados para a ampliación do cemiterio municipal da Romea, no termo municipal de Lalín.

O Concello de Lalín en sesión celebrada o día 25.1.2019, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Parcelario e valoración de bens e dereitos afectados para a ampliación do cemiterio municipal da Romea, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data do 3.10.2019 tivo entrada no rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do concello de Lalín e o expediente. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que esta actuación permitirá ao concello a ampliación do cemiterio municipal que, na actualidade, conta cun total de 4.236 unidades de enterramento adxudicadas, quedando soamente 102 dispoñibles, das cales 12 corresponden a 2 sepulturas e as restantes 90 a módulo de nichos aínda sen construír. Segundo datos municipais, estímase un déficit actual de acollida de 221 unidades de enterramento. O envellecemento da poboación deste municipio provoca a necesidade de espazo no cemiterio municipal para dar este servizo básico aos habitantes do concello, que se atopa con que as posibilidades actuais de máis ocupación no dito Cemiterio da Romea implican aumentar a densidade e eliminar espazos de paso, zonas verdes e de transición que afectarían a súa viabilidade. Xa que logo, a necesidade de ampliación do cemiterio municipal da Romea é palpable pola realidade sociodemográfica desa vila e que será crecente nos vindeiros anos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de novembro do dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Parcelario e valoración de bens e dereitos afectados para a ampliación do cemiterio municipal da Romea, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e oito de novembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza