Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 5 de decembro de 2019 Páx. 51912

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2019, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca.

Antecedentes:

A praga denominada couza guatemalteca da pataca, provocada polo organismo nocivo Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia en agosto do ano 2015.

A Tecia solanivora Povolny é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization), e no anexo II, parte A, sección I, da Directiva 2000/29/CE do Consello, do 8 de maio de 2000, polo que se considera unha praga de corentena, sometida a regulación e, polo tanto, é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.

A través da Resolución do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, declárase a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, establécense as zonas demarcadas para esta praga e adóptanse medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia. Posteriormente, a Resolución do 11 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, amplía as zonas demarcadas pola presenza da praga. Para efectos de que os agricultores de zona demarcada puidesen comunicar a existencia de parcelas de cultivo de pataca, o día 14 de febreiro de 2017 foi publicada no DOG núm. 31 a Resolución do 9 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Con data do 4 de marzo de 2017, publicouse o Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora Povolny (BOE núm. 54, do 4 de marzo). En aplicación deste real decreto, en Galicia publicouse a Resolución do 8 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e control con respecto ao organismo de corentena Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 49, do 10 de marzo).

O día 26 de marzo de 2018 publícase no DOG núm. 60 a resolución pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora ao concello de Muxía.

Posteriormente, publícase a Resolución do 19 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se prorrogan todas as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 8 de marzo de 2017 pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e control con respecto ao organismo de corentena Tecia solanivora Povolny, ou couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 46, do 6 de marzo).

Da análise recente dunhas mostras obtidas de varias trampas de campo e de dúas explotacións das parroquias de Lendo (San Xián) e Caión (Santa María do Socorro), no concello da Laracha, e na parroquia de Noicela (Santa María) no concello de Carballo, incluídas ata ese momento na zona libre, constátanse novas deteccións deste organismo e, polo tanto, estas deberán pasar a declararse como zona infestada e, polo tanto, deberá aplicarse nelas o establecido na mencionada Resolución do 8 de marzo de 2017.

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Ampliar as zonas infestadas pola existencia da praga denominada Tecia solanivora Povolny, couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia, engadindo, á parte das indicadas no punto 1.a) da Resolución do 8 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, as parroquias de Lendo (San Xián) e Caión (Santa María do Socorro), no concello da Laracha, e a parroquia de Noicela (Santa María) no concello de Carballo, na provincia da Coruña.

2. Manter todas as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 8 de marzo de 2017 e, en concreto, a expresa prohibición do cultivo de pataca nestas zonas infestadas.

3. Consideraranse zonas tampón as parroquias limítrofes da zona infestada indicada no punto 1.

4. Os agricultores das zonas tampón definidas no punto 1.b) da Resolución do 8 de marzo de 2017 deberán comunicar, inmediatamente despois da sementeira, todas as parcelas cultivadas con pataca, segundo o modelo establecido no anexo I da Resolución do 9 de febreiro de 2017 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro).

En canto ao destino desta pataca:

• Se é de autoconsumo, para a súa produción aplicaranse as medidas establecidas no artigo 8.4 do Real decreto 197/2017, e o seu movemento realizarase sempre en vehículos pechados ou cubertos cunha malla.

• Se é o de comercialización, para a súa produción aplicaranse as medidas establecidas no artigo 8.4 do Real decreto 197/2017, a instalación de almacenamento deberá cumprir co establecido no artigo 8.5 do Real decreto 197/2017, deberá estar inscrita no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores de Vexetais (ROPCIV) e o movemento de pataca deberá realizarse en vehículos pechados ou cubertos cunha malla e sempre acompañados do correspondente pasaporte fitosanitario.

5. Os operadores de pataca de semente na Comunidade Autónoma de Galicia deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) En zonas infestadas por couza guatemalteca non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca.

b) En zonas tampón e zonas libres de couza guatemalteca deberán:

• Comunicar as existencias de pataca, utilizando o modelo do anexo I da Resolución do 19 de febreiro de 2019.

• Levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente indicado no punto 2 da Resolución do 9 de febreiro de 2017.

• Os operadores situados en zona tampón, ademais, deberán instalar no local destinado a almacén trampas de feromona específica para a captura de Tecia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2019

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO

missing image file