Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 4 de decembro de 2019 Páx. 51782

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 30 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Ferroatlántica, S.A. para a súa planta de ferroaliaxes situada no concello de Cee (expediente 2018-IPPC-M-22).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de diciembre), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013 sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– Documento técnico para renovación de autorización ambiental integrada. Fábrica de Cee. Febreiro 2019.

Para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

O documento estará á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2018-IPPC-M-22.

Núm. da autorización ambiental integrada: 2006/0070_NAA/IPPC_036.

Categoría principal da actividade: anexo I, grupo 2.5.a.

Titular: Ferroatlántica, S.A.

CIF: A-80420516.

Dirección do titular: rúa Villanueva, 31, andar 1, porta esquerda, 28001 Madrid.

Enderezo da instalación: estrada de Muros, s/n, 15270 Cee (A Coruña).

Actividade principal: a planta dedícase á fabricación de ferrosilicio, ferromanganeso, silicomanganeso e microsílice. Como actividade auxiliar produce pasta de eléctrodos tipo Söderberg para consumo nos fornos de ferroaliaxes.

Fabricación de ferrosilicio: obtense por redución carbotérmica nun forno eléctrico trifásico aberto de arco somerxido no cal se acadan temperaturas de aproximadamente 3.000 ºC. As materias primas necesarias para a fabricación do ferrosilicio son o cuarzo, redutores (hulla, coque de petróleo e madeira) e fornecedores de ferro.

Fabricación de ferromanganeso: o proceso é semellante ao descrito para a obtención do ferrosilicio, aínda que o forno eléctrico de arco somerxido é cerrado e de cuba fixa. Neste caso, as principais materias primas son os minerais de manganeso, o coque metalúrxico e os fundentes.

Fabricación de silicomanganeso: é semellante á do ferromanganeso. As principais materias primas empregadas son os minerais de manganeso, as escouras xeradas na fabricación do ferromanganeso, o coque metalúrxico e os fornecedores de silicio (cuarzo e picaduras de silicio).

A microsílice: obtense a partir da depuración por vía seca dos fumes xerados no proceso de fabricación do ferrosilicio.

Fabricación de pasta de eléctrodos tipo Söderberg: prodúcese mediante a mestura da antracita desgasificada, a brea e os finos de coque.

Verteduras: a instalación conta con circuítos pechados para todas as augas residuais industriais (augas de refrixeración e augas xeradas no tratamento por vía húmida das emisións dos fornos H13 e H14). As augas residuais pluviais son recollidas e sometidas a un tratamento físico químico; unha parte destas son reutilizadas no circuíto de augas de lavado de fumes e a outra é vertida á ría de Corcubión. As augas residuais fecais vértense á rede de saneamento municipal, con destino na EDAR de Cee-Corcubión.