Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 3 de decembro de 2019 Páx. 51544

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de novembro de 2019 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2019.

A Orde do 28 de decembro de 2018, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 28, do 8 de febreiro de 2019, establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento MR446A).

O artigo 31 da Orde do 28 de decembro de 2018 establece que o financiamento das axudas procede do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia 14.03.713C 772.1, cun importe de douscentos trinta mil euros (230.000 €) para o ano 2019, de seiscentos trinta mil euros (630.000 €) para o ano 2020, e de cincocentos corenta mil euros (540.000 €) para o ano 2021. En total, un millón catrocentos mil euros (1.400.000 €).

No dito artigo 31 recóllese a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia.

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas subvencións dada a existencia de incorporación de crédito no mesmo programa.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación da dotación orzamentaria

1. Amplíase a dotación orzamentaria determinada na Orde do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2019.

2. O incremento da dotación orzamentaria será de 121.414,68 € na anualidade 2019, consignados na aplicación orzamentaria 14.04.713C 772.1.

Unha vez efectuado este incremento, o importe da dotación orzamentaria da aplicación ascenderá a 1.521.414,68 €, repartidos en 351.414,68 €, no ano 2019; 630.000 €, no ano 2020 e 540.000 €, no ano 2021.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural