Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 22 de novembro de 2019 Páx. 49668

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 11 de novembro de 2019 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Vigo.

Mediante a Orde do 10 de novembro de 2016 (DOG do 13 de decembro), fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade de Vigo.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o consello social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77.2 da citada Lei 6/2013 establece que son membros natos do consello social o/a reitor/a da universidade, o/a secretario/a xeral e o/a xerente da universidade. Así mesmo, serán membros un profesor ou unha profesora, un ou unha estudante e un ou unha representante do persoal da administración de servizos, elixidos/as polo consello de goberno das universidades. A duración do mandato dos membros do consello social sinalados neste punto será establecida polos estatutos da universidade.

A condición de persoa membro do consello social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

O presidente do Consello Social da Universidade de Vigo remite, con data do 5 de novembro de 2019, á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, escrito no que comunica que o Consello de Goberno da Universidade de Vigo, reunido o pasado 28 de outubro de 2019, designou como representante dos estudantes no Consello Social da Universidade de Vigo a Daniel Couto Cancela, en substitución de Óscar Moldes Pita. Xúntase declaración xurada de compatibilidade do novo membro.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear a Daniel Couto Cancela membro do Consello Social da Universidade de Vigo en representación dos estudantes, en substitución de Óscar Moldes Pita.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional