Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 22 de novembro de 2019 Páx. 49770

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 30 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada do centro de transferencia e tratamento de aceites usados, residuos de hidrocarburos e residuos industriais. Titular: Procesoil, S.L. (expediente 2018-IPPC-M-108).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión da autorización ambiental integrada.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro) establecen o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a documentación presentada por Procesoil, S.L. para a revisión da autorización ambiental integrada do centro de transferencia e tratamento de aceites usados, residuos de hidrocarburos e residuos industriais de Narón, para que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, presentar dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que xulgue convenientes.

Poderase acceder a esta documentación nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2018-IPPC-M-108.

Autorización ambiental integrada: 2011-IPPC-2-258.

Categoría principal da instalación: 5.1.b).

Titular: Procesoil, S.L. (B70177191).

Enderezo do titular: rúa dos Muiñeiros, parcela 9, pol. ind. Río do Pozo, 15578 Narón (A Coruña).

Localización da instalación: rúa dos Muiñeiros, parcela 9, pol. ind. Río do Pozo, 15578 Narón (A Coruña).

Actividade principal: xestión de residuos.

Descrición: o centro dedícase ao tratamento e á transferencia de residuos industriais, concretamente ao tratamento de aceites minerais usados e residuos de hidrocarburos para a obtención de combustible e ao almacenamento de produtos industriais en xeral.

En aplicación da Orde APM/205/2018 e APM/206/2018, do 22 de xullo, a instalación tratará por separado residuos de Marpol tipo C e aceites usados para o seu uso como combustible. Para isto, disporá dunha liña para tratamento destes residuos destinada a reducir o contido en auga e sedimentos mediante decantación e centrifugación, e posterior tratamento térmico (instalación nova torre de destilación).

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2018/1147 da Comisión, do 10 de agosto de 2018, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no tratamento de residuos, de conformidade coa Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.

Verteduras:

A planta fai a seguinte xestión das augas residuais:

• As augas residuais industriais xeradas no proceso e as augas de limpeza da zona industrial son almacenadas para seren entregadas a xestor autorizado.

• As augas pluviais recollidas na parcela e cuberta da nave envíanse á rede municipal existente.

• As augas sanitarias procedentes de aseos, duchas e laboratorio e da súa limpeza son vertidas ao colector municipal xunto coas augas fecais.