Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 15 de novembro de 2019 Páx. 48915

IV. Oposicións e concursos

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2019 pola que se resolve a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo convocado mediante a Resolución do 4 de outubro de 2019.

Convocada a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo no Instituto Galego de Promoción Económica mediante Resolución do 4 de outubro de 2019 (DOG núm. 199 do 18 de outubro), esta dirección xeral

DISPÓN:

Primeiro. Adxudicarlle destino, no posto de traballo que se indica, á empregada pública que se expresa no anexo desta resolución, seleccionada conforme o establecido nas bases da convocatoria, realizada por Resolución deste instituto do 4 de outubro de 2019.

Segundo. O cesamento no actual destino da empregada pública que obtivo praza producirase no prazo de tres días, contados a partir do seguinte ao da data da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se na data en que debe cesar no seu destino a empregada pública está desfrutando un período de licenza, vacacións ou permiso, o prazo para efectualo empezará a contar a partir do día seguinte ao da súa incorporación.

A toma de posesión da praza adxudicada deberase realizar no prazo de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles, conforme o establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.

Terceiro. A persoa responsable do centro en que cause baixa a empregada pública, así como a daquel en que obteña destino, consignarán no título administrativo, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e toma de posesión, das que se dará traslado, mediante copia, á Dirección Xeral da Función Pública.

Cuarto. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante este instituto, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Apelidos e nome: Zeltia Lado Lago.

DNI: ***0718**.

Código de posto: IN.IGAPE.00.002.4050100.

Denominación: xerente.

Consellería: Economía, Emprego e Industria.

Dependencia: Instituto Galego de Promoción Económica.

Localidade: Santiago de Compostela.