Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 15 de novembro de 2019 Páx. 48961

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de outubro de 2019, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se anuncia a toma de posesión provisional dos predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Castelaus (Calvos de Randín-Ourense).

En cumprimento do disposto polo artigo 37 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, notifícolle que o director xeral de Desenvolvemento Rural resolveu, con data do 7 de outubro de 2019, poñer á disposición os predios para a toma de posesión provisional dos predios resultantes do proceso de concentración/reestruturación parcelaria da zona de Castelaus (Calvos de Randín-Ourense), na cal figura vostede como propietario.

As datas para tomar posesión dos predios son as seguintes:

1. Para terreos de prado, pasteiro, labradío sen colleita e monte, o día 7 de xaneiro de 2020.

2. Para os restantes terreos, no momento en que, segundo o costume, se retiren as colleitas actuais (cereais...).

Para o caso de que se pretenda retirar arboredo, a data límite é o día 7 de abril de 2020 e deberase contar co preceptivo permiso do Servizo de Montes, e xestionar o aproveitamento con suxeición ao establecido no Decreto 50/2014, do 10 de abril, e na Orde do 20 de abril de 2018, que modifica os seus anexos II, III e VI.

(Información no enderezo https://mediorural.xunta.gal/es/areas/forestal/ordenacion/distritos/)

No prazo de dous meses contados a partir do seguinte á data establecida para a posta á disposición dos predios, poderá reclamar por defecto de superficie nos predios que lle fosen atribuídos, xuntando unha medición pericial asinada por un técnico competente, sobre diferenzas de superficie superiores a unha marxe de tolerancia variable entre a medición in situ e a que conste no boletín de atribucións dos novos predios, conforme o disposto no antedito artigo 37.

Importante: as persoas propietarias das parcelas de achega deben permitir aos titulares dos novos predios o acceso a eles para proceder, no prazo dos dous meses arriba sinalado, á súa medición.

Debe terse en conta que:

A falta de superficie dun predio non será compensada cando exista exceso de superficie no conxunto dos predios atribuídos ao mesmo propietario, e esta sexa suficiente para compensar en valor de puntuación o conxunto das atribucións.

A falta de superficie en terreos de núcleo rural (total ou parcialmente) será compensada nesta mesma clase. No caso de non existir dispoñible terreo deste tipo e o mesmo titular ter exceso de superficie en terreos doutra clase, a compensación farase sobre os ditos terreos.

Non se admitirá reclamación no caso de que o predio obxecto desta coincida exactamente, na súa delimitación cartográfica, coa parcela achegada polo mesmo titular.

Impedir ou obstaculizar a toma de posesión considérase unha infracción moi grave (artigo 90 da Lei 4/2015), e está sancionada con multa de 1.501 a 6.000 euros.

Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a toma de posesión poderá darse, logo de apercibimento, mediante compulsión directa sobre a/as persoa/s que a impidan.

Os planos do acordo e as coordenadas dos marcos están accesibles na internet na páxina web da Consellería do Medio Rural, no enderezo:

http://mediorural.xunta.gal/areas/infraestruturas/concentracions_parcelarias/publicacions

Ourense, 24 de outubro de 2019

Yago Borrajo Sánchez
Xefe territorial de Ourense