Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Martes, 12 de novembro de 2019 Páx. 48463

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, pola que se declara de interese galego a Fundación Alumán Obra Social e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Alumán Obra Social, unha vez vista a proposta da subdirectora xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 12 de xullo de 2019, a Fundación formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Alumán Obra Social foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 21 de xuño de 2019, ante o notario Francisco Manuel Ordoñez Armán, co número 1.635 do seu protocolo, por Manuel Ángel Pose Palleiro que actúa no seu propio nome e dereito.

Esta escritura pública emendouse por outra outorgada o 11 de outubro de 2019 na mesma localidade e ante o mesmo notario, co número 2.368 do seu protocolo.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto principal o fomento de actividades dirixidas á formación e integración social de persoas con discapacidade física ou psíquica e persoas en risco de exclusión social, principalmente a través de actividades médicas, psicolóxicas e educativas, deportivas e de lecer con intervención especial de animais equinos ao aire libre.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (DOG núm. 242, do 19 de decembro).

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, obxecto e actividades, o domicilio e ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Manuel Ángel Pose Palleiro como presidente, Manuel Pose Miñones como vicepresidente, Ana Barreiro Buño como secretaria e Rosa María Carril Iglesias e a entidade Cefine Neurología, S.L., representada por Serafín Ortigueira García, como vogais.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na xuntanza do día 28 de outubro de 2019, elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Alumán Obra Social consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 47 da antedita lei, no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 31 de outubro de 2019, clasificouse como de interese asistencial a Fundación Alumán Obra Social, e adscribiuse á Consellería de Política Social para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Alumán Obra Social, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social, da Fundación Alumán Obra Social, polo que

RESOLVO:

Primeiro. Declarar fundación de interese galego a Fundación Alumán Obra Social.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Alumán Obra Social no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Política Social.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Política Social, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2019

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social