Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Martes, 12 de novembro de 2019 Páx. 48458

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 30 de outubro de 2019 pola que se amplía o prazo de finalización das accións formativas recollidas na Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se procede á terceira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas (código de procedemento TR301P).

A través da Orde do 31 de decembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 5 de febreiro de 2018, a Consellería de Economía, Emprego e Industria estableceu as bases reguladoras e convocou axudas para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, prevéndose na dita orde a realización de múltiples convocatorias nas anualidades 2018 e 2019.

A Orde do 7 de decembro de 2018, DOG núm. 246, do 27 de decembro, pola que se procede á terceira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas (código de procedemento TR301P), establece no segundo parágrafo do artigo 6.2 «por causas debidamente xustificadas que xurdan despois da data de resolución, e sempre logo de autorización por parte do persoal funcionario competente da Subdirección Xeral de Promoción Laboral, as accións formativas poderán rematar, como máximo, o 10 de decembro de 2019» e posteriormente no artigo 6.3.b.2 relativo ao prazo máximo para a xustificación dos gastos elixibles establece que «a xustificación final: os gastos producidos ata o 10 de decembro de 2019 xustificaranse antes do 16 de xaneiro de 2020».

Coa finalidade de favorecer a execución dos cursos vinculados a estas unidades formativas, e a conseguinte contratación laboral vinculada, á vista das solicitudes que chegaron en tal sentido para varios cursos, cómpre ampliar o seu prazo de finalización, por causas debidamente xustificadas e sempre logo de autorización por parte do persoal funcionario competente da Subdirección Xeral de Promoción Laboal, de xeito que as accións formativas poidan finalizar, como máximo, o 30 de decembro de 2019.

O prazo de xustificación final dos gastos das accións formativas que rematen ata o 30 de decembro xustificaranse antes do 31 de xaneiro de 2020.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo límite de finalización e da xustificación das accións formativas

Amplíase ata o 30 de decembro de 2019 a data límite de finalización das accións formativas a que se refire o segundo parágrafo do artigo 6.2 da Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se procede á terceira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas (código de procedemento TR301P), por causas debidamente xustificadas que xurdan despois da data de resolución, e sempre logo de autorización por parte do persoal funcionario competente da Subdirección Xeral de Promoción Laboral.

Asemade, amplíase ata o 31 de xaneiro de 2020 o prazo de xustificación final dos gastos elixibles producidos ata o 30 de decembro de 2019.

Esta ampliación de prazo será de aplicación exclusivamente ás accións formativas financiadas ao abeiro da Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se procede á terceira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas (código de procedemento TR301P).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria