Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 11 de novembro de 2019 Páx. 48351

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade á convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de secretario/a de Administración municipal do Concello de Vigo.

O Concello de Vigo aprobou a convocatoria e as bases para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de secretario/a de Administración municipal, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que tras a tramitación do oportuno expediente remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior remisión ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública para os efectos da publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa proposta da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Local e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e o artigo 22 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que rexerán a esta, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión polo sistema de libre designación, do posto reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional que se indica a seguir:

Corporación: Concello de Vigo.

Posto: secretario/a de Administración municipal.

Subescala: secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 44.793,14 euros.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran como anexo.

Coñecemento lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2019

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases reitoras para a provisión definitiva polo sistema de libre designación
do posto de traballo de secretario/a de Administración municipal
do Concello de Vigo

Primeira. Posto e requisitos

O posto de traballo obxecto da convocatoria é o de secretario/a de Administración municipal do Concello de Vigo, código 110.03 da vixente relación de postos de traballo do Concello de Vigo, clase primeira, categoría superior, pertencente á subescala de secretaría da escala de funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O posto de traballo está dotado co nivel 30 de complemento de destino e un complemento específico código 2, segundo a relación de postos de traballo do Concello de Vigo (v. BOP do mércores 17 de xuño de 2017) que se concreta nun importe anual bruto de 44.793,14 euros, segundo os vixentes orzamentos municipais do Concello de Vigo para o exercicio 2019.

Consonte o previsto no artigo 18 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos/das funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, para o acceso ás escalas de habilitación nacional é suficiente con estar en posesión de calquera titulación universitaria das exixidas para o acceso ao subgrupo A1 de titulación.

En consecuencia, poderán participar na presente convocatoria os/as funcionarios/as de carreira de Administración local con habilitación de carácter nacional, subgrupo A1, integrados na escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional subescala de secretaría, categoría superior, que cumpran os requisitos de titulación normativamente establecidos.

Segunda. Participación

O posto de traballo obxecto de provisión con carácter definitivo poderá ser solicitado polos/as funcionarios/as con habilitación de carácter nacional da subescala e categoría a que pertence o posto.

Non poderán concorrer a esta convocatoria os/as funcionarios/as que se encontren comprendidos nos supostos previstos no artigo 36.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos/das funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, e que son os seguintes:

a) Os/as funcionarios/as inhabilitados/as e os/as suspensos/as en virtude de sentenza ou resolución administrativa firme, se non transcorrese o tempo sinalado nelas de suspensión.

b) Os/as funcionarios/as destituídos/as, a postos da Corporación onde se produciu a sanción, se non transcorrese o prazo establecido nela.

c) Os/as funcionarios/as en situación de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 89.1.a) e b) do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, se non transcorrese o prazo de dous anos desde o pase a elas.

d) Os/as funcionarios/as que non leven dous anos no último destino obtido con carácter definitivo en calquera Administración pública, salvo que o fagan a postos reservados á súa subescala e categoría na mesma corporación.

Terceira. Presentación de solicitudes, documentación e prazos

Para os efectos de tomar parte na convocatoria os/as aspirantes deberán presentar a seguinte documentación:

1. Solicitude dirixida á concelleira-delegada da Área de Economía, Empresa, Seguridade e Organización Municipal do Concello de Vigo, Área de Recursos Humanos e Formación, solicitando tomar parte na convocatoria, segundo modelo xenérico de solicitude xeral, dispoñible na web municipal www.vigo.org, na sede electrónica ou no Rexistro Xeral do Concello de Vigo, en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, á cal deberá xuntarse a documentación xustificativa dos requisitos exixidos e dos méritos alegados que se recollen na seguinte epígrafe.

2. Documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos esixidos na base primeira.

3. Currículo no cal figuren:

a) Titulación académica consonte o establecido no artigo 18 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo.

b) Acreditación da condición de funcionario/a de Administración local con habilitación de carácter nacional.

c) Anos de servizo.

d) Postos de traballo desempeñados nas administracións públicas.

e) Acreditación do coñecemento de lingua galega segundo o Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, debendo achegar para tal efecto, documento acreditativo da posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

f) Estudos, cursos, formación e especialización realizados.

g) Calquera outro mérito que consideren oportuno salientar en relación coas funcións atribuídas ao posto solicitado, pertencente a un municipio de gran poboación nos termos do recollido na Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do Goberno local, acompañando documentación fidedigna acreditativa dos aspectos indicados.

4. No suposto de achega e acreditación de grao persoal consolidado, este deberá estar formalmente recoñecido e deberá achegarse a correspondente resolución administrativa ditada para tales efectos.

A documentación indicada acreditarase coa presentación de orixinais ou fotocopias compulsadas.

Os/as interesados/as dirixirán as solicitudes e a documentación complementaria ao órgano e servizo indicado dentro dos 15 días hábiles seguintes ao da publicación do extracto da resolución de convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

Os requisitos exixidos nas presentes bases, así como os requisitos e experiencia alegados, deberán reunirse na data de finalización do prazo para tomar parte na convocatoria.

Poderase recabar dos participantes na convocatoria aclaracións ou documentación adicional, cando da presentada non resulten suficientemente acreditados os datos alegados en relación cos requisitos exixidos. Igualmente, os/as participantes poderán ser citados/as a unha comparecencia para os efectos de explicitar aspectos determinados da súa carreira profesional.

Cuarta. Resolución

O órgano municipal competente procederá, de ser o caso, e logo de constatación dos requisitos exixidos na convocatoria, a ditar a resolución correspondente no prazo de 1 mes, dando conta ao Pleno da Corporación e traslado de aquela ao órgano competente da Comunidade Autónoma e ao Ministerio de Facenda e Función Pública para publicación no Boletín Oficial del Estado.

A dita resolución deberá ser motivada, con referencia ao cumprimento, por parte do/da aspirante elixido/a, dos requisitos e especificacións exixidos na convocatoria e á vista da traxectoria profesional e dos méritos acreditados polos/as aspirantes.

O posto deberá ser adxudicado entre os/as candidatos/as que reúnan os requisitos exixidos á convocatoria. En todo caso, deberá quedar acreditada, como fundamento da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido.

Quinta. Toma de posesión

O prazo de toma de posesión no novo destino será de tres días hábiles, se se trata de postos de traballo da mesma localidade, ou dun mes, se se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidades distintas.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.

Por necesidades do servizo, mediante acordo dos presidentes/as das corporacións en que deba cesar e tomar posesión o/a candidato/a nomeado/a, poderá diferirse o cesamento e a toma de posesión ata un máximo de tres meses, debendo o segundo deles dar conta deste acordo á Comunidade Autónoma.

As incidencias relativas á formalización do cese e toma de posesión rexeranse polo establecido no artigo 42 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos/das funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Sexta. Impugnación

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano que a ditou no prazo de 1 mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, ou ben recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo no prazo de 2 meses contado desde o día seguinte ao da notificación ou publicación do acto administrativo que poña fin á vía administrativa, nos supostos, termos e condicións do disposto nos artigos 8, 25 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.