Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 8 de novembro de 2019 Páx. 48013

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 28 de outubro de 2019 pola que se autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, dunha sección bilingüe de lingua alemá no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, regula no seu artigo 54 os estudos superiores de música.

O plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de música para Galicia está regulado no Decreto 163/2015, do 29 de outubro, así como no Decreto 171/2016, do 24 de novembro. No anexo II destes decretos establécense as competencias, perfís profesionais e os criterios de avaliación para as distintas especialidades e itinerarios, e entre as distintas competencias transversais figura a de comprender e utilizar, polo menos, unha lingua estranxeira no ámbito do seu desenvolvemento profesional.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia establece, no seu artigo 22, que se desenvolverán as habilidades de comunicación oral e escrita en lingua/s estranxeira/s, de maneira progresiva e gradual, na formación profesional específica e nas ensinanzas artísticas e deportivas. Igualmente, no seu artigo 23, establece que a consellería competente en materia de educación aprobará un plan de fomento das linguas estranxeiras en que se determinarán as liñas de actuación, dirixidas ao profesorado, ao alumnado e aos centros. Finalmente, na súa disposición adicional primeira, indica que a impartición de materias non lingüísticas en lingua/s estranxeira/s se regulará mediante orde aprobada pola consellería competente en materia de educación.

A Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario enmarca a necesidade de formación competencial en linguas estranxeiras do alumnado en materias non lingüísticas. Non obstante, na citada orde non se inclúen as ensinanzas de música impartidas nos conservatorios dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Neste contexto, o Conservatorio Superior de Música da Coruña, no cal xa fora autorizada unha sección bilingüe de lingua inglesa pola Orde do 30 de xullo de 2015, solicita a implantación dunha sección bilingüe de lingua alemá. Tendo en conta o carácter innovador deste proxecto educativo, e considerando as necesidades deste tipo de alumnado en materia lingüística cara a unha maior proxección internacional formativa e profesional, procede considerar a posta en marcha, con carácter experimental, da sección bilingüe solicitada no citado centro de ensinanzas artísticas superiores de música.

En consecuencia, e de acordo co establecido polo Decreto 138/2018, do 8 de novembro, no uso das funcións que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto da presente orde é autorizar, con carácter experimental, a creación dunha sección bilingüe de lingua alemá no Conservatorio Superior de Música da Coruña, a partir do curso académico 2019/20, coa finalidade de favorecer a práctica de idiomas entre o alumnado dese centro.

Artigo 2. Marco legal

A experiencia educativa que se autoriza estará encadrada dentro das ensinanzas artísticas superiores reguladas no Decreto 163/2015, do 29 de outubro, así como no Decreto 171/2016, do 24 de novembro, para o ámbito das ensinanzas superiores de música.

Artigo 3. Destinatarios/as

O presente proxecto vai dirixido ao alumnado que curse ensinanzas no Conservatorio Superior de Música da Coruña, e a participación nel terá carácter optativo nas materias que se oferten en cada especialidade.

Artigo 4. Requisitos

O número de alumnado mínimo para desenvolver a sección bilingüe será o mesmo que o establecido para a súa impartición na lingua cooficial, regulado polo artigo 22 do Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas.

Artigo 5. Organización académica

1. O alumnado que forme parte dunha sección bilingüe non poderá abandonala antes de rematar o curso escolar, salvo por razóns xustificadas ante a dirección do centro e coa autorización desta.

2. Ao final de cada curso académico, o alumnado que obteña cualificación positiva na materia obxecto de sección bilingüe recibirá unha credencial oficial expedida polo centro conforme participou nunha sección bilingüe, que deberá quedar reflectida no seu expediente académico.

3. Ao comezo de cada curso escolar, antes do 15 de outubro, a dirección do centro deberá informar a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa do número de alumnos/as matriculados/as en cada un dos cursos con seccións bilingües autorizadas, co visto e prace da Inspección Educativa.

Artigo 6. Profesorado

1. O profesorado implicado no proxecto de sección bilingüe deberá ser especialista da materia, ter destino no centro e acreditar a súa competencia na lingua estranxeira co certificado B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

2. A coordinación da sección bilingüe corresponderá a un/unha docente participante no proxecto.

Serán funcións do/da coordinador/a:

• Realizar o seguimento semanal e a coordinación do equipo de profesores/as que forman parte do programa de seccións bilingües e redactar acta dos temas tratados e dos acordos adoptados.

• Coordinar a elaboración do proxecto lingüístico no marco do proxecto educativo do centro.

• Participar nas actividades formativas do profesorado e propoñer novas actividades.

• Participar na elaboración de materiais específicos, revisar e trasladar ao equipo directivo as programacións iniciais e memorias finais.

• De ser o caso, titorizar a persoa nativa de apoio ao programa.

3. O profesorado participante na sección bilingüe poderá ter, en función da súa dispoñibilidade horaria, ata un máximo de dúas horas lectivas semanais destinadas ás actividades de coordinación, avaliación e atención ao programa. Terá as seguintes funcións:

• Elaborar a programación específica ao inicio de cada curso escolar.

• Elaborar unha memoria final.

• Participar nas actividades de formación organizadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

• Elaborar materiais curriculares específicos.

• Aqueloutras que sexan necesarias para o desenvolvemento adecuado do proxecto.

4. No relativo á formación do profesorado participante neste programa, aplicarase o disposto no artigo 6 da Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

Artigo 7. Memoria final de curso

Antes do 5 de xullo, o profesorado de cada materia non lingüística implicado no programa de sección bilingüe deberá elaborar unha memoria avaliativa, que trasladará á dirección do centro para o seu visto e prace. A devandita memoria será remitida pola dirección do centro á correspondente xefatura territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que a tramitará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, acompañada dun informe da Inspección Educativa.

Artigo 8. Asesoramento e avaliación

1. As estruturas de formación da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ofrecerán asesoramento, tanto na fase de elaboración do proxecto como na do seu desenvolvemento.

2. Con independencia do punto anterior, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través dos servizos de Inspección Educativa, levará a cabo o seguimento e posterior avaliación do proxecto co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados obtidos.

Artigo 9. Duración do proxecto

O proxecto terá unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos logo do informe favorable do servizo de Inspección Educativa emitido, tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional