Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 8 de novembro de 2019 Páx. 48279

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 4 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada á central térmica de ciclo combinado de Naturgy Generación, S.L.U., situada no concello de Arteixo (expediente 2018-IPPC-M-65).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– «Revisión AAI CCC Sabón. Febreiro 2019», para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que xulgue convenientes.

O documento estará á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático. Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2018-IPPC-M-65.

Número da autorización ambiental integrada: 2004/0215_AIA/IPPC_015.

Categoría principal da actividade: anexo I, grupo 1.1.a.

Titular: Naturgy Generación, S.L.U.

CIF: B-86010766.

Enderezo da titular: avenida de San Luis, 77, 28033 Madrid.

Enderezo da instalación: polígono industrial de Sabón; avenida do Embalse, s/n, 15142 Arteixo (A Coruña).

Actividade principal: a central térmica de ciclo combinado de Sabón dedícase exclusivamente á xeración de enerxía eléctrica mediante a combustión de gas natural nun grupo de 400 MWe de potencia nominal e utilizando a tecnoloxía de ciclo combinado. Esta tecnoloxía baséase na conxunción dun ciclo de gas cun ciclo de vapor, o que permite aproveitar a enerxía eléctrica contida nos gases de escape do ciclo de gas para xerar vapor de agua suficiente como para ser aproveitado no ciclo de vapor.

Verteduras:

– As augas vertidas ao medio mariño son as augas de refrixeración da calor residual do condensador, que son captadas do mar e devoltas a este sen ser sometidas a ningún tratamento químico. O punto de vertedura sitúase nas proximidades da praia de Alba, na marxe esquerda do río Seixedo.

– As augas pluviais limpas son recollidas en seis (6) puntos repartidos pola instalación e conducidas ao exterior, e evacúanse pola marxe esquerda do río Seixedo ata o mar.

– As augas susceptibles de estar contaminadas tras o seu uso en distintos procesos da central son recollidas e levadas á planta de tratamento de efluentes. A vertedura final das augas tratadas realízase ao colector do polígono industrial de Sabón, con destino final na estación depuradora de augas residuais de Bens.