Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 8 de novembro de 2019 Páx. 48024

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 30 de outubro de 2019 pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia.

O pasado día 28 de marzo, o pleno do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia aprobou solicitar unha modificación do prego de condicións da dita indicación xeográfica, de conformidade co establecido no artigo 53 do Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

A dita solicitude, xunto co texto do novo prego de condicións, presentouna posteriormente o consello regulador ante a Consellería do Medio Rural, de acordo co establecido tanto no Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, norma autonómica reguladora da materia.

O procedemento para a modificación dos pregos de condicións recóllese, ademais de no citado artigo 53 do Regulamento (UE) núm. 1151/2012, no artigo 6 do Regulamento delegado (UE) núm. 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, polo que se completa o Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao establecemento dos símbolos da Unión para as denominacións de orixe protexidas, as indicacións xeográficas protexidas e as especialidades tradicionais garantidas e no que atinxe a determinadas normas sobre a procedencia, certas normas de procedemento e determinadas disposicións transitorias adicionais.

A modificación que se propón afecta a letra D do prego de condicións (proba da orixe), a letra E (método de obtención) e a letra H (etiquetaxe). Ademais, tamén afecta o punto 3.7 do documento único publicado.

Son dous aspectos os que se modifican no prego de condicións, de acordo co que a continuación se describe.

Por unha parte, preténdese eliminar a obriga de utilizar contraetiquetas con codificación alfanúmerica nos envases do produto certificado, requisito que se recolle nas letras D e H do prego de condicións. A utilización de numeración individualizada nas contraetiquetas que van nos envases de cada produto comercializado supón unha elevada carga de traballo para os operadores que dificulta a súa actividade e que hoxe en día non se xustifica por necesidades do organismo de control, xa que existen outras fórmulas para verificar a correcta rastrexabilidade e a garantía da orixe e a calidade da produción.

Por outra parte, tamén se pretende corrixir un erro do actual prego de condicións, consistente en que na letra E, relativa ao método de obtención, faise referencia á realización obrigatoria dun proceso de desinfección das castañas para a súa comercialización en fresco, cando a realidade é que este proceso é unha desinsectación.

As modificacións que se formulan son de menor importancia de acordo co establecido no artigo 53.2 do Regulamento (UE) núm. 1151/2012. Segundo o indicado no citado artigo 6, número 2, do Regulamento (UE) núm. 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ao ser unha modificación de menor importancia presentada pola mesma agrupación que solicitara anteriormente o rexistro da indicación xeográfica non é preceptivo levar a cabo un procedemento de oposición.

Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións establecidas no Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios e coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar e facer pública a decisión favorable para que as modificacións do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia sexan inscritas no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro.

Segundo. Publicar a nova versión do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, sobre a que se basea esta decisión favorable. O dito prego de condicións e máis o documento único figuran na páxina web da Consellería do Medio Rural, nos seguintes enderezos electrónicos:

https://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/tramitacion/IGP_Castana_de_Galicia_Pliego_de_condiciones_septiembre_2019_definitivo.pdf

https://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/tramitacion/IGP_Castana_de_Galicia_documento_unico_septiembre_2019_definitivo.pdf

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da transmisión da solicitude de modificación do prego de condicións á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela os interesados poden interpor con carácter potestativo recurso de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural