Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 11 de outubro de 2019 Páx. 44905

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 1 de outubro de 2019, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral (modalidade B) nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (convocatoria complementaria da realizada pola Orde do 28 de maio de 2019, Diario Oficial de Galicia número 111, do 13 de xuño) (código de procedemento IN606C).

A finalidade do programa de axudas á etapa de formación posdoutoral é incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a mobilidade internacional para mellorar a súa formación e posibilitando a reincorporación nos axentes que conforman o sistema para, con posterioridade, continuar coa súa traxectoria investigadora na institución a que retorna.

A acción proposta nesta convocatoria está dirixida a aqueles doutores e doutoras que obtiveron un contrato posdoutoral a través da Gain no ano 2016 e que:

a) Se lles concedese o aprazamento da avaliación por circunstancias especiais, previstas no artigo 16 das bases da Orde do 18 de febreiro de 2016 (DOG núm. 44, do 4 de marzo), o que determinou que non se puidesen presentar á modalidade B da Orde do 28 de maio de 2019.

b) Que acadasen unha avaliación positiva e completasen a fase inicial de formación posdoutoral.

Co fin de harmonizar o exercicio das competencias que en materia de I+D+i teñen atribuídas a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e na procura de sinerxías, considérase de interese a realización de convocatorias conxuntas que axuden a consolidar un sistema de I+D+i suficientemente sólido como para garantir o desenvolvemento social e a competitividade económica.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Consellería de Economía, Emprego e Industria

ACORDAMOS:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde establece as bases polas que se rexerá esta convocatoria complementaria de axudas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, de apoio á etapa de formación posdoutoral, modalidade B, e procede á súa convocatoria.

O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas a aquelas entidades que obtiveron un contrato posdoutoral no ano 2016 da modalidade A a través da Gain e que, por circunstancias especiais, previstas no artigo 16 das bases da Orde do 18 de febreiro de 2016 (DOG núm. 44, do 4 de marzo), se lles concedeu un aprazamento da avaliación, o que determinou que non puidesen concorrer á convocatoria realizada pola Orde do 28 de maio de 2019 por non ter finalizado o antedito contrato.

O obxectivo é dar continuidade á súa carreira investigadora posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria (código de procedemento IN606C).

Artigo 2. Entidades beneficiarias e requisitos

Poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades que obtiveron unha axuda posdoutoral no ano 2016, modalidade A, a través da Gain, sempre que contraten as persoas seleccionadas que, por circunstancias especiais, lles foi concedido un aprazamento na avaliación, e que na data de peche do prazo de presentación de solicitudes acadasen unha avaliación positiva na modalidade A e completasen o dito programa. As citadas persoas seleccionadas quedarán vinculadas á dita entidade a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual.

Artigo 3. Número, duración e importe das axudas

Concederanse un máximo de 3 axudas (dirixidas a entidades beneficiarias alleas ao SUG), dun máximo de dous anos, sen posibilidade de prórroga, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terá que ser a partir do 1 de decembro de 2019 ata a data que corresponda segundo a sinatura dos contratos das persoas seleccionadas, por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas, de acordo coa seguinte desagregación:

a) Un total de 38.000 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.

b) Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación coa seguinte desagregación por anualidades: 1.000 euros en 2019, 10.000 euros en 2020 e 2021 e 4.000 euros en 2022.

Para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.

c) Un complemento a cada entidade beneficiaria que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada deberá achegar a diferenza.

En ningún caso lle serán exixibles á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ou á Gain máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

Artigo 4. Conceptos subvencionables

Os importes das axudas irán destinados a cubrir os seguintes conceptos:

Pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Os gastos que se consideran elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, son os seguintes:

1. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar.

2. Pequeno equipamento inventariable e material funxible. O material funxible, de oficina ou informático, non poderá exceder o 5 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

3. Material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas. Non se considerarán elixibles os gastos derivados da realización de publicacións científicas.

4. Viaxes e axudas de custo para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

5. Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.

6. Gastos de servizos tecnolóxicos externos.

7. Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente exixen as entidades á persoa contratada, que non superarán o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado anexo IV (bis) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha única entidade beneficiaria e sempre e cando cumpra os requisitos exixidos.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Con cada solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Declaración responsable da persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo V), en que se fagan constar os seguintes aspectos:

– Que acepta ser presentada como candidata ás axudas, indicando que se presenta por unha única entidade solicitante no ámbito desta convocatoria, e na cal se faga constar a rama de coñecemento e a área temática ás cales se adscribe, así como a declaración opcional do compromiso de utilizar a lingua galega na memoria final da actividade.

b) Aceptación no grupo de investigación ou equivalente (anexo VI).

c) Aceptación no departamento, unidade de traballo ou equivalente (anexo VII).

d) Plan de traballo: actividades académico-investigadoras que propón realizar durante o período de contrato, con especial referencia á liña propia de investigación que se pretende establecer e ao seu orzamento, cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata.

e) CV actualizado: currículo (CV) da persoa candidata a ser destinataria da axuda, preferentemente no modelo da páxina web https://cvn.fecyt.es/

f) Documentos xustificativos dos méritos alegados. No mesmo, ademais da xustificación dos devanditos méritos, deberanse achegar copias ou ligazóns ás publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos, etc. que se citen no CV, que se presentarán nun único documento pdf precedido dun índice. Sinalaranse de xeito expreso e detallado as melloras no CV durante o tempo de contrato no programa de formación posdoutoral. Durante calquera momento do procedemento a Gain, segundo corresponda, poderá solicitar ás entidades beneficiarias os comprobantes dos méritos alegados.

Para os efectos do proceso de avaliación, só se terá en conta a información contida no CV na data de peche do prazo de presentación de solicitudes. Non será posible a actualización posterior da información contida nel. No caso de que se solicite aclaración ou emenda, a información que se achegue deberá referirse, como máximo, á data de peche do prazo de presentación de solicitudes.

g) Memoria: documento asinado pola persoa candidata relativa á actividade investigadora desenvolvida nos anos que foi contratada no programa de formación posdoutoral, cunha extensión de 2.000-3.000 palabras. Nesta memoria deberase facer fincapé expreso nos seguintes aspectos:

g.1. Achegas en forma de artigos orixinais, libros ou capítulos de libro, sobre todo naquelas achegas en que a persoa candidata sexa responsable do traballo ou principal executora. Deberase facer unha breve recensión (de non máis de 500 palabras) da relevancia das achegas deste punto.

g.2. Actividade da persoa candidata no seo de grupos de investigación, liñas de traballo e/ou obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas das administracións públicas ou de entidades privadas sen ánimo de lucro, sinalando, ademais, o seu grao de participación nestas accións.

g.3. Patentes rexistradas, indicando as que están en explotación, e destacando especialmente a extensión da protección da patente nacional, europea ou polo Tratado de cooperación de patentes (PCT).

g.4. Actividade formativa da persoa candidata, especialmente a relacionada coa formación de doutoras e doutores e a dirección de teses de doutoramento.

h) Certificado da entidade solicitante no que conste que a persoa candidata foi contratada ao abeiro dun contrato posdoutoral financiado pola Gain no ano 2016 e que finalizou o dito contrato.

i) Certificado do grao de discapacidade da persoa candidata no caso de que este non fose emitido pola Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que sexa realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia.

f) Informe de vida laboral da persoa candidata.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a. Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa candidata expedido pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio, ou no recadro correspondente do anexo V, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade solicitante dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Gain. Para este fin comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos. No caso de aquelas solicitudes que non reúnan os ditos requisitos, requiriranse as entidades solicitantes para que, no prazo de dez días, emenden erros ou falta de documentos ante a dirección da Gain, para o cal presentarán a documentación oportuna. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, a persoa titular da dirección da Gain ditará unha resolución pola que se aproban as listas definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicarán na internet no enderezo http://gain.xunta.gal. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a Presidencia da Gain segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Non axustarse aos termos desta convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada, será causa de inadmisión da solicitude presentada, con independencia de que se poidan acordar outro tipo de actuacións.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 10. Avaliación e selección das solicitudes

A avaliación das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas e a selección das entidades beneficiarias das axudas realizarase, para cada rama de coñecemento e área temática sinaladas nas solicitudes, segundo as valoracións feitas por un equipo avaliador que estará formado por persoas expertas de fóra do SUG, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a partir da documentación indicada no artigo 6 das bases da convocatoria.

O equipo avaliador outorgará a puntuación correspondente a cada persoa candidata de acordo cos criterios que se recollen na seguinte táboa:

Criterio

Puntuación máx.

Plan de traballo que a persoa candidata propón realizar durante o período de contrato.

40

Melloras no CV da persoa candidata durante a súa permanencia no programa posdoutoral.

20

Capacidade da persoa para liderar unha liña de investigación: potencialidade da persoa candidata para o liderado de grupos de investigación, establecemento dunha liña propia de traballo e obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas.

30

Capacidade da persoa candidata para cumprir ao final do seu contrato os criterios dos anexos I e II da Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE do 26 de agosto), referidos a toda a carreira investigadora, sen excluír ningún ano de actividade.

10

Os resultados desta avaliación faranse chegar á Comisión de Selección, que elaborará un informe para os órganos instrutores en función dos criterios establecidos nesta convocatoria e da dispoñibilidade de recursos.

Artigo 11. Comisión de Selección

A Comisión de Selección estará constituída por nove membros:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en quen delegue, ou a persoa titular da Dirección da Área de Xestión da Gain ou persoa en quen delegue, que actuará como presidenta ou presidente da comisión.

Serán vogais da comisión:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en quen delegue.

– Unha directora ou un director de área da Gain ou persoa en quen delegue.

– Unha xefa ou un xefe de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

– Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas pola presidenta ou presidente da Comisión de Selección.

– Unha persoa representante da Comisión Fulbright.

– Unha xefa ou un xefe de servizo da Gain, que actuará como secretaria ou secretario da comisión.

A selección das persoas destinatarias das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un panel avaliador e pola Comisión de Selección.

No informe da Comisión de Selección figurarán de xeito individualizado as entidades beneficiarias, xunto coa prelación das persoas candidatas a seren destinatarias das axudas, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no artigo 10 das bases da convocatoria.

Como condición para obter a axuda, as persoas candidatas neste procedemento deberán acadar no proceso de avaliación unha puntuación igual ou superior á obtida pola persoa con menor puntuación que fose seleccionada na resolución de adxudicación das axudas da modalidade B convocadas pola citada Orde do 28 de maio de 2019.

Complementariamente, a Comisión de Selección incluirá no informe unha lista de espera na cal figurarán, por orde decrecente de puntuación, as solicitudes que non resultando seleccionadas, acaden unha puntuación como mínimo igual á obtida por algunha das persoas da lista de suplentes.

En caso de igualdade de puntuación, aplicaranse os seguintes criterios de desempate:

1º. Prevalecerán as mulleres sobre os homes.

2º. A solicitude da persoa candidata que se comprometese a utilizar a lingua galega na memoria final da actividade.

3º. A solicitude da persoa candidata que obtivese con anterioridade o título de doutora ou doutor polo que foi avaliada.

A proposta de concesión elaborada polo órgano instrutor a partir do informe da comisión así como, de ser o caso, a lista de espera para posibles substitucións, publicaranse no enderezo da internet http://gain.xunta.gal da Gain. Esta publicación terá só efectos informativos.

Artigo 12. Resolución de concesión das axudas

1. A competencia para resolver estas axudas correspóndelles conxuntamente á persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e á persoa titular da Presidencia da Gain. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución que incluirá a relación de persoas seleccionadas co importe da axuda concedida, a lista de espera, de ser o caso, e a desestimación expresa do resto das solicitudes. A Gain asumirá o financiamento das entidades beneficiarias con cargo aos seus créditos.

2. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Gain (http://gain.xunta.gal), pola cal se entenderá notificada para todos os efectos ás persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia da Gain, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

A resolución publicarase no prazo máximo de cinco meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes de cada modalidade. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Aceptación da axuda

Unha vez asinada a resolución, as entidades beneficiarias deberán remitir á Gain un escrito de aceptación da axuda no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG e vincularán as persoas seleccionadas aos seus organismos mediante a formalización do correspondente contrato.

Nos contratos deberá facerse referencia expresa:

a) Ao seu financiamento con cargo ao Programa de apoio á etapa de formación posdoutoral, modalidade B (convocatoria complementaria da realizada pola Orde do 28 de maio de 2019) da Gain.

b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada ao seu posto de traballo.

c) Á retribución bruta anual, ao lugar de prestación de servizo e á duración do contrato, que deberá ser con dedicación a tempo completo.

A data límite para a sinatura dos contratos derivados desta axuda será o 15 de decembro de 2019.

A non formalización do contrato dentro do prazo previsto considerarase unha renuncia tácita á axuda.

Artigo 15. Libramento da subvención

1. As entidades beneficiarias e contratantes das persoas seleccionadas, serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes adecuadas á normativa de aplicación e serán as perceptoras dos fondos para o pagamento dos contratos.

2. Para proceder ao libramento dos fondos será preciso que a entidade correspondente remita a xustificación da axuda nos termos que a seguir se indican:

a) Copia dos contratos asinados no prazo dun mes contado desde a súa sinatura.

b) Certificado de dedicación exclusiva á actividade asinado pola persoa investigadora e pola persoa designada para dirixir ou titorar a súa actividade científica durante o período de xustificación.

c) Certificado asinado polo órgano responsable de control da entidade onde conste a permanencia efectiva e a dedicación exclusiva da persoa investigadora ao programa.

d) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 30 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Só se terá en conta aquela documentación relativa ás persoas contratadas que permanecesen no programa un mínimo de tres meses, quedando sen ningún tipo de compromiso retributivo para aquelas que non acaden este período.

e) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que a entidade solicitante se opoña a que o órgano xestor solicite as certificacións que deban emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.

f) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. A documentación indicada achegarase consonte a seguinte periodización:

Período de xustificación

Documentación

Data límite de presentación

Xustificación da liña de investigación propia: decembro de 2019

A documentación indicada nas alíneas b), c), d), e), f) do punto 2 deste artigo e unha memoria do traballo realizado.

30 de decembro de 2019

Con esta xustificación libraranse os fondos correspondentes ao establecemento da liña de investigación propia.

Desde a data de comezo dos contratos ata o mes de abril de 2020, este incluído

A documentación indicada nas alíneas a), b), c), d), e), f) do punto 2 deste artigo.

30 de xuño de 2020

Con esta xustificación libraranse os fondos correspondentes aos custos dos contratos e aos complementos por persoa contratada, destinado a cada unha das entidades beneficiarias, correspondente ao primeiro ano de contrato.

Xustificación da liña de investigación propia: de xaneiro de 2020 novembro de 2020, ambos os meses incluídos

A documentación indicada nas alíneas b), c), d), e), f) do punto 2 deste artigo e unha memoria do traballo realizado.

30 de novembro de 2020

Con esta xustificación libraranse os fondos correspondentes ao establecemento da liña de investigación propia

De maio de 2020 a outubro de 2020, ambos os meses incluídos

A documentación indicada nas alíneas b), c), d), e), f) do punto 2 deste artigo.

15 de decembro de 2020

Con esta xustificación libraranse os fondos correspondentes aos custos dos contratos.

De novembro de 2020 a abril de 2021, ambos os meses incluídos

A documentación indicada nas alíneas b), c), d), e), f) do punto 2 deste artigo.

30 de xuño de 2021

Con esta xustificación libraranse os fondos correspondentes aos custos dos contratos e aos complementos por persoa contratada, destinado a cada unha das entidades beneficiarias, correspondente ao segundo ano de contrato.

Xustificación da liña de investigación propia: de decembro de 2020 ata o mes de novembro de 2021, ambos os meses incluídos

A documentación indicada nas alíneas b), c), d), e), f) do punto 2 deste artigo e unha memoria do traballo realizado.

30 de novembro de 2021

Con esta xustificación libraranse os fondos correspondentes ao establecemento da liña de investigación propia.

De maio de 2021 a outubro de 2021, ambos os meses incluídos

A documentación indicada nas alíneas b), c), d), e), f) do punto 2 deste artigo.

20 de decembro de 2021

Con esta xustificación libraranse os fondos correspondentes aos custos dos contratos.

De novembro de 2021 ata a finalización dos contratos

A documentación indicada nas alíneas b), c), d), e), f) do punto 2 desde artigo e ademais a documentación que se indica no punto 6 deste artigo e que se ten que enviar coa última xustificación.

30 de xuño de 2022

Xustificación da liña de investigación propia: de decembro de 2021 ata a finalización dos contratos

A documentación indicada nas alíneas b), c), d), e), f) do punto 2 deste artigo e unha memoria do traballo realizado.

30 de xuño de 2022

4. Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 360 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.

5. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

6. Ademais, coa última xustificación, a entidade beneficiaria presentará:

a) No caso de que se opoña a esta consulta, unha copia da vida laboral de cada persoa contratada durante o período de permanencia no programa. No caso de que a persoa contratada renunciase antes do remate do seu contrato, esta documentación presentarase transcorrido un mes desde a súa renuncia.

b) Unha memoria final da actividade, de aproximadamente 2.000 palabras, na cal se describa o traballo realizado durante a duración do programa. O prazo para a súa presentación será dun mes desde a extinción do contrato de traballo. No caso de persoas que abandonen o programa antes da finalización do contrato, deberán presentar unha memoria da actividade desenvolvida durante o tempo que permaneceron nel, xunto coa xustificación das estadías realizadas se a renuncia se produce durante o período de estadía, no prazo dun mes desde que se produza a extinción da relación contractual.

7. Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na presente orde.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 16. Réxime de compatibilidade

As entidades beneficiarias poderán compatibilizar as axudas reguladas nesta orde con outras axudas ou subvencións financiadas con fondos públicos ou privados que teñan unha finalidade análoga. De acordo coa normativa aplicable o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos, non poderá superar o custo da actividade subvencionada.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da Gain.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga da entidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Renuncia ás axudas, novas incorporacións e interrupcións

1. No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral, a entidade beneficiaria deberá comunicar a renuncia, mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido á Gain, nun prazo mínimo de 15 días naturais antes de que se produza. Deberase acompañar dun informe da entidade beneficiaria indicando se a persoa contratada desenvolveu unha actividade satisfactoria que permitise o seu perfeccionamento e especialización profesional durante a permanencia no programa.

2. Poderase adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na lista de espera, sempre e cando a renuncia se produza dentro do prazo de tres meses a partir da data de publicación da resolución de concesión. Para cubrir as renuncias seguirase a prelación da lista de espera definida no artigo 11. A persoa substituta quedará suxeita ás mesmas condicións durante o tempo de aproveitamento da axuda.

3. A competencia para adxudicar unha nova axuda correspóndelle á persoa titular da Presidencia da Gain.

4. As situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, adopción ou acollemento, risco durante a lactación e paternidade, suspenderán o cómputo da duración do contrato. Cando se produza a suspensión do contrato pola concorrencia dalgunha destas situacións, as entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo de suspensión, no prazo de dez días hábiles desde que esa baixa se produza.

A interrupción e a prórroga ás cales se fai referencia no parágrafo anterior deberán ser autorizadas pola Gain, que poderá solicitar os informes que considere oportunos. A entidade correspondente deberá achegar o contrato ou o documento xustificativo da prórroga que cubra o dito período, no prazo dun mes desde a súa sinatura.

Cando se autorice a interrupción e a prórroga, non se considerarán subvencionables os gastos derivados da contratación en que poida incorrer a entidade beneficiaria (retribución salarial e cota patronal da Seguridade Social) durante o tempo de interrupción, polo que non se deben incluír nas certificacións de xustificación económica. A duración do contrato verase ampliada por un período idéntico ao da interrupción para os efectos previstos nesta convocatoria.

A autorización de interrupción e de prórroga da axuda en ningún caso supón un aumento da contía da axuda concedida inicialmente. Calquera incremento no pagamento da cota patronal da seguridade social como consecuencia do período prolongado será por conta da entidade contratante.

Artigo 20. Control

A Gain poderá realizar as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. Así mesmo, poderán solicitar un informe ás entidades beneficiarias sobre a execución das axudas e o seu impacto, en particular, sobre as persoas contratadas mediante un seguimento destas durante os seis meses posteriores á finalización do contrato, que permita constatar cal é a súa situación laboral.

As persoas contratadas serán sometidas a procesos de avaliación do seu rendemento científico dentro do programa, de acordo coas condicións que se establecen no artigo 21 desta orde.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos que teñan atribuídas facultades de control sobre estes fondos.

Artigo 21. Procedementos de avaliación do rendemento

No último ano, as persoas contratadas serán sometidas a unha avaliación da actividade investigadora desenvolvida para os efectos de obtención do certificado de cumprimento dos requisitos de calidade de produción e actividade científico-tecnolóxica que impliquen unha traxectoria investigadora destacada. O proceso de avaliación será realizado por un equipo avaliador formado por persoas expertas de fóra do SUG, coa colaboración da ACSUG, a partir da documentación que lles será requirida ás persoas contratadas. Para obter unha avaliación positiva deberán acadarse os criterios sinalados nos anexos I e II da Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE do 26 de agosto) pola que se establecen os criterios de avaliación do programa I3. Estes criterios poderanse modular por proposta do equipo avaliador cando así o consideren necesario nun ámbito ou contexto determinado. O marco temporal comprenderá o conxunto da traxectoria investigadora do persoal contratado, sen exceptuar ningún ano de actividade.

Artigo 22. Dereitos e obrigas

Son obrigas xerais da entidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Formalizar un contrato de traballo de duración determinada con dedicación a tempo completo coa persoa candidata seleccionada.

c) Proporcionarlle o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos para o normal desenvolvemento da súa actividade.

d) Permitir a súa integración nos departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

O persoal investigador contratado ao abeiro destas axudas poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes relacionadas coa actividade de investigación proposta, ata un máximo de 80 horas anuais, por pedimento propio e coa aprobación da súa universidade, respectando en todo caso a normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

As persoas contratadas mediante estas axudas teñen os seguintes dereitos e obrigas:

1. Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

2. Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolva as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.

3. Poderá recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización).

4. Presentar a memoria final da actividade a que se fai referencia no artigo 15.6.b) da convocatoria.

Artigo 23. Dotación orzamentaria

As axudas imputaranse ás aplicacións orzamentarias 09.A3.561A.480.0 e 09.A3.561A.781.0 correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, 2020, 2021 e 2022 nas cales existe crédito adecuado e suficiente, coa seguinte distribución por anos:

Entidade beneficiaria

Núm. axudas

Aplicación orzamentaria

Crédito (en euros)

2019

2020

2021

2022

Total

Entidades alleas ao SUG

3

09.A3.561A.480.0

0,00

107.500,00

117.000,00

9.500,00

234.000,00

09.A3.561A.781.0

3.000,00

30.000,00

30.000,00

12.000,00

75.000,00

Total

3.000,00

137.500,00

147.000,00

21.500,00

309.000,00

A distribución de fondos por anualidades é unha previsión que se deberá axustar á proposta elaborada pola Comisión de Selección e á data de inicio dos contratos derivados desta convocatoria, de acordo co artigo 31 do Regulamento de subvencións de Galicia.

Estas axudas, dado que están dirixidas a organismos de investigación de natureza pública ou privada sen ánimo de lucro e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico, non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01). En todo caso, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 2 do devandito marco.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade dos previstos no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Gain (procedemento IN606C) coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha dos procedementos incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Contra esta orde poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ou a persoa titular da Presidencia da Gain no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria e presidente da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file