Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 7 de outubro de 2019 Páx. 44377

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2019 pola que se aproba o documento de delimitación dos espazos e dos usos portuarios do porto de Cedeira.

A Área de Explotación e Planificación Portuaria da entidade pública empresarial Portos de Galicia redactou o documento da delimitación dos espazos e dos usos portuarios (DEUP) do porto de Cedeira, instalacións portuarias situadas no termo municipal do mesmo nome da provincia da Coruña, e adscritas á entidade pública para a súa xestión.

Este documento foi redactado de acordo coa súa formulación prevista no artigo 52 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 26, do 14 de decembro), que dispón que nos portos e nas instalacións marítimas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia se delimitará unha zona de servizo portuaria. A delimitación efectuarase a través da DEUP.

Na reunión do Consello Reitor de Portos de Galicia celebrada o día 31 de xullo de 2019, este acordou dar a súa conformidade á proposta de DEUP do porto de Cedeira, así como elevala e propoñela para a súa aprobación a través da Consellería do Mar.

Unha vez visto o informe sobre o trámite da proposta de DEUP da xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria de Portos de Galicia do 5 de xullo de 2019, que conta coa conformidade da Dirección da entidade pública empresarial, así como o acordo do Consello Reitor de Portos de Galicia do 31 de xullo de 2019 dando a conformidade á proposta da DEUP do porto de Cedeira e elevándoa e propoñéndoa para a súa aprobación, a Presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Mar conferida pola Orde do 30 de marzo de 2012,

RESOLVE:

Aprobar o documento da delimitación dos espazos e dos usos portuarios do porto de Cedeira (Cedeira, A Coruña), na súa última versión redactada polos servizos técnicos da dita área e asinada en outubro de 2018 polos enxeñeiros de camiños, canais e portos da entidade pública empresarial Andrés D. Cervantes Refojos, como xefe do Departamento de Planificación Portuaria, e por Ana Isabel Calzadilla Bouzón, como xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2019

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia