Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 4 de outubro de 2019 Páx. 43840

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 25 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización do Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) e se procede á súa convocatoria plurianual (2019 a 2022) (código de procedemento TR341X).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, este departamento asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde pois, a esta consellería, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están, para o exercicio económico 2019, as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, da Estratexia española de activación para o emprego (EEAO) 2017-2020 e do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE 2019).

Por outra banda, o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, aprobado polo Parlamento galego o 11 de maio de 2016, denomina como eixe 1 a «Empregabilidade e crecemento intelixente», eixe que recolle un modelo integral en Galicia no cal se fixan obxectivos estratéxicos como o de promover a economía social como unha maneira de xerar emprego e contribuír ao desenvolvemento económico, o de diminuír a taxa de desemprego a través da formación e a adquisición da experiencia profesional e o de favorecer a inserción laboral das persoas con especiais dificultades.

Na mesma liña, a Axenda 20 para o emprego asume como reto 2 a formación e capacitación, incrementando as cualificacións e acadando a inserción tras a formación, e, concretamente, a inserción laboral das persoas con discapacidade.

Do mesmo xeito, a Estratexia de economía social de Galicia recolle como actuacións prioritarias o reforzo dos programas de creación de emprego, con especial atención á integración de colectivos con especiais dificultades, como as persoas con capacidades diferentes e as que están en situación ou risco de exclusión, así como o apoio ás entidades que traballan para a integración laboral destes colectivos.

No Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral (regulado na Lei 30/2015, do 9 de setembro, e no Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo cal se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro), está confirmado como un instrumento efectivo para facilitar a inserción laboral a formación profesional dual, materializada no contrato para a formación e a aprendizaxe, cuxa finalidade é que a persoa traballadora adquira a formación profesional específica dun oficio de forma teórica e práctica no seu posto de traballo.

A formación dual supón grandes vantaxes respecto do método tradicional de formación para o emprego e, especialmente, no colectivo de persoas con discapacidade intelectual, tanto para a inserción laboral como para a adquisición de competencias clave e obtención das certificacións de profesionalidade. A formación dual permite unha metodoloxía de aprendizaxe adaptada e flexible, baseada nun sistema innovador que mellora a calidade da aprendizaxe, xa que se sustenta en aspectos teóricos e prácticos da profesión. Así, a persoa fórmase nun ambiente real, o cal fai que aumente a predisposición de aprender de maneira natural. A practicidade do método reforza a motivación, a responsabilidade, o hábito do esforzo e a tolerancia á frustración, e tamén permite unha avaliación continua e adaptada á persoa, e así favorece a integración sociolaboral, cuestión que adquire especialmente importancia no ámbito da discapacidade.

Mediante o Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, desenvólvese o contrato para a formación e a aprendizaxe e establécense as bases da formación profesional dual. Os aspectos formativos deste contrato regúlanse a través da Orde ESS/2518/2013, do 26 de decembro, pola que se regulan os aspectos formativos do contrato para a formación e a aprendizaxe, en desenvolvemento do Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, modificada pola Orde ESS/41/2015, do 12 de xaneiro, a cal cuantifica o custo/hora da formación presencial asociada ao contrato para a formación e a aprendizaxe cun módulo de 8 euros/hora por alumno/a e establece o financiamento ata o máximo do 25 por cento da xornada laboral se se trata do primeiro ano do contrato e ata o 15 por cento se se trata do segundo e terceiro ano do contrato. A empresa, sempre que cumpra os requisitos sinalados, pode beneficiarse destas axudas nos contratos para a formación e a aprendizaxe mediante bonificacións directas aplicadas nas cotas da Seguridade Social.

Dentro do colectivo de persoas con discapacidade, aquelas que teñen unha discapacidade de tipo intelectual, incluídos os trastornos de desenvolvemento, presentan especiais dificultades, tanto para acadar unha formación mínima necesaria para acceder a un posto de traballo, como para a súa integración no mercado de traballo. Por iso, considérase axeitado poñer en marcha unha iniciativa, de xeito experimental, que sirva para avaliar as posibilidades que o sistema de formación dual adaptada ás especiais necesidades deste colectivo pode supoñer de cara á súa integración laboral na empresa ordinaria.

Con esta finalidade deseñouse un programa de axudas de ámbito autonómico, orientado a aqueles centros especiais de emprego que, ademais de contar cunha mínima experiencia e capacidade técnica necesaria para desenvolver o proxecto, respondan ao compromiso pleno de integración laboral de persoas con discapacidade, obrigándose ao reinvestimento íntegro dos beneficios no propio centro ou noutros coa mesma finalidade.

As axudas ao abeiro do Programa de formación dual que se regulan nesta orde, e que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, teñen como obxectivo impulsar a formación dual dirixida a persoas con discapacidade intelectual coa finalidade de obter as certificacións de profesionalidade. A formación levarase a cabo de maneira presencial mediante itinerarios formativos adaptados e estables de tres anos de duración, e a Comunidade Autónoma de Galicia complementará o financiamento establecido polo Estado do custo da formación asociada ao contrato para a formación e a aprendizaxe. Así mesmo, o programa financiará parcialmente os custos laborais das persoas alumnas-traballadoras participantes e os do persoal de apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade.

Consecuentemente con todo o anterior, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e autorizado polo Consello da Xunta de Galicia o compromiso plurianual do gasto e a exención da obriga de constituír garantías para os pagamentos anticipados, así como a modificación das porcentaxes máximas destes, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria plurianual de subvencións a centros especiais de emprego sen ánimo de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de proxectos de formación dual baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a formación recibida no marco do Sistema de formación profesional para o emprego, coa finalidade de capacitar persoas con discapacidade intelectual para mellorar a súa inserción profesional, a través de proxectos de formación adaptados, que alternen entre o emprego e a formación e que habiliten a obtención de certificados de profesionalidade (código de procedemento TR341X).

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e resolución axustaranse ao disposto nesta orde e ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; e na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019. No que resulte de aplicación, someterase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

As axudas que regula esta orde rexeranse tamén polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo cal se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, e a súa normativa de desenvolvemento, así como pola Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola cal se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral e o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, que desenvolve a dita lei.

Así mesmo, seralle de aplicación o establecido na Orde ESS/2518/2013, do 26 de decembro, pola cal se regulan os aspectos formativos do contrato para a formación e a aprendizaxe, en desenvolvemento do Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, modificada pola Orde ESS/41/2015, do 12 de xaneiro, que cuantifica o custo/hora da formación presencial asociada ao contrato para a formación e a aprendizaxe. Igualmente, someterase ao estipulado no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Financiamento

1. O programa regulado nesta orde está financiado con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal, por tratarse de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

2. A concesión das subvencións previstas nos programas desta orde estará suxeita á existencia de crédito nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e realizarase con cargo ás aplicacións da Secretaría Xeral de Emprego.

3. Estes importes poderán ser modificados ou incrementados con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Administración do Estado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. De producirse remanentes nunha aplicación orzamentaria, poderanse reasignar as contías sobrantes na outra. A reasignación levarase a cabo, logo das modificacións orzamentarias pertinentes, sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:

a) Formación dual: conxunto de accións ou iniciativas formativas mixtas de emprego e formación que teñen por obxecto a cualificación profesional das persoas traballadoras, nun réxime de alternancia da actividade laboral nun centro especial de emprego coa actividade formativa recibida no marco do Sistema de formación profesional para o emprego. A actividade formativa inherente aos contratos para a formación e a aprendizaxe ten a consideración de formación dual.

b) Contratos para a formación e a aprendizaxe (regulados no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro): contratos concertados con persoas traballadoras con discapacidade desempregadas e maiores de 16 anos que carezan dunha cualificación profesional obtida e recoñecida polo Sistema de formación profesional para o emprego ou do Sistema educativo, requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou ocupación obxecto do contrato.

c) Centros especiais de emprego sen ánimo de lucro: os que están así cualificados polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento.

d) Persoal de apoio e acompañamento: persoal enmarcado dentro dos servizos de axuste persoal e social dos CEE que acompaña as persoas con discapacidade intelectual obxecto dos proxectos de formación dual, co obxecto de axudarlles a superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que teñan no posto de traballo, durante a xornada efectiva de traballo e a xornada formativa.

O apoio e acompañamento terá lugar tanto no proceso de incorporación ao posto de traballo como na súa permanencia, adaptación e progresión.

e) Persoa con discapacidade intelectual: aquela persoa que teña recoñecida pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que estea cualificada de tipo intelectual (incluído o trastorno do desenvolvemento).

f) Persoa desempregada: aquela que na data da súa alta na Seguridade Social figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

Artigo 6. Beneficiarias das subvencións

1. Poden beneficiarse das subvencións recollidas nestas bases reguladoras as persoas físicas ou xurídicas que na data de presentación da solicitude figuren inscritas como centros especiais de emprego no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento, e que na data de presentación da solicitude cumpran as seguintes condicións:

– Estar cualificados sen ánimo de lucro, de conformidade co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

– Contar cun mínimo de dez traballadores, dos cales como mínimo o 30 % deben ter discapacidade intelectual.

– Ter solicitado ante a xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria o inicio da actividade formativa para a impartición da formación profesional dual, mediante a contratación por conta allea de persoas con discapacidade intelectual desempregadas, na modalidade de contrato para a formación e a aprendizaxe.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios:

a) Os CEE en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Os CEE excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

c) Os CEE que non cumpran coa porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.

d) Os CEE que, carecendo de personalidade xurídica propia, non teñan unha xestión diferenciada da súa entidade titular. Para os efectos de acreditar unha xestión diferenciada deberán levar unha contabilidade separada da dita entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.

e) Os CEE que non estean ao día coas obrigas rexistrais, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento.

f) As empresas en crise e as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase a axuda concedida polo Estado membro ilegal e incompatible co mercado exterior, segundo o indicado nas letras a) e c) do artigo 1.4 do Regulamento 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

3. A acreditación de que cumpren as condicións sinaladas nas letras a), b) c), d) e f) do punto 2 deste artigo para poder obter a condición de beneficiarias das axudas realizarase mediante declaracións responsables que se inclúen no anexo de solicitude. O órgano xestor poderá comprobar en calquera momento a veracidade das ditas declaracións.

Artigo 7. Persoas destinatarias finais

1. Son persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas desempregadas que teñan recoñecida unha discapacidade intelectual e que non teñan a cualificación profesional requirida e recoñecida polo Sistema de formación profesional para o emprego ou polo Sistema educativo, para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou para o emprego obxecto do contrato.

Estas persoas deberán estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento do inicio da actividade.

2. As persoas traballadoras con discapacidade a que se dirixe esta orde non deben ocupar postos que quedasen vacantes como consecuencia de despedimentos declarados ou recoñecidos improcedentes.

3. As persoas destinatarias finais desta subvención non poderán ser usuarias dunha praza pública de servizo ocupacional a xornada completa.

4. As condicións do posto de traballo de cada unha das persoas con discapacidade, destinatarias finais da subvención, deben adaptarse ás condicións individuais de cada persoa, de xeito que esta poida desenvolver as tarefas básicas do seu posto de traballo, sen menoscabo das súas capacidades.

Artigo 8. Custos subvencionables

O importe da subvención financiará os seguintes conceptos subvencionables:

a) Axuda ao custo salarial das persoas alumnas-traballadoras.

b) Axuda para o persoal de apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade.

c) Axuda para a actividade formativa.

Artigo 9. Axuda ao custo salarial das persoas alumnas-traballadoras

1. Esta axuda consiste no financiamento parcial do custo salarial das persoas alumnas-traballadoras con discapacidade intelectual que estean de alta na Seguridade Social mediante un contrato para a formación e a aprendizaxe.

É subvencionable o período de vacacións anuais retribuído e cotizado.

2. Cando o traballador ou traballadora estea en situación de incapacidade temporal, o importe da subvención salarial referirase exclusivamente aos días en que o pagamento lle corresponda integramente ao centro especial de emprego, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social ou o convenio colectivo de aplicación.

3. Finánciase o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, respecto da xornada de traballo efectiva (incluídas dúas pagas extras ao ano). Considérase xornada de traballo efectiva o 50 % da xornada máxima aplicable segundo o convenio colectivo de aplicación ou, na falta deste, da xornada máxima legal.

O cálculo da contía realizarase co importe do SMI establecido polo Consello de Ministros mediante o Real decreto 1462/2018, do 21 de decembro, polo que se fixa o salario mínimo interprofesional mensual para o ano 2019.

Artigo 10. Axuda ao persoal de apoio e acompañamento

1. A axuda consiste no financiamento dos custos salariais das persoas contratadas para o apoio e o acompañamento das persoas con discapacidade no seu posto de traballo.

2. As persoas de apoio e acompañamento deberán ser persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con experiencia mínima dun ano adecuada ao desempeño profesional da persoa alumna traballadora.

3. A subvención calcúlase en función do número de persoas con discapacidade con contrato para a formación e a aprendizaxe atendidas, nunha contía de 2.400 € anuais por cada persoa alumna-traballadora efectivamente atendida.

4. En calquera caso, a contía indicada no punto anterior nunca poderá superar os custos salariais (incluídos os da seguridade social) que lle corresponden á persoa de apoio en función da xornada que impute á atención das persoas con discapacidade.

Artigo 11. Axudas para a actividade formativa

1. Financiarase a actividade formativa ata o máximo do 50 % da xornada laboral estipulada por convenio colectivo.

2. Estas axudas complementan o financiamento establecido polo Estado sobre o custo da formación asociada ás persoas alumnas-traballadoras coas que se concerte o contrato para a formación e a aprendizaxe. En consecuencia, subvencionarase a porcentaxe da xornada laboral destinada a formación non susceptible de financiamento polo Servizo Público de Emprego Estatal, mediante a Orde ESS/2518/2013, do 26 de decembro, modificada pola Orde ESS/41/2015, do 12 de xaneiro, ata as porcentaxes máximas previstas; é dicir, un 25 % da xornada o primeiro ano do contrato e o 35 % no segundo e terceiro ano.

3. O importe desta axuda será o resultante do produto do módulo económico de 8 euros por hora formativa por alumno/a-traballador/a, segundo o que establece a Orde ESS/2518/2013, do 26 de decembro, polas horas de formación previstas no proxecto.

Artigo 12. Solicitudes

1. Presentarase unha solicitude por cada proxecto de formación dual, que se formalizará obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Cada centro especial de emprego poderá presentar un máximo de dous proxectos, que deberán orientarse á obtención de diferentes certificados de profesionalidade. De presentarse máis de dous, os presentados en terceiro e sucesivos lugares serán inadmitidos.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación complementaria indicada no artigo seguinte e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 13. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Certificación do cadro de persoal segundo o modelo do anexo II, ordenada alfabeticamente por apelidos, referida ao mes en que se solicita a subvención.

c) Proxecto de formación dual de acordo co modelo que consta na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no ligazón http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego conforme os contidos establecidos no artigo 35.

d) Currículo e documentos que acrediten a experiencia do persoal de apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade, de ser o caso.

e) Anexo IV: autorización para a comprobación de datos das persoas traballadoras obxecto de subvención, de ser o caso.

f) Certificación de discapacidade, no caso de que non estea expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Acordos con empresas privadas do sector que mostren interese na execución do proxecto, de ser o caso.

h) No caso de que se subcontrate a formación, contrato ou convenio de colaboración de acordo cos contidos establecidos no artigo 24.2 destas bases reguladoras ou, de ser o caso, preacordo ou documento pro forma, cos ditos contidos.

No caso de que a subcontratación sexa con empresas vinculadas, deberase presentar xustificación de que a contratación se produciu segundo as condicións normais de mercado.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

Artigo 14. Emenda da solicitude

A unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF entidade solicitante.

d) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.

e) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Informe de contas de cotización asociadas a un NIF.

j) DNI ou NIE das persoas obxecto desta subvención.

k) Informe da vida laboral das persoas obxecto desta subvención.

l) Contratos de traballo das persoas obxecto desta subvención.

m) Certificación acreditativa da discapacidade das persoas das persoas alumnas-traballadoras obxecto desta subvención cando esta fora expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

n) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas alumnas-traballadoras obxecto desta subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I ou no anexo IV, segundo corresponda, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de concesión, xestión, control e verificación das axudas.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das empresas/entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Instrución e tramitación do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Para os efectos establecidos no punto anterior, o órgano instrutor:

a) Deberá incorporar ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Secretaría Xeral de Emprego, así como as certificacións indicadas no artigo 15.1 desta orde.

b) Comprobará mediane o programa informático SIFO que está solicitado o inicio da actividade formativa e presentados os anexos aos contratos para a formación e a aprendizaxe.

c) Poderá solicitar informe da Consellería de Política Social para comprobar que as persoas destinatarias finais desta subvención teñen discapacidade intelectual cando no seu certificado de discapacidade non conste esta circunstancia.

3. Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación dos procedementos regulados nesta orde deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Procedemento de concesión e composición da Comisión de Avaliación

1. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde será en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A Comisión de Avaliación estará composta por:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Economía Social, que a presidirá.

– A persoa titular do Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social.

– Dúas persoas funcionarias designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, unha das cales actuará como secretaria, con voz pero sen voto. Se no momento que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou presidenta, ou persoa en que delegue, unha vogal e a persoa que actúe como secretario/a.

3. Unha vez revisadas as solicitudes presentadas, e comprobado que todas cumpren os requisitos exixidos nas bases reguladoras para adquirir a condición de entidades beneficiarias, a Comisión de Avaliación valoraráas de acordo cos criterios que se establecen no artigo 19 desta orde e redactará un informe en que constará a relación de todos os proxectos presentados por orde de puntuación. O dito informe servirá de base á proposta de concesión ou de denegación da subvención.

Para efectuar a valoración dos proxectos a dita comisión poderá solicitar todas as aclaracións que considere oportunas.

4. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Avaliación xunto coa proposta de concesión ao órgano competente para resolver.

5. O órgano concedente asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde de prelación, comezando polas solicitudes correspondentes aos proxectos que obtivesen a puntuación máis alta e ata o esgotamento de crédito dispoñible.

6. No caso de que quedasen proxectos sen conceder por insuficiencia de crédito, o órgano instrutor poderá dar audiencia as entidades que presentaron estes proxectos, por orde de prelación, co obxecto de que minoren o número de persoas participantes (sempre que se respecte o mínimo de 6) e que reaxusten o proxecto ao límite de crédito dispoñible.

7. No suposto de renuncia ou non aceptación da subvención por parte dalgunha entidade beneficiaria e/ou de ampliación do crédito, o órgano concedente podería acordar, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención aos proxectos seguintes na orde de puntuación, e ata o límite do crédito dispoñible.

Artigo 19. Criterios de valoración

Os proxectos de formación dual presentados avaliaranse, ata un máximo de 100 puntos, segundo os seguintes criterios:

1. Criterios referidos á entidade solicitante, ata 80 puntos:

a) Pola proporción de persoas con discapacidade intelectual respecto do total do cadro de persoal, ata 45 puntos:

– Entre o 31 % e o 40 %: 10 puntos.

– Entre o 41 % e o 50 %: 20 puntos.

– Entre o 51 % o 70 %: 30 puntos.

– Máis de 71 %: 45 puntos.

b) Se o centro de traballo das persoas alumnas traballadoras está situado nun concello rural segundo a definición indicada no artigo 5.g) destas bases reguladoras: 10 puntos.

c) Pola proporción de homes e mulleres que traballan na entidade, incluído o persoal de dirección, sempre que acade como mínimo un 40 % de mulleres, ata 5 puntos. A puntuación máxima obterase cando a proporción de mulleres sexa igual ou superior ao 50 %.

d) Pola taxa de estabilidade do cadro de persoal, é dicir, pola porcentaxe de persoas traballadoras fixas sempre que esta sexa superior ao 65 %, ata 5 puntos. A puntuación máxima obterase cunha taxa de estabilidade superior ao 80 %.

e) Polas actuacións previstas para a efectiva igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no ámbito laboral, ata 5 puntos.

f) A capacidade técnica ou a experiencia acreditada do centro especial de emprego na contratación de persoas do perfil do colectivo albo do proxecto nos últimos 5 anos: 2 puntos por ano de experiencia ata o máximo de 10 puntos.

2. Criterios referidos ao proxecto de formación dual, ata 20 puntos:

a) Adecuación do proxecto que se vai desenvolver á finalidade de mellorar a inserción laboral do colectivo participante, ata 15 puntos:

1º. Presenta acordos con empresas privadas do sector que mostran interese na execución do proxecto (1 punto por cada acordo presentado ata un máximo de 10).

2º. Descrición de actuacións concretas para conseguir a inserción laboral posterior (ata 5 puntos).

b) Calidade do proxecto, ata 5 puntos. Valorarase a inclusión de todos os elementos exixidos nesta orde, o grao de detalle na descrición das distintas epígrafes, a claridade na exposición e a coherencia interna.

A obtención dun 0 nesta epígrafe dará lugar á denegación da axuda.

Só serán subvencionables as solicitudes que acaden un mínimo de 25 puntos.

Artigo 20. Resolución e recursos

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das subvencións presentadas ao abeiro desta orde correspóndelle, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

2. As resolucións deberán ser sempre motivadas e nelas acordarase o outorgamento da axuda ou ben a denegación, a desistencia ou a renuncia ao dereito, e notificaránselles ás persoas interesadas.

3. A eficacia da resolución concesoria quedará supeditada a que as entidades beneficiarias teñan autorización de inicio da actividade e formalicen os contratos para a formación e aprendizaxe.

4. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 21. Documentación que deben presentar os CEE beneficiarios

1. Unha vez notificada a resolución de concesión, e toda vez que fose autorizada a actividade formativa e comunicados nos modelos regulamentarios ao Servizo Público de Emprego de Galicia os contratos para a formación e a aprendizaxe, no prazo de 10 días desde a formalización dos ditos contratos, deberán presentar ante o órgano instrutor o anexo III (que incluirá a solicitude de anticipo da primeira anualidade, de ser o caso), acompañado da seguinte documentación:

a) Copia da póliza do seguro de accidentes e de responsabilidade civil subscrita coas condicións indicadas no artigo 43 desta orde, que cubra todas as persoas alumnas-traballadoras durante todo o período subvencionable.

b) Contrato ou convenio subscrito coa entidade que impartirá a actividade formativa asociada ao contrato para a formación e aprendizaxe, segundo o indicado no artigo 24 destas bases reguladoras, no caso de subcontratación da actividade formativa, cando non se presentase coa solicitude.

c) Certificación de discapacidade da persoa con contrato para a formación e a aprendizaxe, no caso de que non esta non estea expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Currículo e documentos que acrediten a experiencia do persoal de apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade.

e) Anexo IV: autorización para a comprobación de datos das persoas traballadoras obxecto de subvención, no caso de que non se presentara con anterioridade.

f) Certificación de discapacidade, da persoa con contrato para a formación e aprendizaxe, no caso de que non estea expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Motivación da ausencia de equilibrio nas contratacións entre homes e mulleres, de ser o caso.

h) Renuncia da persoa alumna-traballadora á praza no centro ocupacional da Consellería de Política Social que teña asignada a xornada completa.

2. De non presentar en prazo a documentación indicada no punto anterior entenderase que o CEE beneficiario renuncia á subvención concedida.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

2. A entidade beneficiaria pode solicitar, con posterioridade á resolución de concesión e previamente á finalización do prazo máximo de execución, a modificación do contido da resolución por razón da concorrencia de circunstancias novas e imprevisibles que xustifiquen a alteración das condicións de execución da actividade subvencionada. Nestes casos o órgano concedente pode autorizar a dita alteración mediante a modificación da resolución de concesión, sempre que non implique un incremento da contía da subvención concedida inicialmente, nin teña carácter esencial, nin altere substancialmente a finalidade pola cal se concedeu, e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros.

3. No caso das axudas ao custo salarial das persoas alumnas-traballadoras obxecto do contrato para a formación e a aprendizaxe, cando o Consello de Ministros aprobe un incremento do SMI superior ao incremento estimado no artigo 9.3, sempre que exista crédito adecuado e suficiente e a entidade beneficiaria así o solicite, poderá modificarse a resolución inicial, mediante resolucións complementarias que asuman o financiamento que supón o incremento do SMI.

4. De minorarse as porcentaxes de financiamento da actividade formativa asumidas pola Administración do Estado conforme a Orde ESS/2518/2013, sempre que exista crédito adecuado e suficiente e a entidade beneficiaria así o solicite, poderá modificarse a resolución inicial, mediante resolucións complementarias.

5. Procederá, así mesmo, ditar resolucións revogatorias respecto das seguintes anualidades cando se aprobe un incremento inferior ao SMI estimado no artigo 9.3 ou cando se produza unha diminución do número de contratos para a formación e a aprendizaxe e non proceda a substitución de persoas traballadoras.

O mesmo caso sucederá de producirse a baixa da persoa de apoio, ou de incrementarse as porcentaxes que financia o Estado respecto da actividade formativa.

Artigo 23. A subcontratación da acción formativa

1. Poderase subcontratar ata o 100 % do custo da actividade formativa subvencionada. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

2. Segundo o artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, enténdese por subcontratación cando a beneficiaria da subvención concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

3. As persoas contratistas quedarán obrigadas soamente ante a beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración.

Para efectos do previsto no apartado anterior, as beneficiarias serán responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiras persoas se respecten os límites que se establezan na normativa reguladora da subvención en canto á natureza e contía de gastos subvencionables, e as contratistas estarán suxeitas ao deber de colaboración.

4. Segundo prevé o artigo 45 da devandita lei, as terceiras persoas relacionadas co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados a prestarlles colaboración e facilitarlles canta documentación sexa requirida, no exercicio das funcións de control, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro, para cuxo fin terán as seguintes facultades:

a) O libre acceso á documentación obxecto de comprobación, incluídos os programas e arquivos en soportes informáticos.

b) O libre acceso aos locais de negocio e demais establecementos ou lugares nos que se desenvolva a actividade subvencionada ou se permita verificar a realidade e regularidade das operacións financiadas con cargo á subvención.

c) A obtención de copia ou a retención das facturas, dos documentos equivalentes ou substitutivos e de calquera outro documento relativo ás operacións en que se deduzan indicios da incorrecta obtención, emprego ou destino da subvención.

d) O libre acceso á información das contas bancarias nas entidades financeiras onde se poida efectuar o cobramento das subvencións ou con cargo ás cales se poidan realizar as disposicións dos fondos.

A negativa ao cumprimento desta obriga considerarase resistencia, escusa, obstrución ou negativa para os efectos previstos no artigo 33 da devandita lei de subvencións, é dicir, constitúe causa de reintegro, sen prexuízo das sancións que, se é o caso, puidesen corresponder.

5. En ningún caso poderá concertarse a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 desta lei.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarias ou asesoras en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa beneficiaria, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se obteña a previa autorización do órgano concedente. A autorización entenderase obtida co acto de resolución de concesión das axudas.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

6. En referencia á letra d) do punto anterior considéranse persoas ou entidades vinculadas ás persoas beneficiarias as que incorran nos supostos definidos no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. A formalización da subcontratación

1. A subcontratación da actividade formativa deberá formalizarse por escrito, mediante contrato, convenio ou acto de validez xurídica similar, entre a entidade beneficiaria da subvención e o centro subcontratado.

2. O documento que formalice a subcontratación que ten que incluír, como mínimo, os conceptos seguintes:

a) Identificación das partes (razón social, NIF, cargo, nome, domicilio social e tipo de empresa).

b) Obxecto do convenio/contrato.

c) Actividade que se subcontrata: partidas contratadas e custo ou orzamento previsto.

d) Contraprestación (contía, forma de executar o pagamento e xustificación do servizo prestado).

e) Explicación do valor engadido que achega a subcontratación ao proxecto ou da imposibilidade para levar a cabo a actividade de formación. Enténdese acreditada a imposibilidade cando o CEE non estea acreditado para impartir a especialidade formativa no Rexistro de Centros e Entidades de Formación.

f) Vixencia da relación contractual. Condicionada ás datas establecidas na resolución de concesión da subvención.

g) Causas de extinción da relación contractual.

h) Sinatura das partes.

3. Ademais dos conceptos indicados no punto anterior, o convenio ou contrato conterá as seguintes declaracións:

a) Declaración de que a entidade ou centro subcontratado se compromete a:

1º. Que o persoal docente subcontratado cumpra os requisitos que establece a normativa da especialidade e homologación.

2º. Facilitar á beneficiaria a información sobre alumnos, docentes, accións formativas, indicadores e xustificación económica da acción formativa, así como calquera outra que lle sexa requirida á entidade beneficiaria pola Secretaría Xeral de Emprego.

Concretamente, facilitará: nome, apelidos e DNI de alumnos/as e docentes, e soldo bruto, Seguridade Social a cargo da empresa, horas de impartición ou preparación e custo da impartición ou preparación.

b) Declaración de que o centro especial de emprego:

1º. Non concertará a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con ningún centro que estea nos supostos que establece o artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2º. Ten, ou non ten, co centro subcontratado, algún vínculo dos previstos no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que si que teña vinculación, declara que a contratación se realiza de acordo coas condicións normais de mercado e que o importe subvencionable non excederá o custo incorrido para a entidade vinculada.

Artigo 25. Gastos subvencionables

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada.

2. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

3. Considerarase gasto realizado o que corresponda a actuacións realizadas dentro do período subvencionable e que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

4. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento dos gastos subvencionables os documentos bancarios en que consten:

– O número de conta e a titularidade das persoas receptoras dos pagamentos e das entidades emisoras (estas últimas coincidirán coas beneficiarias das axudas).

– O importe do pagamento (impostos incluídos) e o concepto.

Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet.

Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos das nóminas e dos documentos da Seguridade Social (RNT e RLC). Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberá presentarse unha desagregación onde poidan identificarse os pagamentos en cuestión.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Artigo 26. Xustificación da axuda concedida

1. A documentación xustificativa da axuda presentarase para cada anualidade na forma sinalada no artigo 9, nos prazos fixados na convocatoria, ou se é o caso, na resolución de concesión e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez (10) días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

3. A actividade formativa, de conformidade coa Orde ESS/2518/2013 xustificarase mediante o sistema de módulos e debe incluír as listaxes de asistencia das persoas alumnas-traballadoras e as actas de avaliación asinadas polo centro formativo (profesorado e responsable do centro). Esta información será recabada polo órgano xestor das axudas mediante o programa informático SIFO para o seguimento das actividades formativas dirixidas a obter certificacións de profesionalidade.

4. A unidade administrativa responsable da instrución analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará ao órgano competente para resolver, que será tamén o órgano competente para ordenar o pagamento.

Artigo 27. Documentación xustificativa

Presentarase para cada anualidade a seguinte documentación xustificativa:

1. Anexo V: xustificación da axuda concedida, que incluirá:

a) A solicitude de anticipo para a seguinte anualidade, se é o caso.

b) A solicitude de modificación da resolución inicial, de producirse algunha das circunstancias sinaladas no artigo 22. Indicarase a circunstancia producida.

c) O compromiso de que o CEE continuará coas actuacións do proxecto de formación dual durante a seguinte anualidade nas mesmas condicións.

d) Declaración comprensiva do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

2. Cálculo da contía da subvención, segundo o modelo publicado na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego, que comprenderá tres aspectos:

a) A relación das persoas traballadoras con discapacidade que participan no proxecto de formación dual con indicación das variacións, se as houber, respecto da solicitude inicial ou da anualidade anterior xustificada, segundo sexa o caso. Indicación expresa no caso de que se minore o número de contratos, e non proceda a substitución segundo o indicado no artigo 40.2.

b) Relación detallada por mensualidades dos gastos relativos aos custos salariais e de Seguridade Social do persoal de apoio.

No caso de calquera das letras anteriores, detallaranse os períodos de baixa (por IT, maternidade, paternidade,...), que deberán descontarse das contías concedidas.

c) Declaración responsable do centro especial de emprego que conteña o número de horas formativas levadas a cabo con cada persoa traballadora contratada de acordo co contido de horas previstas no acordo formativo do contrato.

3. Documentación xustificativa xeral:

a) Documentación que xustifique a existencia dunha contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida e dunha contabilidade diferenciada da entidade titular, no caso de que o CEE non teña personalidade xurídica propia.

b) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión a que se refire o artigo 29.1.h) desta orde (colocación de rótulo).

c) Anexo VI: Información ás persoas traballadoras acerca da subvención do seu contrato.

d) Anexo IV: autorización para a comprobación de datos das persoas traballadoras obxecto de subvención, asinado polas novas persoas contratadas, de ser o caso.

e) Relación nominal das persoas traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social (RNT) así como todas as variacións de datos á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC).

f) Ademais, unicamente na xustificación final, deberase achegar unha breve memoria descritiva do proxecto realizado, con indicación das actividades levadas a cabo, dos resultados obtidos e das dificultades atopadas para a súa execución.

4. Documentación xustificativa específica da axuda ao custo salarial das persoas con discapacidade.

a) No caso de existiren novas persoas contratadas respecto da última póliza presentada, deberá presentar un anexo á póliza de seguros en que conste a cobertura das novas persoas traballadoras.

b) Recibos de salarios e documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o pagamento de todas as persoas con discapacidade obxecto de subvención.

c) Certificación de discapacidade, das novas contratacións para a formación e aprendizaxe, no caso de que non estea expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Documentación xustificativa específica da axuda ao persoal de apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade:

a) No caso de existir novas persoas contratadas respecto da anualidade anterior, currículo da nova persoa de apoio.

b) Certificación asinada pola persoa responsable do centro especial de emprego, e do persoal de apoio, da imputación da súa xornada á realización de apoio e acompañamento das persoas con discapacidade.

c) Recibos de salarios e documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o pagamento das mensualidades.

Artigo 28. Pagamento da axuda concedida e perda do dereito ao cobramento

1. O pagamento da axuda efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias.

2. Poderanse realizar pagamentos anticipados por petición da entidade beneficiaria, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes ás subvencións recollidas nesta orde, nas porcentaxes que se establezan en cada convocatoria.

3. Para realizar estes pagamentos anticipados, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías, conforme o disposto no artigo 67.4 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O órgano xestor proporá o pagamento anticipado sobre a subvención concedida para a primeira anualidade, unha vez que se comprobe que constan de alta na Seguridade Social as persoas con discapacidade alumnas-traballadoras e as persoas de apoio e acompañamento, e sempre que o centro especial de emprego remitise o anexo III coa documentación indicada no artigo 21:

Para as sucesivas anualidades o anticipo realizarase logo de comprobar que foi presentada a documentación xustificativa da anualidade anterior dentro dos prazos sinalados na convocatoria.

5. Se en cada anualidade resulta xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento final desa anualidade realizarase en función da contía da subvención efectivamente xustificada e declararase a perda do dereito ao cobramento das contías non xustificadas.

6. Coa xustificación da última anualidade liquidarase o expediente, e se é o caso, procederá o reintegro das cantidades cobradas indebidamente, que o CEE poderá ingresar de maneira voluntaria segundo o previsto no artigo 31.

7. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 29. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas xerais das entidades beneficiarias das axudas e subvencións contidas nesta orde as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para darlle publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con fondos recibidos do Servicio Público de Emprego Estatal (SEPE).

De acordo con esta obriga, o centro especial de emprego deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Servizo Público de Emprego Estatal no seu domicilio social e nos seus centros de traballo. Para isto, incorporarán un rótulo visible ao público que inclúa o nome do centro especial de emprego, a expresión e o logotipo da Xunta de Galicia, o do SEPE e o do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. Os formatos que se deben utilizar serán proporcionados pola Secretaría Xeral de Emprego, na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, na ligazón http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego

Igualmente, para cumprir esta obriga, o centro especial de emprego beneficiario deberá informar as persoas traballadoras respecto da subvención do seu contrato, no modelo do anexo VI desta orde.

i) Ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría, se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e na normativa regulamentaria de desenvolvemento.

j) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Someter a auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio en que recibisen subvencións ou axudas públicas por un importe total acumulado superior a 600.000 euros, e naqueles exercicios en que se realicen operacións ou se executen investimentos correspondentes ás ditas subvencións ou axudas, conforme o establecido no texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo, e o Regulamento que o desenvolve, aprobado polo Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro.

l) Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

m) Estar ao día no cumprimento das obrigas rexistrais, previstas no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento; en especial, cumprir coas obrigas de comunicación previstas no seu artigo 7 e coa obriga de presentar a memoria anual ante a Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Economía, Emprego e Industria, co contido e no prazo establecido no seu artigo 8.

2. Respecto das axudas relativas á persoa de apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade, é obriga do CEE manter os postos de traballo obxecto da subvención durante todo o período subvencionable. De producirse vacantes, deberán ser cubertas no prazo dun mes desde a data da baixa, feito que deberá ser comunicado pola entidade beneficiaria á Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria no mesmo prazo.

3. Respecto das axudas para a actividade formativa, serán obrigas do CEE:

a) As establecidas no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo cal se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación dual.

b) A formación das persoas alumnas, aprendices do Programa de formación dual nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa, de acordo co plan de formación presentado.

c) Contratar unha póliza de seguro de responsabilidade civil e de accidentes, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 694/2017 e nas condicións sinaladas no artigo 42, co fin de protexer as persoas participantes ante calquera risco derivado da realización da acción formativa desde o inicio ata a finalización do contrato para a formación e a aprendizaxe.

d) Ter na sede da entidade e á disposición da Administración a información de cada alumno/a-traballador/a, na cal teñen que constar as horas de formación, a data de alta e a de baixa e, en calquera caso, a conformidade ou a sinatura do/da alumno/a ou da persoa que a represente.

Artigo 30. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comporta a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas, cando estas resulten compatibles: reintegro do 5 % da axuda concedida.

d) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 29.1.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas nas letras f) e g) do artigo 29.1, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos; o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.

e) O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do rótulo visible ao público, conforme o previsto no artigo 29.1.h): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a entidade beneficiaria para que nun prazo non superior a 15 días, emende o incumprimento, con expresa advertencia de que, de non facelo, se iniciará o expediente declarativo da procedencia do reintegro.

f) O incumprimento de estar ao día no cumprimento das obrigas rexistrais, previstas no Decreto 200/2005, sinalado na letra m) do artigo 29.1: reintegro do 100 %.

g) O despedimento improcedente das persoas alumnas-traballadoras no transcurso do contrato subvencionado: reintegro do 100 % da subvención concedida ao custo salarial pola persoa que foi obxecto do despedimento.

h) O incumprimento da obriga establecida no artigo 29.2, se non se substitúe o persoal de apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade no prazo dun mes: reintegro da parte proporcional.

i) O incumprimento de non manter vixente a póliza de accidentes e de responsabilidade civil durante todo o período subvencionable ou de non dar cobertura a todas as persoas contratadas para a formación e a aprendizaxe obxecto desta subvención: reintegro da parte proporcional correspondente á axuda para a actividade formativa.

j) O incumprimento de ter na sede da entidade beneficiaria e á disposición da Administración a información de cada alumno/a-traballador/a, reintegro do 5 % da axuda para actividade formativa.

3. A entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso de financiamento, público ou privado, respecto do custo total da actividade subvencionada.

Cando se produza exceso das subvencións percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade, e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, xuntando as cartas de pagamento á correspondente xustificación. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.

No caso de que as subvencións percibidas fosen incompatibles, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o 100 % da axuda concedida.

4. O procedemento de reintegro substanciarase conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo da posible cualificación dos feitos como infracción administrativa e incoación do expediente sancionador, de acordo cos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 31. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria ES82 2080 0300 8731 1006 3172.

2. A entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

Artigo 32. Incompatibilidades

1. O importe das subvencións concedidas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, supere o custo da actividade subvencionada.

2. Esta subvención é incompatible coas axudas de fomento do emprego, particularmente as axudas para o fomento da integración laboral de persoas con discapacidade en centros especiais de emprego (procedementos TR341E, TR341K, TR341M e TR341N) concedidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para as mesmas persoas e durante o mesmo período subvencionable.

3. As subvencións son compatibles cos beneficios fiscais e bonificacións da Seguridade Social previstos nos programas estatais de fomento do emprego e para os contratos de formación e aprendizaxe.

Artigo 33. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

2. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e nas demais normas vixentes que resulten de aplicación.

A Secretaría Xeral de Emprego fará as comprobacións documentais necesarias para comprobar o correcto desenvolvemento das actividades subvencionadas. Neste senso, poderá consultar os informes de vida laboral emitidos pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e recabar do órgano competente en materia de orientación e promoción laboral os informes que procedan respecto do seguimento da actividade formativa.

A Secretaría Xeral de Emprego actuará de xeito coordinado co órgano competente en materia de orientación e promoción laboral para a realización das visitas in situ que se consideren necesarias para a comprobación do funcionamento dos proxectos de formación dual subvencionados ao abeiro desta orde.

3. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axudas previstas nesta orde.

Artigo 34. Adecuación á normativa de axudas de Estado

As axudas desta convocatoria están suxeitas ao Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo cal se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, sempre que non se superen os limiares fixados no artigo 31 respecto das axudas á formación, no artigo 33 respecto ás subvencións salariais para contratar persoas traballadoras con discapacidade e no artigo 34 respecto das axudas ao persoal de apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade.

CAPÍTULO II

Proxectos de formación dual

Artigo 35. Requisitos dos proxectos de formación dual

Os proxectos presentaranse segundo o modelo indicado na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, na ligazón http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego e deberán conter a seguinte información (que deberá ser acorde coa solicitude de inicio de actividade formativa):

1. Datos do cadro de persoal do CEE: número total de persoas traballadoras, número de persoas con discapacidade detallado por sexo, número de persoas traballadoras coa discapacidade definida no artigo 5.e) desta orde e número de persoas con contrato indefinido.

2. Participantes en cada proxecto: o número máximo de persoas subvencionables por proxecto, a cargo do titor ou titora do centro especial de emprego será de 10 alumnos/as-traballadores/as e o número mínimo de participantes será de 6.

3. Breve exposición do proxecto: colectivo albo, obxectivos que se pretenden conseguir, motivación da elección do certificado de profesionalidade que se pretende acadar, recursos de que se vai dispoñer e sistema de avaliación dos resultados.

4. Itinerarios individualizados: os proxectos indispensablemente teñen que recoller a metodoloxía de realización dos itinerarios individualizados para cada alumno/a traballador/a, nos cales motiven adecuadamente as adaptacións da formación ata un máximo de tres anos, atendendo ás características persoais das persoas para contratar e do tipo de discapacidade a que atenda o proxecto, así como da especialidade formativa que se vai impartir.

5. Programación da actividade formativa. Os proxectos constarán dun calendario, coa programación de xornadas e horarios da actividade laboral e da actividade formativa. A programación deberá conter indicación detallada de:

a) Actividades dirixidas a obter os certificados de profesionalidade que, necesariamente, estarán relacionados co oficio ou posto de traballo previsto no contrato laboral.

b) Actividades complementarias, con indicación de todos os contidos das especialidades formativas que se programen.

c) Especialidades formativas dirixidas a obter carnés profesionais, cando sexan requisitos necesarios para o emprego no oficio ou posto de traballo previsto no contrato laboral.

6. Impartición da formación: sinalarase o lugar onde se vai impartir a formación presencial así como os medios de desprazamento, se fosen necesarios, e identificarase a persoa que exercerá a titoría por parte da empresa e por parte do centro formativo, no caso de que non coincidisen.

No caso de que se subcontrate a formación teranse que engadir os datos identificativos do centro de formación: NIF, razón social, representante legal e dirección de impartición da acción formativa.

7. Descrición das accións concretas que se van realizar para conseguir a inserción laboral posterior, con indicación expresa das empresas interesadas coas cales se subscriben acordos, se as houber.

8. Persoal de apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade: sinalarase a titulación e/ou experiencia da persoa que exercerá as funcións de apoio.

Indicará a porcentaxe da xornada do persoal de apoio durante a cal permanecerán acompañando no posto de traballo as persoas con discapacidade que forman parte dos proxectos de formación dual.

Deberanse expresar con claridade as funcións que van desenvolver, os recursos dos que van dispoñer, as fases de implantación e o sistema de avaliación dos resultados respecto dos obxectivos perseguidos.

9. Capacidade técnica ou experiencia desenvolvida polo CEE: deberá acreditarse a experiencia do centro especial de emprego na contratación de persoas co perfil do colectivo albo do proxecto nos últimos 5 anos mediante unha relación das persoas contratadas especificando a duración dos seus contratos.

10. Actuacións previstas polo CEE para a efectiva igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no ámbito laboral.

11. Seguro de accidentes e de responsabilidade civil: o centro especial de emprego debe comprometerse a subscribir un seguro de accidentes e de responsabilidade civil para os/as alumnos/as para todas as actividades recollidas no programa de formación dual, nas condicións indicadas no artigo 43 desta orde. A Consellería de Economía, Emprego e Industria queda exonerada de calquera responsabilidade respecto diso. Indicarase o compromiso de subscribir a póliza de seguros para todas as persoas con discapacidade coas que se subscriba un contrato para a formación e a aprendizaxe.

Artigo 36. Contratos para a formación e a aprendizaxe

1. O programa de formación dual materialízase mediante contratos para a formación e a aprendizaxe coas persoas con discapacidade que cumpran as condicións sinaladas no artigo 7.

2. As contratacións para a formación e a aprendizaxe teñen que cumprir os requisitos que establece o artigo 11.2 da Lei do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, e o Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo cal se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

3. Por tratarse de persoas con discapacidade intelectual:

a) A duración dos contratos ten que ser de 3 anos (agás no caso das contratacións para substituír as vacantes, conforme o estipulado no artigo 41.2).

b) O tempo de traballo efectivo será do 50 % da xornada e o 50 % restante será dedicado as actividades formativas.

c) Ata un 25 % do tempo de traballo efectivo poderá adicarse á realización de procedementos de rehabilitación ou de axuste persoal e social.

d) Non é de aplicación o límite de idade de 25 anos que teñen os contratos para a formación e a aprendizaxe.

4. As contratacións non poden supoñer, en ningún caso, a substitución de persoas traballadoras integrantes do persoal do centro especial de emprego.

5. Exclúense destas axudas os contratos para a formación e a aprendizaxe que, de acordo co artigo 6.1 da Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego, se atopen nalgún dos supostos seguintes:

a) Os contratos subscritos coa persoa cónxuxe, ascendentes, descendentes e outras persoas familiares por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao incluído, da persoa empresaria ou da que exerza cargos de dirección, ou sexa membro dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, como tamén os que se efectúen con estes, excepto cando se trate dunha persoa traballadora autónoma que contrate por conta allea fillos/as menores de 30 anos, tanto se conviven con ela coma se non, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas que contraten unha única familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

b) Os supostos de contratos de persoas traballadoras que fosen obxecto de cesión entre empresas dun mesmo grupo.

Artigo 37. Actividade formativa

1. A oferta formativa deberá ser suficiente para expedir un certificado de profesionalidade ou unha acreditación parcial acumulable, sen prexuízo de que ao contido mínimo mencionado poidan engadirse os módulos formativos correspondentes ás unidades de competencia doutros certificados de profesionalidade.

O contido da actividade formativa estará relacionado coa actividade laboral desempeñada no posto de traballo que ocupe a persoa traballadora que se contrate na modalidade para a formación e a aprendizaxe.

2. As ofertas formativas estarán adaptadas ás necesidades específicas das persoas con discapacidade segundo o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, que regula os certificados de profesionalidade.

3. As persoas traballadoras cun contrato para a formación e a aprendizaxe están exentas totalmente de realizar o módulo de formación práctica inherente aos certificados de profesionalidade tal como recolle o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo cal se regulan os certificados de profesionalidade no artigo 5 bis.

Para os efectos da programación, as horas destes módulos débense incorporar ao traballo efectivo.

4. O inicio da actividade formativa deberá solicitarse ao órgano competente en materia de orientación e promoción laboral da provincia onde teña o centro de traballo o CEE solicitante, e realizarase a través da aplicación dispoñible na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua?content=/Portal-CEI/unidades-informacion/iniciativas/iniciativa_00277.html&topic=topic_0143.html

Artigo 38. A formación complementaria

1. Considérase formación complementaria aquela que non se refire ao Catálogo nacional das cualificacións profesionais pero que se considera necesaria para dar resposta ás necesidades das persoas traballadoras ou das empresas.

2. Esta formación deberá corresponderse cunha ou varias especialidades formativas incluídas no ficheiro de especialidades formativas regulada no artigo 20.3 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, que regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral e deberán ter coherencia con respecto aos empregos obxecto do proxecto.

Artigo 39. Os carnés profesionais

A formación que se imparta debe estar comprendida no Catálogo de especialidades formativas, de acordo coa información dispoñible na web http://ceei.xunta.gal/recursos/rexistros?content=rexistro_00008.html

Neste caso as entidades deberán cumprir as condicións necesarias para facilitar aos alumnos a súa obtención dos carnés ou habilitacións profesionais.

Artigo 40. A impartición da formación

1. A formación asociada ao contrato de formación e aprendizaxe vinculada a certificados de profesionalidade que se subvenciona tense que impartir obrigatoriamente de maneira presencial.

2. A entidade beneficiaria poderá impartir directamente a especialidade formativa cando estea autorizada pola autoridade laboral e debidamente acreditada no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Xunta de Galicia.

Igualmente, a entidade pode subcontratar a impartición da formación cunha entidade debidamente acreditada na especialidade no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Xunta de Galicia.

3. En calquera caso, o centro que imparta a formación terá que estar inscrito e/ou acreditado o día da presentación da solicitude das axudas reguladas nesta orde.

Artigo 41. Participantes nos proxectos de formación dual

1. As entidades durante o proceso de selección teñen que garantir unha presenza equilibrada entre homes e mulleres. En caso de non cumprir esta obriga tense que motivar xunto coa presentación dos contratos.

2. No suposto de baixa voluntaria ou de despedimento por causas obxectivas de alumnos/as-traballadores/as, deberanse substituír por outra persoa sempre que poida obter con aproveitamento algún módulo formativo. A substitución farase nun prazo máximo de 3 meses. Cando non proceda a substitución, deberase motivar esta circunstancia.

En calquera caso deberá comunicarse ao órgano xestor das axudas, no prazo dun mes desde que se produza a baixa, o nome da persoa substituta ou a motivación de que non procede a substitución.

Artigo 42. Acreditación da formación

1. A cualificación ou a competencia profesional adquirida ten que ser obxecto de acreditación nos termos previstos na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola cal se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, no Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo cal se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, e outra normativa de aplicación.

2. A formación complementaria tamén pode ser obxecto de recoñecemento segundo o Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, polo tanto, entregaráselle ao/á alumno/a que finalice a acción formativa un certificado de asistencia e, ao/á alumno/a que supere a formación con avaliación positiva, un diploma oficial.

Artigo 43. Seguro de accidentes e responsabilidade civil

1. O seguro cubrirá os danos que na execución do proxecto se poidan causar a terceiras persoas. A póliza de seguro ten que cubrir o período de formación teórico práctico, así como os desprazamentos dos participantes ao lugar de impartición das clases e a outras empresas ou establecementos que se organicen en apoio da execución das accións formativas. Esta póliza incluirá tamén a responsabilidade civil diante de terceiros, de maneira que cubra os danos que pola execución da formación poidan producir os participantes.

2. A póliza contratada indicará con exactitude a data de inicio e de finalización da acción formativa, o número de alumnos participantes asegurados e as coberturas, sexa por accidentes dos alumnos ou sexa por danos provocados por eles. As coberturas deben incluír morte, invalidez de calquera grao e secuelas, valoradas segundo o baremo establecido pola Lei 35/2015, do 22 de setembro, de reforma do sistema para a valoración dos danos e prexuízos causados ás persoas en accidentes de tráfico. A asistencia sanitaria por accidente dos alumnos terá unha cobertura equivalente á do seguro escolar obrigatorio. A cobertura por danos materiais provocados polos alumnos será ata 300.000,00 €.

3. Este seguro é independente do que subscribise a entidade beneficiaria por responsabilidade civil con carácter xeral.

CAPÍTULO III

Convocatoria plurianual do Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos CEE 2019-2022 (código de procedemento TR341X)

Artigo 44. Convocatoria

Convócanse para os anos 2019, 2020, 2021 e 2022, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a realización do Programa de formación dual en centros especiais de emprego reguladas por esta orde.

Artigo 45. Orzamento

1. O crédito asignado inicialmente a esta convocatoria é de 3.000.000,00 euros con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, distribuídos nas seguintes anualidades e aplicacións orzamentarias do código de proxecto 2019 00017:

Anualidade

Aplicación orzamentaria 09.40.324C.470.6

Aplicación orzamentaria 09.40.324C.481.6

Orzamento convocatoria

2019

150.000,00

20.000,00

170.000,00

2020

659.000,00

91.000,00

750.000,00

2021

902.000,00

128.000,00

1.030.000,00

2022

920.000,00

130.000,00

1.050.000,00

Total

2.631.000,00

369.000,00

3.000.000,00

2. A dita distribución poderá alterarse, logo das modificacións orzamentarias precisas, en función da tipoloxía de entidades que vaian realizar os proxectos de formación dual.

3. Esta orde queda supeditada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos exercicios orzamentarios do ano 2020, 2021 e 2022.

4. De conformidade co artigo 4 destas bases reguladoras, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan poderase aumentar o importe desta convocatoria.

Artigo 46. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 47. Período subvencionable

1. O inicio da actividade será o 1 de novembro de 2019, agás no caso en que os prazos desde que se publique a convocatoria imposibiliten resolver a autorización da actividade formativa nesa data, caso en que se ditará resolución da Secretaría Xeral de Emprego indicando a data de comezo da actividade.

Previamente ao inicio da actividade deberán formalizarse os contratos para a formación e a aprendizaxe.

2. A data máxima de finalización das actividades subvencionables será o 31 de outubro de 2022, ou tres anos despois da data que se iniciou a actividade formativa.

3. En ningún caso se subvencionarán os gastos de formación de accións formativas iniciadas antes de que se dite a resolución de concesión da subvención correspondente.

Artigo 48. Prazos de xustificación

As entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme a resolución de concesión e presentar a documentación xustificativa da axuda conforme o indicado no artigos 26 e 27, nos seguintes prazos máximos, ou nos que se indiquen na resolución de concesión de ser o caso:

– Anualidade 2019 (que comprende desde a data de inicio da actividade formativa ata o 31 de decembro de 2019): o 10 de febreiro de 2020.

– Anualidade 2020 (que comprende desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 31 de outubro de 2020): o 10 de decembro de 2020.

– Anualidade 2021 (que comprende desde o 1 de novembro de 2020 ata o 31 de outubro de 2021): o 10 de decembro de 2021.

– Anualidade 2022 (que comprende desde o 1 de novembro de 2021 ata o 31 de outubro de 2022 ou ata o día anterior a que se fagan 3 anos desde o inicio da actividade formativa): o 10 de decembro de 2022.

Artigo 49. Pagamentos anticipados

Poderán realizarse, pagamentos anticipados da axuda concedida en cada anualidade, logo de solicitude por parte do CEE, nas seguintes porcentaxes:

– Anualidade 2019: 100 %.

– Anualidades 2020 e 2021 e 2022: 80 %.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias.

Disposición adicional segunda. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file