Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 27 de setembro de 2019 Páx. 43028

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 26 de xullo de 2019, que aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a ampliación do Hospital Gran Montecelo.

O Consello da Xunta de Galicia acordou, na súa reunión do 7 de xuño de 2018, declarar o proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Gran Montecelo como de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e atribuíu á Consellería de Sanidade o seu impulso e a súa tramitación.

Mediante a Resolución do 9 de xaneiro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, someteuse a información pública este proxecto sectorial, xa que, como sinalan os artigos 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia; 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, e a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, os proxectos sectoriais, con todos os documentos que o integran, incluído o estudo ambiental estratéxico, se someterán aos trámites de información pública e se lles dará audiencia aos concellos sobre os cales incida o proxecto.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 26 de xuño de 2019, aprobou definitivamente este proxecto sectorial e, en consecuencia,

RESOLVO:

1. Dar publicidade ao Acordo do Consello da Xunta, do 26 de xullo de 2019, de aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a ampliación do Hospital Gran Montecelo, de conformidade co establecido no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, que regula os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

2. Publicar o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a ampliación do Hospital Gran Montecelo, en cumprimento do previsto no artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, ao cal se poderá acceder a través do seguinte enderezo web: https://www.sergas.es/Recursos-Economicos/Proxecto-sectorial-para-a-ampliacion-do-Hospital-Gran-Montecelo.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2019

María Jesús Piñeiro Bello
Directora xeral de Recursos Económicos