Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 26 de setembro de 2019 Páx. 42649

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2019 pola que se invita ás empresas e outros operadores económicos para que envíen propostas de desenvolvemento de solucións de cara ao programa piloto Maquinaria 4.0.

A Lei 5/1992 de creación do Igape establece como funcións propias do instituto a promoción de actividades creadoras de emprego e as que utilicen máis racionalmente recursos internos, así coma a promoción, fomento e potenciación de actividades económicas que favorezan o desenvolvemento equilibrado e integrado tanto en termos sectoriais como territoriais.

O Plan estratéxico de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 28 de xaneiro de 2016, polo que respecta ao obxectivo transversal do fomento do emprendemento, a industrialización e a internacionalización propón o impulso dun novo modelo industrial mediante o apoio a unha nova industria galega competitiva no mercado global coa posta en marcha de medidas aceleradoras do proceso de transformación do tecido industrial nun tecido avanzado, intelixente e aliñado coas tendencias internacionais da fábrica intelixente e da industria 4.0.

A Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0 (en adiante, a Axenda), aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, constitúe o Plan director da industria de Galicia. Establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas que vai desenvolver a Administración galega entre os anos 2015 e 2020.

A Axenda, dentro do Programa de capitalización e crecemento formula como enfoque estratéxico o crecemento empresarial mediante o reforzo do papel de líder das empresas tractoras nos sectores estratéxicos con medidas como as seguintes:

– Promover espazos de encontro entre empresas tractoras e o resto do sector, co fin de coñecer anticipadamente as necesidades das primeiras, identificar nichos de mercado, crear relacións de colaboración estratéxica a longo prazo e, en xeral, adecuar a oferta á demanda.

– Apoiar a adquisición de produtos no mercado local, especialmente os resultados do desenvolvemento tecnolóxico e os procesos de innovación.

De acordo co exposto, dentro das accións que o Igape está prevendo para o próximo plan bienal da Axenda, encóntrase a convocatoria do programa de axudas «Maquinaria 4.0» que apoiará, no eido da fabricación de maquinaria e outros bens de equipamento, a aparición de provedores fortes que poidan servir mellor ao tecido empresarial galego e incrementen as súas capacidades de posicionamento nacional e internacional.

Motivación do programa:

– O informe análise da complexidade da industria galega solicitado pola Consellería de Economía Emprego e Industria expón como unha das súas principais recomendacións o fomento de industrias con maior complexidade, entre as que destaca a da maquinaria industrial.

– As empresas industriais galegas adquiren en moitas ocasións os seus bens de equipamento e maquinaria en mercados alleos, debido á inexistencia (ou descoñecemento) de alternativas locais, á necesidade de inmediatez na implantación ou á existencia de pseudo-oligopolios. Como consecuencia os mantementos, melloras ou actualizacións son caros e non sempre fiables.

– Os fabricantes de maquinaria e bens de equipamento galegos están en xeral máis especializados en proxecto que en produto estándar. Executan instalacións ad hoc e atopan dificultades para dispor dun catálogo de produto estándar. Os seus clientes demandan solucións específicas, a súa organización está orientada ao proxecto e en ocasións non dispoñen de competencias tecnolóxicas –especialmente no ámbito dixital– ou comerciais, para ser competitivos en produtos estándares. Como resultado, a súa capacidade exportadora resíntese e cóstalles saír do seu ámbito sectorial, tecnolóxico e xeográfico.

– Existe, deste xeito, unha oportunidade para dinamizar este sector: un pulo por parte da Administración pode contribuír a diferentes fins:

• Poñer en contacto a demanda con oferta local alternativa.

• Catalizar o desenvolvemento tecnolóxico moi próximo a mercado.

• Cambiar dinámicas de investimento por dinámicas de colaboración na co-creación de novos produtos.

Co fin de comprobar o efecto deste tipo de políticas públicas no tecido industrial, o Igape vai levar a cabo unha experiencia piloto: un incentivo ao desenvolvemento e comercialización de maquinaria, bens de equipamento, liñas de produción... demandada e definida por axentes empresariais dos sectores estratéxicos da industria.

Así, para definir oportunidades, considérase necesario efectuar o presente anuncio previo e abrir un prazo para que os operadores económicos (empresas ou organizacións empresariais, basicamente) que así o desexen poidan propoñer proxectos de máquinas ou bens de equipamento, aos que máis tarde poderán dar resposta os fabricantes locais deste tipo de bens.

Enténdese que este anuncio previo e a presentación de manifestacións de interese, ademais de permitir á Administración coñecer se existen operadores económicos interesados en participar en procesos deste tipo, pode fomentar a participación de propostas innovadoras, permitir que as empresas planifiquen axeitadamente os seus investimentos e garantir a transparencia, enmarcando a convocatoria no disposto no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A invitación é aberta e diríxese a empresas de todos os tamaños e a outros operadores económicos interesados en que o sector de fabricantes de maquinaria e bens de equipamento de Galicia desenvolva determinadas liñas de produto para servir aos seus procesos industriais.

En virtude do anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar que o Igape invita as empresas industriais galegas e outros operadores económicos interesados a que remitan manifestacións do seu interese no desenvolvemento en Galicia de maquinaria e outros bens de equipamento que formen parte do seu proceso industrial actual ou en proxecto, cara á ampliación, modernización etc. a curto e medio prazo.

O obxectivo da convocatoria é a selección dos proxectos a que se dirixirán posteriormente as Axudas en fase piloto: «Maquinaria 4.0» que o Igape convocará a continuación.

Estas axudas incentivarán os fabricantes de maquinaria, individualmente ou agrupando capacidades entre varios, para desenvolver os produtos que dean resposta ás necesidades seleccionadas neste proceso de manifestación de interese e lles permita ademais xerar catálogo de produto propio que reforce a estandarización no sector e facilite no futuro a compra local de tecnoloxía.

Vantaxes previstas para os axentes que remitan as manifestacións de interese:

• Coñecer capacidades alternativas de subministración de bens tecnolóxicos nos provedores de maquinaria e bens de equipamento de Galicia.

• Poder especificar capacidades que non outorgan os provedores de produtos estándar.

• Conseguir aforros e outras vantaxes económicas tanto na adquisición inicial como no mantemento e actualización de máquinas e equipos.

• Contribuír ao desenvolvemento de capacidades avanzadas no tecido produtivo local.

Segundo. O Igape seleccionará as mellores propostas en aplicación dos seguintes criterios:

– Non producido previamente en Galicia: non debe existir un provedor local do produto ou produtos similares.

– Factibilidade técnica: búscanse solucións tanxibles que poidan estar no mercado nun prazo de arredor de 6 meses.

– Produto con expectativas multi-demanda: preferente respecto a produtos moi específicos na súa aplicación.

– Potencialidade de mercado da proposta: local, nacional e internacional.

– Orixe da proposta: preferentemente de sectores estratéxicos da economía galega.

– Aplicabilidade de capacidades existentes noutros sectores en Galicia.

– Capacidade tractora da empresa ou axente económico que presenta a proposta.

Terceiro. O proceso de presentación de propostas e a súa selección axustarase ás fases e prazos seguintes:

1. Presentación de propostas: ata o 22.10.2019. As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos no anexo desta resolución, deberán entregarse telematicamente ao Igape (Área de Competitividade) mediante a utilización dun dos seguintes procedementos:

– https://sede.xunta.gal (servizo PR004A – Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

– http://tramita.igape.es (procedemento PE001.2017.1 – Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

2. Selección de propostas: mediante a aplicación dos criterios establecidos nesta resolución, o Igape seleccionará un máximo de 5 propostas para o paso á fase de axuda piloto. Poderán establecerse listas de reserva para o caso de que algunha proposta preseleccionada desista ou non poida ser utilizada. Publicarase na oficina virtual do Igape unha resolución da dirección xeral do instituto en que se comunicarán as propostas elixidas. Data prevista de publicación: 12.11.2019.

3. Preparación das especificacións de requisitos das propostas seleccionadas: o Igape colaborará coa entidade que presentou a proposta para publicar un documento de especificación de requisitos básicos para cada unha delas. Data prevista de publicación: 5.12.2019.

4. Enlace coa fase de axuda: o réxime de axudas tomará como obxectivo os documentos de requisitos publicados, para os que os fabricantes de maquinaria e bens de equipamento poderán presentar propostas de desenvolvemento que se subvencionarán a fondo perdido segundo as condicións establecidas nas bases reguladoras da axuda.

5. Participación na selección de candidaturas: o Igape articulará nas bases reguladoras a participación dentro da comisión de selección da empresa ou axente económico cuxa manifestación de interese fose elixida. Esta participación será en todo caso de carácter técnico e non vinculante para a Administración.

O Igape resérvase a capacidade de declarar deserto o proceso e, polo tanto, non convocar as axudas no caso de que as propostas non acaden a suficiente calidade, ou que calquera circunstancia impida a convocatoria prevista das axudas.

Cuarto. A participación neste proceso de manifestación de interese non implica para o participante ningunha obriga de adquisición dos bens propostos, selección de provedor ou investimento de ningún tipo. Non obstante, para que a súa proposta forme parte das seleccionadas na fase de axuda, deberá colaborar coa administración na preparación de documentos de requisitos.

Quinto. A participación neste proceso non implica para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de subvencións que se poidan efectuar virán definidas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

Sexto. A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin preferencia algunha respecto das convocatorias de subvencións que poidan ter lugar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Sétimo. O Igape revisará as manifestacións de interese entregadas e poderá convocar aos interesados co fin de obter máis información sobre as propostas.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Contido da manifestación de interese

Número máximo de páxinas: 20 (tamaño de letra 11 puntos). Os contidos que aparecen a continuación deben entenderse como orientativos, e poderán axustarse segundo as necesidades e grao de madurez do proxecto, respectando o límite de extensión que se indica.

1. Presentación do(s) interesado(s).

Razón social, CIF, enderezo, persoa/s de contacto, teléfono, correo electrónico.

Características da empresa: centros de traballo, número de empregados, facturación, sector ou ámbito de actividade, descrición do proceso industrial e principais produtos e servizos, principais cifras de venda.

2. Descrición da maquinaria ou ben de equipamento proposto (en adiante o produto).

O obxectivo desta sección é entender desde un punto de vista cualitativo a funcionalidade e requirimentos da maquinaria que se desenvolverá. Para elo debe explicarse:

– Funcionalidade: inputs e outputs, características necesarias e básicas do produto.

– Situación actual: descrición de como se resolve ou se pensaba resolver a implantación deste produto necesario na cadea de produción.

– Necesidade a cubrir: substitución de maquinaria actual, mellora do proceso, automatización dun proceso manual, acceso a equipamento que neste momento está fóra das posibilidades económicas da empresa, mellora no mantemento, novos proxectos en carteira etc. Débese describir o problema e como o resultado do desenvolvemento o solucionaría ou melloraría as expectativas.

– Requirimentos en canto a prazos: en que prazo necesitaría dispor do produto proposto, en que condicións estaría disposto a flexibilizar este prazo e cal sería a alternativa no caso de que non se puidese cumprir o prazo mediante un desenvolvemento no mercado local (adquisición noutros mercados, rebaixa nos requirimentos operativos, deseño dun proceso manual etc).

– Parámetros operativos principais: rangos aceptables e desexables en canto ao rendemento e prestacións necesarias.

– No caso de que o interesado o coñeza, exemplos de maquinaria idéntica ou similar, incluíndo se é posible referencias, catálogos ou información técnica. Diferenzas, se existen entre as ditas referencias e a maquinaria que se propón.

– Aproveitamento de experiencias doutros sectores: se o interesado coñece solucións noutros sectores produtivos que poderían ser aplicables neste caso.

– Datos económicos: cal sería un rango de prezos aceptable para a maquinaria proposta e en que condicións se aplicaría este prezo (parámetros de instalación ou mantemento necesarios).

– Capacidade tractora da empresa ou axente económico que presenta a proposta.

– Aparte do interesado, que tipo de industria podería demandar o resultado do desenvolvemento?

– Condicións propostas de colaboración co provedor: condicións tentativas que o interesado desexaría en canto á propiedade industrial, mantemento, dispoñibilidade de unidades de produto e outras que puidesen afectar a súa relación co provedor.

– Implicacións ambientais ou de seguridade e saúde do proxecto, de existiren.

– Relacións e sinerxías con outros proxectos ou iniciativas xa existentes.

3. Suxestións ao modelo de axudas proposto.

A partir do esquema do anexo II, pódense incluír consideracións sobre o encaixe do proxecto coas axudas, modificacións necesarias, proposta de criterios de avaliación, exemplos de réximes de axudas máis axeitadas ao proxecto concreto e calquera outro comentario.

4. Adhesións ao proxecto, no caso de existiren.

Poderá incluírse a adhesión ao proxecto de calquera outro axente económico interesado tamén no desenvolvemento da proposta.

ANEXO II

Ficha orientativa das axudas «Maquinaria 4.0» para as que se seleccionarán propostas mediante esta convocatoria

Finalidade/obxectivo:

Apoio ao desenvolvemento, estandarización e comercialización de maquinaria e bens de equipamento.

Tipos de apoio:

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais:

1. Empresas con personalidade xurídica propia, con centro de traballo en Galicia.

2. Agrupacións ad hoc de empresas, que deberán constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei de subvencións de Galicia.

As empresas ou algún dos membros das agrupacións deben acreditar experiencia en servir maquinaria e bens de equipamento.

Sectores incentivables:

Fabricación de maquinaria e bens de equipamento. No caso de agrupacións, polo menos unha das participantes debe pertencer ao sector.

Requisitos principais do proxecto:

Os proxectos de desenvolvemento deben cumprir as seguintes condicións:

– Xerar unha solución que non se está producindo no territorio.

– Xustificar a súa necesidade e posibilidades de mercado (interno e internacional).

– Solucionar algunha das necesidades seleccionadas a partir da convocatoria realizada polo Igape de propostas a empresas industriais (Manifestacións de interese) para este proxecto piloto de desenvolvemento.

Investimentos ou gastos computables:

– Desenvolvemento de tecnoloxía: enxeñería e deseño, planificación, construción de prototipos, demostración, proxectos piloto…

– Estandarización e creación de catálogos de produto.

– Comercialización do produto xerado.

– Plans de mantemento e formación de distribuidores.

Custos subvencionables: desenvolvemento tecnolóxico, gastos de persoal comercial, colaboracións externas no ámbito comercial.

Contía: intensidade que se vai determinar (50 %-60 %) nos gastos de desenvolvemento tecnolóxico.

Ata 200.000 € cunha intensidade similar na parte comercial (minimis).

Baremo de avaliación:

Prevese a selección duns 2-3 proxectos neste piloto, aínda que se podería chegar a ampliar en función das solicitudes recibidas.

Estableceranse uns criterios de avaliación en función das suxestións recibidas nas manifestacións de interese. Ademais, sen dúbida serán considerados factores de avaliación os que incidan no interese para o tecido empresarial de Galicia, a factibilidade técnica do proxecto, a capacidade de xeración de negocio, o grao de colaboración previsto co demandante da solución ou a vinculación aos obxectivos da RIS3 de Galicia e da Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0.