Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 26 de setembro de 2019 Páx. 42612

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 10 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago, e se convoca a súa XXI edición para o ano 2019 (código de procedemento CT141A).

O intercambio de culturas e o entendemento entre os pobos é un dos valores fundamentais que xurdiron dos Camiños de Santiago desde o século IX ata os nosos días. Nestes séculos de intercambios e coñecementos vanse conformando uns dos itinerarios culturais de maior valor simbólico, coñecidos en todo o mundo e que representa a unidade e a transferencia de coñecementos sen límites e a liberdade de movementos.

A paz entre os pobos e a procura da convivencia harmónica son uns dos fins máis nobres que pode ambicionar unha sociedade culturalmente madura sometida aos riscos e oportunidades dimanantes dos procesos de globalización. Nesta liña, é chave o respecto entre as culturas que xeraron e xeran os diferentes pobos que constitúen o urdido da humanidade. En efecto, o intento de compresión de valores distintos dos propios é unha vía que axuda a poder acadar eses fins tan necesarios como dignificadores.

O Camiño a Santiago, se ben enraizado na tradición relixiosa cristiá, transcendeu esta xa nas últimas décadas do século pasado para converterse nunha referencia humanista plena de valores que a sociedade precisa vigorizar, tales como a solidariedade e a fraternidade entre todas as persoas, por riba dos credos relixiosos, das ideoloxías, das orixes, das condicións ou das clases sociais.

En cada volta dos distintos camiños a Compostela, en cada relanzo desa metáfora da propia vida de cada persoa que peregrina, avivecen eses valores de empatía e de fraternidade; coa persoa coa que se camiña, axudando e recibindo axuda, recoñecéndose nela como individuos que tamén se senten parte dun corpo social que percibe os Camiños de Santiago cun alcance superior ao dun recurso económico ou un produto turístico.

O camiño irradia a cultura galega cara o mundo, converte as galegas e os galegos protagonistas das historias que o peregrino leva aos máis diversos e afastados confíns. Pero tamén é unha corrente catalizadora cara Galicia e as súas xentes, que achega manifestacións culturais que portan as persoas que se dirixen a este finisterrae, meta –e metáfora tamén–, logo dun esforzo constante e ilusionado.

A comunidade internacional considera así os Camiños de Santiago, especialmente o chamado Camiño Francés, recoñecido como primeiro itinerario cultural europeo e incluído na Lista do patrimonio mundial da Unesco xunto coas rutas Camiño do Norte (Costa e Interior), consciente de como asentaron os fundamentos do progreso e dos vencellos afectivos e emocionais entre os pobos, alén dos vínculos xurídico-políticos, promovendo o xermolo da idea de unidade de Europa. Este espírito anovador conxugou o relixioso, o espiritual, o etnográfico, o antropolóxico e o económico como alicerces dun patrimonio cultural sobranceiro que cómpre protexer e potenciar.

Todo isto encarnouno o entusiasmo e o traballo de persoeiros entre os que cómpre destacar, pola súa importancia e común recoñecemento, a Elías Valiña Sampedro. No seu nome preténdese homenaxear con cada convocatoria o traballo que puxo no escenario actual de renacemento ás rutas xacobeas, e de éxito no incremento sorprendente do número de persoas que acadan a credencial Compostela. Unha herdanza cultural inestimable que hai que xestionar sabiamente para que os aspectos económicos e os produtos turísticos derivados se doten dunha credibilidade baseada na autenticidade dos sobranceiros valores culturais irrenunciables que lle outorgan sentido fondo e pleno.

Este premio pretende recoñecer tamén con gratitude as inquedanzas e labores das persoas e asociacións que traballan a prol do camiño, por máis que só unhas poucas poidan ser as agasalladas, segundo criterios selectivos de excelencia e eficiencia dos recursos públicos sempre escasos.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura e Turismo responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía para Galicia, que establece no seu artigo 27.18 como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o patrimonio histórico, artístico, arqueolóxico, de interese de Galicia e no artigo 32 que corresponde á nosa Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do Pobo Galego.

A Consellería de Cultura e Turismo asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes.

Correspóndelle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a protección e valorización dos Camiños de Santiago e fomentar a revitalización destes sen menoscabo do seu coidado e promover e difundir os seus valores intrínsecos impulsando actividades por medio das que se divulgue e facilite a comprensión da enorme potencialidade cultural dos Camiños de Santiago.

No exercicio destas funcións, a consellería con competencia en materia de cultura convoca o presente Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago co fin de estimular o esforzo de colectivos e persoas que, como Elías Valiña Sampedro, insuflan de azos, enerxías e entusiasmo o Camiño de Santiago.

Para o presente exercicio, desenvólvese, como nas edicións inmediatamente anteriores, o que se entende por labor revitalizador, especificando e engadindo conceptos inherentes a estes, como a protección na súa dobre vertente de conservación material e recuperación, o fomento do coñecemento e a potenciación dos valores sociais, espirituais e solidarios propios dos camiños. Isto contribuirá tamén a unha maior precisión na procura de obxectividade para o outorgamento do premio.

Procúrase que a documentación se ordene e sistematice conforme os criterios de valoración determinados nas bases e admítese un recoñecemento a quen sobresaia especialmente nalgún deles.

Determínase, así mesmo, a posibilidade de compartir o premio entre varias solicitudes, así como as consecuencias do devandito resultado.

Así mesmo, proponse de novo a posibilidade de recoñecemento por medio dunha mención especial a unha persoa física sobre a base da súa sensibilidade, compromiso e dedicación nunha traxectoria vital a prol do fomento dos valores culturais dos Camiños de Santiago

En consecuencia, do anteriormente exposto, o conselleiro de Cultura e Turismo

DISPÓN:

Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión do Premio Elías Valiña na súa XXI edición.

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Convócase o Premio Elías Valiña para o ano 2019 e establécense as bases reguladoras polas que se rexerá a súa concesión (código de procedemento CT141A).

Artigo 2. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto a convocatoria e o establecemento das bases reguladoras da concesión do Premio Elías Valiña, para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago, como un recoñecemento institucional e social ao esforzo protector e de fomento do coñecemento e dos valores propios dos Camiños de Santiago, por parte das asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan estes fins no seu obxecto social.

Inclúese, así mesmo, a posibilidade de que o xurado propoña unha mención especial, sen dotación económica, a unha persoa física que, pola súa sensibilidade e interese, teña contribuído coa súa traxectoria vital ao fomento dos valores culturais dos Camiños de Santiago. Esta mención só poderá outorgarse de xeito individual.

2. Ao expediente derivado desta orde, incorporarase un informe da Subdirección Xeral de Protección de Patrimonio Cultural onde se documente o cumprimento efectivo dos obxectivos da orde conforme a indicadores que se corresponden cos criterios de valoración reflectidos no artigo 12 destas bases.

3. Ao premio aplicaráselle a correspondente retención fiscal. Poderá outorgarse de xeito individual ou compartido, ou declararse deserto.

4. A asociación ou entidade premiada recibirá un diploma e o importe do premio que lle será aboado mediante transferencia bancaria. No caso de que o premio sexa compartido, serao a partes iguais entre as persoas galardoadas.

Artigo 3. Financiamento e réxime xurídico

1. A convocatoria realízase, con cargo á aplicación orzamentaria 11.30.433A.781.0 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería de Cultura e Turismo dentro dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2019, por un importe máximo de 10.000 € (dez mil euros).

2. A concesión do premio queda sometida á condición da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. O procedemento para a concesión do premio recollido nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia competitiva sinalado, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará á regulación establecida no título preliminar, capítulo II, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións normativas:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

E supletoriamente:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

b) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. O premio regulado ao abeiro desta orde é compatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán participar as asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, cunha traxectoria que acredite o seu labor na protección, revitalización, fomento do coñecemento e dos valores propios do Camiño de Santiago, e que desenvolvan a súa actividade tanto dentro como fóra de Galicia.

2. Estas entidades deberán ter acreditada unha traxectoria de cando menos cinco anos de funcionamento efectivo na consecución dos obxectivos establecidos na convocatoria.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas en que se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as que fosen premiadas nas cinco convocatorias anteriores co Premio Elías Valiña.

Artigo 5. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión deste premio e da mención especial referida nesta orde. A devandita instrución rematará coa proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo.

2. A persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo é a competente para ditar a resolución da súa concesión, con indicación do nome da entidade premiada ou premiadas e a contía que lles corresponde.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar as solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias deste premio, poden estar situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico dispares, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un deles e con características legais, técnicas e funcionais distintas, non asimilables á situación tecnolóxica existente en Galicia, que imposibilitan ou impidan a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Consellería de Cultura e Turismo ata que remate o procedemento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que presente de forma electrónica a persoa solicitante ou a representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O defecto na solicitude seralles notificado ás persoas interesadas e daráselles un prazo de dez días para que emenden os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se darán por desistidas da súa solicitude, logo da resolución que deberá ditarse consonte o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse á persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e a resolución do procedemento.

7. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

Artigo 7. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de candidaturas será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo.

Artigo 8. Documentación que se presentará

1. Xuntarase a seguinte documentación:

a) Anexo I cuberto.

b) Acreditación da representación da persoa que asine a solicitude en nome da entidade.

c) Copia dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

d) Memoria xustificativa do labor realizado neste campo en que se detallarán as actividades ordenadas e sistematizadas conforme os criterios establecidos no artigo 12 destas bases e polo período de cinco anos, co grao de concreción axeitado para facilitar a valoración. A memoria incluirá, como anexo, unha táboa-resumo da memoria xustificativa en que se enumeren, baixo as súas correspondentes catro epígrafes: as intervencións encamiñadas á protección do patrimonio; os traballos de investigación, documentación e fomento do coñecemento do camiño e o fenómeno xacobeo entre a comunidade especializada e científica; as accións de sensibilización e fomento do asociacionismo con fins relacionados co fenómeno xacobeo; e as accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social; indicando datas, ámbitos territoriais, autoría e, se é o caso, persoas destinatarias e a súa cuantificación.

e) Certificados, informes ou calquera outro documento subscrito por un organismo oficial que avale a candidatura, pola súa importancia e relevancia no ámbito cultural ou tres entidades inscritas no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago de Compostela que acrediten o desenvolvemento do labor de protección, revitalización e promoción das rutas xacobeas.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• NIF (número de identificación fiscal) da entidade solicitante.

• DNI ou NIE (número de identidade de estranxería) da persoa representante.

• Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

• Certificado de estar ao día nos pagamentos á Consellería de Facenda.

• Certificado de estar ao día nos pagamentos á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos nos termos previstos regulamentariamente.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Información básica sobre protección de datos persoais

En cumprimento da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. Composición.

Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, achegaranse a un xurado encargado da súa valoración, que terá a consideración de Comisión de Valoración, e que estará presidido pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e estará integrado polos seguintes membros:

a) A persoa titular da subdirección competente en materia de protección do patrimonio cultural, que exercerá a vicepresidencia.

b) A persoa que presida o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago (regulado no capítulo I do Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago) ou a persoa en que delegue.

c) Dúas persoas especialistas de recoñecido prestixio en materia xacobea nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia de cultura.

d) A persoa que represente a institución, asociación cultural, fundación ou persoa gañadora na última convocatoria, ou persoa en que delegue.

e) As persoas que presidan as entidades inscritas no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago de Compostela cos números 144, 145, 146 e 147, que serán substituídas o vindeiro ano polas catro seguintes e así sucesivamente ata que roten todas, ou persoas en que deleguen.

f) Actuará como secretaria/o, con voz e sen voto, a persoa titular do servizo competente en materia de protección dos Camiños de Santiago da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

No caso de que na mesma entidade concorresen a condición de último gañador do Premio Elías Valiña e da entidade inscrita no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago, segundo a relación prevista nesta orde cos números 144, 145, 146 e 147, a entidade formará parte do xurado en calidade de gañadora da última edición, co que entraría a formar parte deste a seguinte entidade rexistrada na orde que proceda segundo a numeración correlativa subseguinte.

A mesma solución será de aplicación no caso de que non se acade un mínimo de sete persoas por motivos de imposibilidade ou renuncia para participar como xurado a entidade gañadora da última edición ou dalgunha ou algunhas das entidades que correspondan, segundo a prelación prevista neste artigo.

2. Funcións.

As propostas do xurado especificarán a avaliación que lles corresponde en aplicación dos criterios previstos no artigo seguinte.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. O xurado valorará as candidaturas, ata un máximo de 100 puntos, segundo a documentación acreditativa que se presentase, de acordo coas seguintes epígrafes:

a) Intervencións encamiñadas á protección do patrimonio (ata un máximo de 25 puntos):

– Número de intervencións na recuperación, a conservación, a sinalización, o acondicionamento e a valorización de tramos do Camiño de Santiago ou de elementos asociados, así como no seu contorno. Segundo a seguinte tipificación:

Cada intervención de recuperación da traza en terreos de propiedade privada e a súa doazón ao patrimonio público da Administración correspondente: nos camiños declarados bens de interese cultural, 6 puntos, e no resto dos camiños a Compostela, 3 puntos.

Cada intervención de conservación nos camiños declarados bens de interese cultural, 2 puntos. No resto dos camiños a Compostela, 1 punto.

Cada intervención de acondicionamento e de valorización de tramos, ou de elementos asociados así como no seu contorno: nos camiños declarados bens de interese cultural, 4 puntos; no resto dos camiños a Compostela, 2 puntos.

b) Traballos de investigación, de documentación e de fomento do coñecemento do Camiño e do fenómeno xacobeo para difundilo entre a cidadanía: ata un máximo de 25 puntos.

– Número de traballos (xornadas, seminarios e outros eventos análogos, edicións de folletos e revistas, artigos, publicacións e/ou material audiovisual): de ámbito galego ou estatal, 1 punto cada traballo; de ámbito europeo, 2 puntos cada traballo, e de ámbito mundial, 3 puntos cada traballo.

– Participación en programas en medios de comunicación social: de ámbito galego ou estatal, 1 punto cada participación; de ámbito europeo, 2 puntos cada participación, e de ámbito mundial, 3 puntos cada participación.

– A súa repercusión pública: a súa difusión no ámbito galego ou estatal, 1 punto; o seu alcance no ámbito europeo, 2 puntos, e o espallamento no ámbito mundial, 3 puntos.

c) Accións de sensibilización e fomento do asociacionismo con fins relacionados co fenómeno xacobeo e organizacións de peregrinacións e outras actividades para membros e persoas simpatizantes, ata un máximo de 25 puntos.

– Número de accións e a súa repercusión: de ámbito galego ou estatal, 1 punto cada traballo; de ámbito europeo, 2 puntos cada traballo, e de ámbito mundial, 3 puntos cada traballo.

– Número de novos membros ou de participantes nas accións de sensibilización a asociacionismo, segundo a seguinte ponderación:

Por cada cinco novos membros que causen alta nas entidades xacobeas de ámbito galego ou estatal, 1 punto.

Por cada dous novos membros que sexan dados de alta na entidade xacobea de ámbito europeo: 2 puntos.

Por cada novo membro que sexa dado de alta na entidade xacobea de ámbito mundial: 3 puntos.

d) Accións encamiñadas para potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social, ata 25 puntos, segundo a seguinte descrición:

Número de accións relacionadas coa peregrinación a Compostela na súa vertente organizativa, e a súa incidencia. Así:

– En canto a labores de acollida e hospitalidade nos albergues en funcións de hospitaleira ou hospitaleiro: por cada albergue atendido pola entidade xacobea no territorio galego ou no estatal, 1 punto; no continente europeo, 2 puntos; no resto do mundo: 3 puntos.

– Por accións educativas, de especial significación, complexidade e singularidade, desenvolvidas pola entidade xacobea durante a peregrinación, para a promoción da integración de grupos con diversidade funcional e de contribución á reintegración na sociedade de grupos de persoas que estean ou estivesen cumprindo condena, de persoas vítimas de adicións de distinta tipoloxía, ou de violencia exercida sobre elas, e realización de tarefas asistenciais en xeral. Valorarase con 2 puntos cada acción.

A ponderación individual de cada un dos criterios será realizada polos membros da Comisión de Valoración no seu conxunto, que adoptará unha decisión ponderada e xustificada en relación cos devanditos criterios e de xeito comparativo entre todas as candidaturas.

Artigo 13. Resolución e notificación á entidade gañadora

1. Á vista da deliberación do xurado, contida no ditame en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento do premio, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural elevarao, xunto coa proposta de resolución, á persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo.

2. A persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo, á vista da proposta, ditará a resolución que proceda debidamente motivada, no prazo de quince días, e será obxecto de notificación á entidade gañadora, e tamén á súa publicación no Diario Oficial de Galicia e, así mesmo, na páxina web da consellería.

3. O órgano xestor deberá observar que no momento de ditar resolución se cumpren as formalidades previstas no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O último día para ditar a resolución expresa será dun mes, contado desde a data de finalización do prazo de presentación das solicitudes. En calquera caso, transcorridos dez días hábiles desde a notificación da concesión deste premio sen que a persoa interesada comunicase expresamente a súa renuncia a este, entenderase que o acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

5. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima a persoa interesada para entender desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

6. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

7. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

8. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Inclusión no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios

1. O premio outorgado ao abeiro desta orde figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do premio poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. A documentación da candidatura premiada ao abeiro desta convocatoria quedará en poder, para o seu adecuado arquivamento, da Consellería de Cultura e Turismo e reservarase esta o dereito de divulgación gratuíta da dita documentación por calquera medio de reprodución con destino a actividades divulgativas.

4. A documentación das candidaturas non premiadas seralles devolta ás persoas interesadas no caso de que estas o soliciten expresamente.

Artigo 15. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada ao abeiro desta orde, que porá fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Anulación e reintegro

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas, cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que as persoas beneficiarias incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura e Turismo instruirá, se é o caso, un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Artigo 17. Control

As persoas solicitantes e as premiadas quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou polo Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

Ademais, deberán facilitarlle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe do premio.

Artigo 18. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería https://www.cultura.gal/, na súa epígrafe Servizos, na alínea de Axudas, subvencións e bolsas.

b) Os teléfonos 981 54 48 62 e 981 54 48 17.

c) Presencialmente, nas dependencias do Servizo de Protección e Fomento, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Disposición adicional

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para ditar as resolucións precisas para o desenvolvemento da orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file