Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 25 de setembro de 2019 Páx. 42509

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

EXTRACTO da Resolución do 12 de setembro de 2019 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras da I edición dos Premios de innovación en saúde 2019 no Sistema Público de Saúde de Galicia e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA304A).

BDNS (Identif.): 473611.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

Establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, a primeira edición dos Premios de innovación en saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia, para premiar as ideas de innovación dos profesionais sanitarios no ámbito da Consellería de Sanidade e no seu sector público no ano 2019, así como as dos pacientes. Os premios pretenden potenciar as ideas innovadoras nas cales os seus profesionais traballan para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do sistema sanitario público galego, e tamén aquelas propostas de persoas físicas (pacientes, coidadores, etc.), organizacións ou asociacións de pacientes sen ánimo de lucro.

Segundo. Persoas beneficiarias

1. Respecto á modalidade de idea de profesionais: persoal ao servizo do Sistema Público de Saúde de Galicia que desenvolva unha idea innovadora no sistema sanitario galego. As persoas físicas que presenten unha idea poden representar un equipo (máximo 4 persoas, incluído o/a representante).

2. Respecto á modalidade de idea de pacientes: poderá presentar a súa idea calquera persoa física (pacientes, coidadores, etc.), organización ou asociación de pacientes sen ánimo de lucro. Tamén poderán presentarse varias persoas físicas, organizacións ou asociacións de pacientes representadas por unha delas (máximo 4, incluído o/a representante).

3. Non poden optar ao premio os membros do xurado ou persoas vinculadas a eles por parentesco de consanguinidade ou afinidade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 12 de setembro de 2019 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras da I edición dos Premios de innovación en saúde 2019 no Sistema Público de Saúde de Galicia e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA304A).

Cuarto. Importe

1. Os premios consistirán en:

• Modalidade de idea de profesionais: o premio consistirá nunha visita organizada a un centro innovador de ámbito internacional, a asistencia a cursos de formación ou a congresos relacionados coa innovación e contará cunha dotación económica máxima de 6.500 € para aloxamento, viaxe e axudas de custo de manutención, cun límite de 1.625 € por persoa.

• Modalidade de idea de pacientes: o premio terá unha dotación económica máxima de 2.000 €, que se deberán empregar para formación en aspectos relacionados cos fins fundacionais da asociación ou organización sen ánimo de lucro relacionada coa saúde que o gañador desta modalidade seleccione.

2. O financiamento dos premios referidos no punto 1 anterior impútase á aplicación orzamentaria 2019.12.A1.411A.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2019.

Quinto. Prazo de presentación de candidaturas

O prazo de presentación de candidaturas comezará o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 29 de novembro de 2019.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde