Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 24 de setembro de 2019 Páx. 42194

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 112/2019, do 5 de setembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-225, treito Alba-San Caetano, puntos quilométricos 0+000-1+080, de clave PO/16/264.06, no concello de Pontevedra.

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 214, do 9 de novembro de 2018, publicouse o Anuncio do 30 de outubro de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-225, treito Alba-San Caetano, puntos quilométricos 0+000-1+080, de clave PO/16/264.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 18 de xullo de 2019 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-225, treito Alba-San Caetano, puntos quilométricos 0+000-1+080, de clave PO/16/264.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto definir, xustificar e valorar as obras necesarias para a construción dun itinerario peonil e ciclista que permita a circulación de peóns e ciclistas non deportivos pola estrada autonómica PO-225, entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+080.

Trátase dunha actuación que enlaza os distintos núcleos colindantes ao treito de estrada obxecto de estudo, favorecendo a conexión dos principais focos de atracción como son os propios núcleos poboacionais de Alba e San Caetano, as empresas industriais situadas na zona e principalmente o Camiño Portugués, cuxo trazado é coincidente coa estrada autonómica PO-225, entre os puntos quilométricos 0+330-0+910.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de setembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-225, treito Alba-San Caetano, puntos quilométricos 0+000-1+080, de clave PO/16/264.06.

Santiago de Compostela, cinco de setembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade