A base oitava da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 1 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 13 de marzo), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de enxeñeiro/a técnico/a do Servizo Galego de Saúde, dispón que contra os resultados da baremación provisional os/as aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Á vista das reclamacións presentadas ou apreciado de oficio polo órgano de selección algún erro material na baremación provisional asignada aos/ás aspirantes, o tribunal practicará as oportunas correccións e aprobará as puntuacións definitivas da fase de concurso e a relación de aspirantes seleccionados/as, pola orde de puntuación alcanzada nas diferentes quendas de acceso, e elevará esta relación á autoridade convocante para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na base novena da citada resolución disponse, ademais, que os/as aspirantes definitivamente seleccionados/as disporán do prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao desta publicación, para a presentación da documentación preceptiva exixida na convocatoria.
De conformidade co anteriormente exposto, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso
RESOLVE:
Primeiro. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) o acordo do tribunal relativo á puntuación definitiva da fase de concurso obtida polas persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de enxeñeiro/a técnico/a, convocado pola Resolución do 1 de marzo de 2018.
Cada aspirante poderá consultar, ademais, o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Segundo. Publicar, como anexo desta resolución, a relación dos/das aspirantes seleccionados/as neste proceso, segundo a orde de puntuación acadada nas diferentes quendas de acceso, de conformidade co número de prazas convocadas e a previsión contida na base 1.4.3 da resolución de convocatoria.
Terceiro. De conformidade coa base 2.1.8 e 9.1 da convocatoria, os/as aspirantes seleccionados/as que se relacionan no anexo desta resolución disporán do prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación para a presentación da seguinte documentación:
a) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores á convocatoria, nin estar inhabilitado/a con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, de ser o caso, para a correspondente profesión.
No caso dos/das nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores á convocatoria.
b) Certificado médico oficial en que se acredite a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións propias da categoría.
c) Por exixencia do artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, segundo a redacción efectuada pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, certificación do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais dependente do Ministerio de Xustiza de non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual ou, no seu defecto, autorización escrita ao Servizo Galego de Saúde para consultar os datos contidos no citado rexistro e solicitar no seu nome a oportuna certificación.
Esta autorización deberá prestarse no modelo que para o efecto consta na páxina web do Servizo Galego de Saúde, na epígrafe relativa a emprego público (www.sergas.es/emprego público).
d) Declaración xurada ou promesa de non ter a condición de persoal estatutario fixo da mesma categoría a que opta.
De conformidade coa base 9.2 da Resolución do 1 de marzo de 2018, os/as que dentro do prazo fixado non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos para participar no proceso selectivo non poderán ser nomeados/as persoal estatutario fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorran por falsidade na solicitude inicial.
Cuarto. Só para os efectos de elección de destino, de conformidade co artigo 9 do Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, os/as aspirantes que superen o concurso-oposición pola quenda reservada a persoas con discapacidade poderán solicitar á autoridade convocante, no prazo que se indica no punto terceiro desta resolución, a alteración da orde de prelación para a elección das prazas por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados.
Quinto. A documentación requirida nesta resolución deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e deberá dirixirse á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
Sexto. Esta resolución poderá ser impugnada nos termos previstos na base XI da Resolución de convocatoria do proceso, do 1 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 13 de marzo).
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2019
Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos
ANEXO I
Enxeñeiro/a técnico/a
Nº |
DNI |
Apelidos e nome |
Acceso |
Nota OPE |
Formación |
Experiencia |
Outras actividades |
Total |
1 |
***5688** |
Folgueira Meilán, Carlos |
PI |
43,375 |
4,930 |
18,330 |
0,000 |
66,635 |
2 |
***2028** |
Castro Sánchez, Juan Carlos |
PI |
39,500 |
8,000 |
8,650 |
0,000 |
56,150 |
3 |
***4778** |
López Gómez, Silvia |
PI |
37,125 |
8,000 |
3,860 |
0,000 |
48,985 |
4 |
***2036** |
Freire Piñeiro, Juan Carlos |
L |
43,375 |
8,000 |
25,200 |
0,000 |
76,575 |
5 |
***6598** |
Calvo Cheda, Víctor Manuel |
L |
47,000 |
6,370 |
19,200 |
0,000 |
72,570 |
6 |
***3539** |
Juncal Pintos, Roberto |
L |
38,875 |
6,760 |
22,000 |
0,000 |
67,635 |
7 |
***5085** |
Novoa Conde, Xavier |
L |
38,500 |
8,000 |
20,200 |
0,000 |
66,700 |
(*) Ocúltase parcialmente o número de documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal, de acordo coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro.