Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 10 de setembro de 2019 Páx. 39739

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 21 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a documentación de solicitude de autorización ambiental integrada presentados por Ganadería Federico, S.C. para o proxecto de ampliación dunha explotación porcina de ceba, situada no lugar de Pazos, no concello de Rodeiro, provincia de Pontevedra (expediente 2017-IPPC-I-127).

Para os efectos previstos na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

– Proxecto básico e estudio de impacto ambiental para a solicitude de autorización ambiental integrada das instalacións de Ganadería Federico, S.C., situadas en Pazos (concello de Rodeiro).

Para que calquera interesado poida consultalos e, no seu caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que xulgue oportunas, os documentos poderán consultarse:

– Na Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal>>medio ambiente e sostibilidade >>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2017-IPPC-I-127.

Peticionaria: Ganadería Federico, S.C.

NIF: J94021425.

Enderezo social: lugar Pazos, nº 6, parroquia de Pedroso, 36530 Rodeiro (Pontevedra).

Localización da instalación: lugar Pazos, 36511 Rodeiro (Pontevedra). Un punto de localización da explotación porcina é o definido polas coordenadas UTM (FUSO 29, DATUM ETRS89): X: 580010, Y: 4726489.

Actividade: explotación porcina de ceba.

Descrición: a actividade actual realízase en tres naves con capacidade para 2.170 prazas de ceba, proxectándose a construción dunha cuarta nave con capacidade para 780 prazas de ceba e unha fosa de xurro de 285,14 m2. Tras a ampliación a explotación pasará a contar cunha capacidade máxima de 2.950 prazas para porcos de ceba.

Os ciclos de produción comezarán coa entrada nas naves dos leitóns cun peso aproximado de 20 kg, onde permanecerán ata que alcancen un peso de 95-115 kg, momento no cal serán retirados da instalación para seren enviados ao matadoiro. Entre cada un dos ciclos que se levan a cabo na explotación faise un baleiro sanitario, que ten unha duración de 10 días. O número de ciclos produtivos anuais é de 2,5-2,8.

O xurro producido na explotación será valorizado en parcelas agrícolas.

As únicas augas residuais que se producen na explotación son as procedentes da limpeza das instalacións e serán recollidas nas fosas de xurro para ser valorizadas xunto con este, en parcelas agrícolas. As augas pluviais verteranse directamente ao terreo.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2017/302 da Comisión do 15 de febreiro de 2017 pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no marco da Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello respecto á cría intensiva de aves de curral ou de porcos.