Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Martes, 3 de setembro de 2019 Páx. 38616

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2019 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención da avaliación previa á contratación de profesorado polas universidades do Sistema universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes (código de procedemento ED702B).

A Lei 6/2013, de 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (LSUG), establece que o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) é a entidade que ten as competencias en materia de avaliación da calidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ás que se fai referencia na propia LSUG, na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (LOU), así como aqueloutras competencias que se lle poidan atribuír polo ordenamento xurídico.

Os estatutos de ACSUG, publicados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, configuran á Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) como o órgano superior en materia de avaliación, competente para a elaboración dos protocolos e procedementos específicos de avaliación e informe.

En virtude das súas competencias, a CGIACA aprobou mediante Acordo do 9 de novembro de 2010 o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG).

Mediante a Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do 17 de setembro de 2009, reguláronse os supostos de validación automática de avaliación previa á contratación do profesorado e estableceuse o procedemento común a seguir nos distintos procesos previos á contratación do profesorado atribuídos á ACSUG.

De conformidade co exposto, a presidenta do Consello Reitor de ACSUG, en virtude das competencias que ten delegadas por Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro),

RESOLVE:

Primeira. Obxecto

Apróbase a convocatoria para a presentación de solicitudes por parte dos interesados que desexen obter a avaliación, para poder ser contratados como persoal docente e investigador, por algunha das universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG), como profesorado contratado doutor, de universidade privada e axudante doutor, de conformidade co disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril; e que debe emitir o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), (procedemento ED702B).

Segunda. Persoas destinatarias

Poderán presentar a súa solicitude todas aquelas persoas que posúan o título de doutor e non se atopen en ningún dos supostos regulados no artigo 4 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do 17 de setembro de 2009, pola que se regula a avaliación e informe de ACSUG previos á contratación de profesorado contratado doutor, de universidade privada e axudante doutor.

Terceira. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As persoas solicitantes deberán cubrir o modelo de solicitude (anexo I) a través da aplicación informática de ACSUG, accedendo a través da páxina web
http://www.acsug.es/convocatorias-abertas. Deberá indicarse para cal ou cales das figuras contractuais se solicita a avaliación. No caso de que se pida máis dunha figura, farase na mesma solicitude.

2. Unha vez cuberta a solicitude na aplicación de ACSUG do xeito que se indica no punto anterior e realizado o pagamento das taxas administrativas correspondentes, dita solicitude presentaranse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios na sede electrónica, poderá dirixirse ao teléfono do Servizo de Atención e Información á Cidadanía 012.

3. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Cuarta. Pagamento das taxas administrativas

1. De acordo co punto 54 do anexo I da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase realizar o pagamento da correspondente taxa administrativa polas actuacións relacionadas coas avaliacións ou informes previos á contratación do profesorado universitario:

– Pola primeira figura contractual: 51,84 euros.

– Pola segunda figura contractual e terceira (por cada unha): 25,91 euros.

2. Os solicitantes poderán realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

a) Pagamento telemático (modelo 730):

Deberase acceder á Oficina Virtual Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia e realizar o pagamento mediante tarxeta de crédito, débito ou con cargo á conta bancaria do solicitante, en función do número de figuras solicitadas, obtendo o xustificante 730 correspondente.

b) Pagamento presencial (modelo A ou AI):

Deberase cubrir o modelo A ou AI e realizar o ingreso do importe da taxa que corresponda en función do número de figuras solicitadas, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para calquera aclaración ou información sobre o pagamento da taxa os interesados poderán acceder á seguinte dirección http://www.acsug.es/gl/acsug/taxas

Quinta. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Con independencia da opción elixida para a presentación da solicitude achegarase a seguinte documentación:

– Anexo I (solicitude) cumprimentada e xerada na aplicación de ACSUG.

– Xustificante do pagamento das taxas devengadas pola tramitación da solicitude.

– CD-ROM coa documentación xustificativa dos méritos curriculares.

Respecto ao anexo I (solicitude) e ao xustificante do pagamento das taxas devengadas pola tramitación da solicitude rexerá o disposto na base cuarta.

Respecto ao CD-ROM coa documentación xustificativa dos méritos curriculares rexerá o disposto na base novena.

2. Toda a documentación á que se fai referencia no parágrafo anterior presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– Título universitario de doutor.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Setima. Emenda e mellora da solicitude

Cando as solicitudes presentadas en prazo non cumpran cos requisitos establecidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como nestas bases, requirirase ao interesado para que proceda á súa emenda no prazo de dez (10) días, de conformidade co disposto no artigo 68 da citada norma. De non facelo, considerarase desistida a petición e arquivarase o expediente.

Oitava. Formalización e alegación dos méritos curriculares

O currículum formalizarase no formato dixital dispoñible na aplicación informática accedendo a través da páxina web www.acsug.es. Só se valorarán os méritos que aparezan cubertos deste xeito no currículum. No caso de que un mérito sexa susceptible de ser incluido en distintas epígrafes do currículo, o interesado elixirá o lugar onde desexa que aquel sexa valorado.

Novena. Xustificación dos méritos curriculares

1. A documentación xustificativa dos méritos curriculares alegados deberase achegar en soporte dixital xunto coa solicitude.

Cando a solicitude se presente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, será de aplicación o disposto no parágrafo 4 da base quinta.

Cando a solicitude se presente presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa dos méritos curriculares achegarase nun CD-ROM.

Non se admitirá ningún documento xustificativo dos méritos curriculares en formato papel, sen prexuízo do cal, ACSUG poderá solicitar ao interesado ao longo da tramitación do procedemento, o cotexo dos méritos alegados mediante a presentación dos correspondentes documentos orixinais.

2. A documentación xustificativa dos méritos curriculares non será obxecto de emenda. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes non se admitirá a presentación de ningunha documentación. A avaliación do currículo farase con base aos xustificantes dos méritos achegados polo solicitante ata o momento do peche do prazo. ACSUG poderá requirir aos solicitantes as aclaracións e concrecións que considere oportunas.

3. Como criterio xeral, os solicitantes xustificarán do xeito máis axeitado e completo posible a realización dos seus méritos curriculares, coa finalidade de facilitar a súa avaliación. Sen prexuízo do anterior, os méritos que se relacionan a continuación so se terán en conta cando se xustifiquen do xeito que expresamente se indica:

– A docencia universitaria regrada xustificarase cun certificado da autoridade académica competente emitido pola universidade na que se prestase aquela, no que deberá constar as materias e o número de horas ou créditos impartidos.

– O expediente académico xustificarase a través dun certificado expedido pola autoridade competente, no que figurará a nota media calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificación nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

– Os cursos e másters recibidos xustificaranse co correspondente certificado en que conste o número de horas destes.

– As bolsas e as axudas acreditaranse a través da credencial emitida polo organismo pagador destas.

– Os proxectos e contratos de investigación competitivos e non competitivos xustificaranse coa documentación na que conste a súa concesión por parte do organismo pagador, as características, o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, nacional, autonómico, interuniversitario ou interdepartamental.

– A actividade profesional desenvolvida xustificarase prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.

– Para acreditar libros, artigos e demais publicacións será suficiente con entregar unha copia escaneada da primeira e última folla, índice e folla onde figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de publicacións telemáticas, se son de acceso libre, sinalarase o modo de acceso. En caso contrario xuntarase o arquivo da publicación no que figure o ISSN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación xustificaranse coa aceptación da editorial ou organismo responsable da publicación.

4. Tendo en conta que as persoas solicitantes asinan unha declaración respecto da veracidade dos datos que fai constar na solicitude e no curriculum vitae, así como de toda a documentación xustificativa que xunta á solicitude, estas asumirán as responsabilidades que se puidesen derivar das inexactitudes que consten tanto na solicitude como na documentación que presenten.

Décima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

4. As notificación por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo primeira. Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será de trinta (30) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo segunda. Procedemento de avaliación

De conformidade co establecido na alínea b) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do 17 de setembro de 2009, as avaliacións realizaranse de conformidade co establecido para o efecto no protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia aprobado polo Acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) o 9 de novembro de 2010, publicado na páxina web www.acsug.es

Décimo terceira. Realización de trámites

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo cuarta. Acordos de avaliación

De conformidade co establecido na alínea a) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do 17 de setembro de 2009, e co establecido no artigo 25 dos estatutos de ACSUG, publicados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira.

Os acordos adoptaranse nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Décimo quinta. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, poderán ser recorridos en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Quen desexe interpoñer un recurso de reposición poderao facer desde a mesma aplicación informática na que formalizou a súa solicitude. Este recurso, unha vez cuberto telematicamente, deberá imprimirse, asinarse e presentarase no modo indicado na base terceira.

Décimo sexta. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable polo consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario, para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Décimo sétima. Entrada en vigor

Est resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2019

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do consorcio Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia

missing image file
missing image file