Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Martes, 20 de agosto de 2019 Páx. 36982

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se fai público o esgotamento do crédito para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas.

A Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, establece que se concederán subvencións ata o esgotamento do crédito orzamentario, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na dita convocatoria, establécese que ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de 800.000 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.11.313D.460.1 (código do proxecto 2018 00112) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2019.

A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Unha vez resoltas as solicitudes presentadas ao abeiro da devandita resolución, constátase que coa última das resolucións ditadas o 5 de xullo de 2019 esgotouse o crédito dispoñible para a concesión destas subvencións.

En virtude do exposto anteriormente, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único

Dáse a coñecer o esgotamento, o 5 de xullo de 2019, do crédito dispoñible para a concesión destas subvencións convocadas por Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade