Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Venres, 2 de agosto de 2019 Páx. 35702

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Toques

ANUNCIO de aprobación definitiva do estudo de detalle para soar en Souto.

O Pleno municipal, en sesión extraordinaria que tivo lugar o día 29 de abril de 2019, adoptou o acordo de aprobación definitiva do estudo de detalle para soar en Souto que a continuación se transcribe:

«Incoado o expediente de aprobación de estudo de detalle e visto o proxecto redactado pola Oficina Galega de Proxectos Arquitectónicos, S.L.P.U., cuxo promotor é o Bispado de Lugo, referente á área que comprende Souto no lugar de Ponte Queimadas, coa cualificación urbanística de solo urbano, e que tivo rexistro de entrada no Concello o día 22 de outubro de 2018.

Visto que o presente estudo de detalle se redacta para modificar e reordenar os volumes de acordo co planeamento que afecta o soar obxeto deste, para levar a cabo a realización dun equipamento con uso sociocultutal e/ou relixioso na parcela.

Visto que o estudo de detalle pretende organizar a situación da nova edificación sen modificar ocupacións nin aliñacións xa fixadas polo planeamento, nin alterar os usos do solo, cun criterio de integración paisaxística e urbanística, para conseguir a implementación dun novo uso (permitido na ordenanza) en edificación illada (permitida tamén pola ordenanza que lle é de aplicación ao soar) para uso e desfrute dos veciños da contorna e de todo o concello, cumprindo sempre e en todo momento co disposto na normativa.

Visto o informe de Secretaría, do 15 de novembro de 2018, onde se determina o procedemento que cómpre seguir e a lexislación aplicable.

Visto que o estudo de detalle foi aprobado inicialmente polo Decreto da Alcaldía número 1/2019, do 7 de xaneiro de 2019.

Visto que o anuncio de aprobación inicial do estudo de detalle para soar en Souto foi publicado o día 22 de xaneiro de 2019 no DOG número 15 e o día 4 de xaneiro no xornal La Voz de Galicia.

Unha vez transcorrido o prazo dun mes sen que se presentasen alegacións ou reclamacións á dita aprobación inicial.

Visto os antecedentes descritos e ante a ausencia de debate, o Pleno do Concello de Toques acorda:

Primeiro. Aprobar definitivamente o estudo de detalle para soar en Souto redactado pola Oficina Galega de Proxectos Arquitectónicos, S.L.P.U., cuxo promotor é o Bispado de Lugo, referente á área que comprende Souto no lugar de Ponte Queimadas coa cualificación urbanística de solo urbano.

Segundo. Publicar este acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia e o texto dos documentos que o integran, así como o índice de planos do estudo de detalle, no Boletín Oficial da provincia.

Terceiro. Notificarlles este acordo aos propietarios e demais interesados directamente afectados polo estudo de detalle.

Cuarto. Comunicar á consellería competente en materia de urbanismo a aprobación do estudo de detalle referido á área que comprende Souto no lugar de Ponte Queimadas, coa cualificación urbanística de solo urbano, á vez que se lle dá traslado dun exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado, co fin de que se inscriba no Rexistro de Plan Urbanístico de Galicia.

Quinto. Facultar o alcalde presidente para subscribir e asinar toda clase de documentos e, en xeral, para todo o relacionado con este asunto».

Toques, 10 de xullo de 2019

Miguel Ángel Buján Varela
Alcalde