Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 23 de xullo de 2019 Páx. 34133

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 20 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada para o complexo industrial de obtención de alumina e de aluminio en San Cibrao, Lugo, integrado polas plantas de Alúmina Española, S.A. e de Aluminio Español, S.L.U. (expediente 2019-IPPC-M-17).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro de 2016) regula a revisión da autorización ambiental integrada.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro de 2013) establecen o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013 sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a documentación presentada por Alúmina Española, S.A. e por Aluminio Español, S.L.U. para a revisión da autorización ambiental integrada para que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, presentar dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

A documentación estará dispoñible nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medio ambiente e sustentabilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2019-IPPC-M-17.

Autorizacións ambientais integradas: 2006/0184_NAA/IPPC_131; 2005/0093_NAA/IPPC_130.

Categoría principal da actividade do complexo: 2.5.a, 2.5.b.

Categoría secundaria: 1.1.b.

Titulares: Alúmina Española, S.A. (A36006278) e Aluminio Español, S.L.U. (B36006260).

Enderezo dos titulares: rúa Pedro Teixeira, 8, 3º andar, Madrid.

Localización da instalación: o complexo localízase entre os termos municipais de Xove e Cervo, próximo ao núcleo de San Cibrao (Cervo).

Actividade principal: obtención de alumina a través do proceso Bayer e de aluminio pola electrólise de alumina disolvida nun baño de sales.

Descrición da fabricación de alumina a partir de bauxita:

O proceso consta basicamente das seguintes etapas: trituración e moenda, dixestión, filtración, precipitación e calcinación. Ao final do proceso obtense alumina anhidra que é a materia prima que se utiliza na electrólise para a produción de aluminio.

O vapor necesario para o proceso xérase nunha central de vapor que conta con tres caldeiras de fuel óleo.

Durante este proceso xérase un residuo, denominado lodos vermellos, que se bombean ata un depósito de almacenamento en superficie.

Descrición da produción de aluminio:

A instalación produce placas, tochos e lingotes de aluminio. O proceso comeza coa redución de alumina a aluminio mediante un proceso electrolítico, seguido dun proceso de fundición.

Ademais, na planta tamén se producen os ánodos de carbono que se usan nas cubas de electrólise. Esta produción consta das seguintes etapas: fabricación do ánodo cru, cocción e selado.

Verteduras. O complexo xera:

– Augas residuais industriais e pluviais susceptibles de estar contaminadas.

– Augas residuais fecais.

– Augas residuais pluviais non contaminadas.

A instalación conta con sistemas de tratamento para as augas residuais industrias e pluviais susceptibles de estar contaminadas. Estes sistemas de tratamento están integrados e a vertedura final se realiza ao mar a través dun emisario submarino. Parte das augas sanitarias son tratadas nun sistema de tratamento biolóxico e, unha vez tratadas, introducidas no sistema de tratamento das augas residuais industriais e pluviais susceptibles de estar contaminadas. O resto, trátanse en foxas sépticas con infiltración no terreo.