Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 23 de xullo de 2019 Páx. 34106

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a fomentar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero, e se convocan para o ano 2019 (códigos de procedemento MR466A e MR466B).

BDNS (Identif.): 466696.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias e destinatarias

– Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias as cooperativas ou entidades asociativas do sector agrario, as empresas (persoas físicas ou xurídicas) do sector agrario de produción e/ou transformación de produtos agrarios, así como as empresas inscritas no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores de Vexetais (Ropciv) que leven a cabo esta actividade nas condicións establecidas nesta orde.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das axudas as empresas forestais inscritas no Rexistro de Empresas (persoas físicas ou xurídicas) do Sector Forestal (Resfor), empresas provedoras de material forestal de reprodución dadas de alta no seu rexistro oficial, as comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) e as asociacións forestais que contraten vítimas de violencia de xénero.

– Destinatarias finais.

As destinatarias finais das subvencións reguladas nesta orde serán as mulleres que sofren violencia de xénero.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, destinadas a fomentar a inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero a través do financiamento da súa contratación por empresas, entidades asociativas e persoas titulares de explotacións do sector agrario (procedemento MR466A) e forestal (procedemento MR466B) que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, e convocalas para o ano 2019.

Terceiro. Bases reguladora e convocatoria

Orde do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a fomentar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero, e se convocan para o ano 2019 (códigos de procedemento MR466A e MR466B).

Cuarto. Importe

1. A contía da subvención que se concederá ás entidades beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude e acorde coa súa categoría profesional.

2. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. Para os efectos desta subvención, non se considerarán custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da acción que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

Quinto. Actuacións subvencionables

1. Será subvencionable a contratación con carácter temporal de mulleres vítimas de violencia de xénero inscritas como demandantes de emprego ou de mellora de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, para o desempeño dun posto de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O contrato deberá formalizarse por un período mínimo de 3 meses e máximo de 12 meses.

3. O contrato poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial. Neste último caso, a xornada terá que ser, polo menos, do 50 % da xornada ordinaria que se estableza no convenio colectivo correspondente.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes de axuda

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural