Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 11 de xullo de 2019 Páx. 32687

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2019 pola que se convocan as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para o ano 2019, con financiamento plurianual (código de procedemento VI482C).

O 6 de marzo de 2019, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, asinou un acordo coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para desenvolver, no marco das medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, as que se refiren a asegurar a existencia de recursos habitacionais suficientes e dignos para as mulleres vítimas de violencia de xénero.

O 24 de abril de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Ao abeiro da citada orde realízase esta convocatoria, que se suxeita ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para o ano 2019, con financiamento plurianual, que se tramitarán co código de procedemento VI482C.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de abril de 2019 publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 78, do 24 de abril.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia coa seguinte distribución plurianual:

Anualidade

Aplicación orzamentaria

Importe

2019

07.83.451B.480.3

975.000 €

2020

07.83.451B.480.3

675.000 €

Total

1.650.000 €

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as vítimas de violencia de xénero, segundo o previsto no artigo 2 das bases reguladoras, sempre que cumpran os requisitos previstos no artigo 3 das citadas bases.

Quinto. Cómputo de ingresos para acceder ao programa

1. Para acceder a este programa de axudas é preciso que os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante sexan iguais ou inferiores aos límites previstos no ordinal sexto.

2. Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada unha das persoas membros da dita unidade de convivencia durante os tres meses anteriores ao da presentación da solicitude, incluído, de ser o caso o rateo correspondente ás pagas extraordinarias.

Sexto. Límites máximos de ingresos e valor do IPREM para a concesión das axudas

1. Os límites máximos de ingresos para acceder a estas axudas calcularanse tomando como base do cálculo a contía do IPREM anual en 14 pagas para o ano 2018 (7.519,59 euros) multiplicado por 1,5.

Para os efectos do cómputo de ingresos teranse en conta as rendas ou ingresos da persoa solicitante da axuda e os demais membros da súa unidade de convivencia, coa excepción das rendas individuais do agresor.

Esta contía dividirase polos seguintes factores de ponderación, en función do número de persoas que integren a unidade de convivencia, coa exclusión do agresor:

• Unidades de convivencia dun membro: 1,25.

• Unidades de convivencia de dous membros: 0,90.

• Unidades de convivencia de tres membros: 0,80.

• Unidades de convivencia de catro membros: 0,70.

• Unidades de convivencia de cinco ou máis membros: 0,60.

Como resultado obteranse os valores que figuran no seguinte cadro:

Nº de membros da unidade de convivencia

Límites máximos de ingresos

(1,5 veces IPREM 2018 en 14 pagas ponderado. Valores mensuais)

1

751,96 €

2

1.044,39 €

3

1.174,94 €

4

1.342,78 €

5 ou máis

1.566,58 €

2. Ás unidades de convivencia en que algún dos seus membros sexa unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa reguladora do IRPF, aplicaráselles o límite máximo de ingresos do tramo seguinte ao que lles correspondese, segundo o número de persoas que a integren.

No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nados contarán como membros da unidade familiar. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

3. No caso de que as axudas se soliciten por unha unidade de convivencia composta por máis dunha unidade familiar, os ingresos de cada unidade familiar, computados conforme ao ordinal primeiro, sumaranse e o resultado deberá estar comprendido dentro do límite máximo de ingresos para acceder a este programa.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará o día 13 de decembro de 2019 e, en todo caso, co esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

Oitavo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto, na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

Só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia, salvo nos supostos en que as vítimas sexan as fillas e/ou fillos menores de 30 anos. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas, e consideraranse por inadmitidas todas as demais.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. No modelo de solicitude de concesión inicial a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade, con indicación do seu importe.

c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no artigo 3.3.g) das bases reguladoras.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non existe vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata segundo grao, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.

e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugamento dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes.

f) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

Noveno. Documentación complementaria

1. Coa solicitude, anexo I, deberase achegar a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe como representante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Anexo II, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia, distintas da persoa solicitante.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un anexo II por cada unha delas.

c) Anexo III, de compromiso das persoas asinantes do contrato de alugamento de someterse ás condicións do Programa de bono de alugueiro social. Neste anexo indicarase tanto o número de conta bancaria de titularidade da persoa arrendadora en que se realizará o ingreso da subvención mensual do Bono de alugueiro social, como o número de conta da persoa arrendataria en que se realizará o ingreso, de ser o caso, da axuda complementaria.

Este anexo deberá achegarse coa presentación do contrato de alugamento, no caso de que a persoa solicitante non dispoña de contrato no momento de presentar a solicitude.

d) Informe dos servizos sociais do concello en que está empadroada a persoa solicitante, co contido recollido no anexo IV; para tal efecto, poderase utilizar o citado anexo. Neste informe deberá constar a data de cesamento da convivencia, con base na documentación de que se dispoña ou da declaración da persoa solicitante.

No caso das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, deberá facerse constar neste informe a filiación da persoa solicitante respecto da vítima de violencia de xénero, así como a situación de dependencia económica da nai e/ou do agresor no momento do falecemento.

e) Contrato de alugamento da vivenda cunha duración mínima dun ano e con mención expresa da referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso de non ter formalizado o contrato no momento de presentación da solicitude, deberase presentar na correspondente área provincial do IGVS no prazo de dous (2) meses, contado desde a notificación da resolución de concesión da axuda, xunto co do xustificante de empadroamento conxunto das persoas que integran a unidade de convivencia nesa vivenda e do anexo III, referido na letra c) deste ordinal.

f) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia. Estes xustificantes deberán estar expedidos dentro dos tres meses anteriores á data da presentación da solicitude.

g) No caso de nai xestante, certificado médico ou documentación que acredite o citado estado.

h) De ser o caso, certificado acreditativo da situación de adopción en trámite.

i) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros que integran a unidade de convivencia, no caso de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

j) Documentación acreditativa da condición de muller vítima de violencia de xénero ou, de ser o seu caso, de vítima de trata con fins de explotación sexual, mediante algún dos documentos seguintes:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a letrado/a da Administración de xustiza da propia orde de protección ou da medida cautelar, que conteña as medidas en vigor.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

3º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e/ou de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

4º. Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

5º. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación respectivamente.

6º. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación respectivamente.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Décimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante, das persoas que integran a unidade de convivencia que figuran no anexo II e da persoa arrendadora que figura no anexo III.

b) Validación do número de identificación fiscal da persoa representante, así como da persoa arrendadora que figura no anexo III, no caso de que sexan persoas xurídicas.

c) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira.

d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, no caso de cambio de domicilio durante a vixencia do contrato, e das persoas que figuran no anexo II.

e) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

f) Datos catastrais correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia.

g) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade de convivencia teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.

h) Certificado acreditativo de discapacidade, no caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que figuran no anexo II faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No suposto de non tratarse dun documento expedido pola Xunta de Galicia, deberase presentar a correspondente documentación.

i) Percepción de subvencións para vítimas de violencia de xénero concedidas pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

j) Vixencia da orde de protección ou da medida cautelar, a través do Punto de coordinación das ordes de protección da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

k) Consulta de inhabilitacións para obter Subvencións e Axudas da persoa solicitante.

l) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

m) Consulta da prestación de desemprego percibida pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

n) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

o) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (RISGA) da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

2. O acceso aos datos contidos nos documentos sinalados coas letras m), n) e o) do número anterior, de conformidade co artigo 155 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, poderán realizalo por aquelas administracións locais que dispoñan do correspondente convenio coa Xunta de Galicia para acceder a través das plataformas de intermediación de datos.

3. No caso de que a persoa solicitante e, de ser o caso, a persoa representante, os demais membros da unidade de convivencia ou a persoa arrendadora se opoñan expresamente a estas consultas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I, anexo II e no anexo III, respectivamente, e achegar os documentos correspondentes.

4. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segundo. Xustificación da subvención

A xustificación da concesión da subvención realizarase segundo o establecido nas bases reguladoras.

Décimo terceiro. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo cuarto. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Décimo quinto. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file