Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 2 de xullo de 2019 Páx. 31007

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde de 19 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento do sector mineiro galego cara a unha minaría sustentable e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento IN315A).

BDNS (Identif.): 463915.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Entidades sen ánimo de lucro cuxo obxecto ou actividades estean relacionadas coa minaría. As ditas entidades non deberán exercer unha actividade económica ofrecendo bens ou servizos nun mercado determinado, salvo que dispoñan de contabilidade separada para as actividades económicas e as subvencionadas.

En todo caso, serán admitidas como entidades sen ánimo de lucro as universidades, con ensinanzas universitarias e/ou apoio á investigación en ámbitos do coñecemento relacionados coa minaría, e os colexios profesionais dos enxeñeiros de minas, enxeñeiros técnicos de minas e xeólogos.

As persoas beneficiarias deberán desenvolver actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

Aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria a entidades sen ánimo de lucro cuxo obxecto ou actividades estean relacionadas coa minaría, así como a súa convocatoria para o ano 2019, que teñen por obxecto a realización de accións que contribúan a mellorar as prácticas preventivas e ambientais do sector mineiro galego, ao aproveitamento racional e eficiente dos recursos minerais, á investigación e innovación no seu aproveitamento e á transferencia de coñecemento no marco dun desenvolvemento sustentable, así como á divulgación do sector na sociedade, incluíndo a investigación e divulgación da historia da minaría de Galicia e a recuperación e posta en valor do patrimonio mineiro.

Terceiro. Bases reguladoras

Inclúense no anexo I da Orde do 19 de xuño de 2019.

Cuarto. Contía

O crédito destinado a esta convocatoria é de 1.000.000,00 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes a partir do día seguinte ao da publicación da Orde do 19 de xuño de 2019 no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria