Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 2 de xullo de 2019 Páx. 31075

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 18 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento VI400A).

BDNS (identif.): 463906.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que, tendo menos de 35 anos na data de presentación da correspondente solicitude, reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.

b) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM.

Este límite será de catro veces o IPREM se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou se dentro da súa composición existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de cinco veces o IPREM cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:

i) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

ii) Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

c) Ter subscrito na data sinalada na correspondente convocatoria un contrato privado ou, se é o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos:

– Que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, nos termos indicados no ordinal segundo g).

– Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.

– Que o prezo de adquisición da vivenda, no caso de que estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, non supere o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.

No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior, o prezo de adquisición non poderá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á data da presentación da correspondente solicitude.

e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.

3. Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas, nos termos que se especifique na correspondente convocatoria, aquelas que tendo presentado unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda, ao abeiro de convocatorias inmediatamente anteriores, lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para a adquisición de vivenda en centros históricos, que se tramitarán co código de procedemento VI400A.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse estas axudas para a anualidade 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras son as contidas nesta resolución.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.780.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019, por un importe total de 800.000 euros, e financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Quinto. Importe

1. A contía da axuda para a adquisición de vivenda será de ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas nos municipios da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, e de 10.800 euros no caso de vivendas adquiridas en calquera outro municipio.

As axudas terán o límite do 20 % do prezo de venda, o cal non incluirá os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa propietaria, o importe da axuda que puider recibir unha persoa beneficiaria que adquira unha parte dela determinarase aplicando ao importe da axuda que correspondería da adquisición do 100 % da vivenda a porcentaxe de cota adquirida.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2019 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo