Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 1 de xullo de 2019 Páx. 30822

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 19 de xuño de 2019 pola que se modifica a Orde do 4 de decembro de 2018 pola que se convoca o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

No Diario Oficial de Galicia número 238, do 14 de decembro de 2018, publicouse a Orde do 4 de decembro de 2018 pola que se convoca o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

No Boletín Oficial del Estado publicouse un extracto da devandita orde mediante a Resolución do 19 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pola que se publica a convocatoria de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia.

O 7 de decembro de 2018 o Consello de Ministros aprobou o Acordo polo que se formalizan os criterios de distribución ás comunidades autónomas, aprobados pola Conferencia Sectorial de Educación, así como a distribución resultante do crédito destinado no 2018 ao Programa de cooperación territorial de orientación e reforzo para o avance e apoio na educación, por importe de 4.481.170 euros, co cofinanciamento do Fondo Social Europeo.

Pola Resolución do 12 de decembro de 2018, da Secretaría de Estado de Educación e Formación Profesional, concédese un importe de 230.577,48 euros á Comunidade Autónoma de Galicia, consignado na aplicación presupostaria 18.05.322 B454.03 dos orzamentos xerais do Estado para 2018, para o financiamento da avaliación e acreditación das competencias profesionais, co cofinanciamento do FSE.

Este procedemento enmárcase no programa operativo FSE para o período 2014-2020, cofinanciado no marco do obxectivo temático número 10: investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e unha aprendizaxe permanente.

Dado que a tramitación da orde de convocatoria da Comunidade Autónoma de Galicia resultou anterior á aprobación do acordo do Consello de Ministros, e para adaptarnos á normativa para a xestión de FSE 2014-2010 e poder executar os fondos establecidos para esta convocatoria que se desenvolve no ano 2019 é necesaria a modificación do artigo 21 sobre financiamento da referida orde.

Por todo o anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Modificar o artigo 21 da Orde do 4 de decembro de 2018 pola que se convoca o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, que queda redactado da seguinte maneira:

«A presente convocatoria atópase entre as actuacións cofinanciables no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación, programa financiado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e cofinanciado polo Fondo Social Europeo».

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional