Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 24 de xuño de 2019 Páx. 29883

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 11 de xuño de 2019 pola que se nomean os membros do Consello Asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

O Consello Asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea é o órgano colexiado de consulta e asesoramento da Consellería de Cultura e Turismo nos asuntos relacionados coas competencias do Centro Galego de Arte Contemporánea.

O Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo determina no artigo 4 a composición do Consello Asesor e dispón que lle corresponde ao Conselleiro de Cultura e Turismo a designación dos membros do Consello Asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea, precisándose que tres vogais serán nomeados logo da proposta das entidades e institucións culturais vinculadas coa creación cultural contemporánea e outros tres vogais designaranse entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito artístico.

En virtude do anterior, unha vez feitas as propostas correspondentes e de conformidade coas atribucións que me confire o artigo 34 da a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e do seu presidente, e o artigo 4 do Decreto 163/2018, do 13 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear como membros do Consello Asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea ás persoas que se relacionan a continuación:

Presidente: a persoa que desempeñe o cargo de conselleiro/a de Cultura e Turismo.

Vicepresidente: a persoa que desempeñe o cargo de director/a de Políticas Culturais.

Vogais:

– Santiago Olmo García, como persoa representante do Centro Galego de Arte Contemporánea.

– María Susana Cendán Caaveiro, como persoa representante da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

– Celestino García Braña, como persoa representante da Real Academia Galega de Belas Artes.

– Antón Castro Fernández, profesor de Historia da Arte e crítico de arte.

– Antón Pulido Novoa, pintor, gravador e xestor cultural.

– Isabel Aguirre de Úrcola, arquitecta e directora da Escola Galega da Paisaxe.

Secretaria: a persoa titular da xerencia do Centro Galego de Arte Contemporánea.

Artigo 2

Os nomeamentos anteriores terán unha duración de catro anos renovables. Aquelas persoas nomeadas por razón do seu cargo cesarán automaticamente coa perda da condición en virtude da cal foron nomeadas.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2019

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo