Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 14 de xuño de 2019 Páx. 28528

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

EXTRACTO da Orde do 3 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do II Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea e se convoca para o ano 2019 (código de procedemento CT143A).

BDNS (Identif.): 460814.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 11 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans).

Primeiro. Beneficiarias

Pode participar no Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea calquera persoa física, maior de idade, que presente un texto inédito en galego relacionado con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea.

Segundo. Obxecto e finalidade

Tendo en conta a escaseza actual de canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, o Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea ten por obxecto contribuír á investigación e produción de pensamento en arte contemporánea a través da presentación de traballos que sexan inéditos e redactados en lingua galega.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 3 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do II Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea e se convoca para o ano 2019 (código de procedemento CT143A) (http://cgac.xunta.gal/).

Cuarto. Contía

Outorgarase un só premio por un importe de tres mil euros (3.000,00 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 15 de outubro de 2019. Con todo, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderanse presentar no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2019

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo