Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 13 de xuño de 2019 Páx. 28406

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 3 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental, a solicitude de modificación substancial e o procedemento de revisión da autorización ambiental integrada para unha explotación avícola de produción de carne que Finca Agruñeiras, S.C. posúe no concello de Friol (expediente 2018-IPPC-I-37).

Para os efectos previstos na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro) e no Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

– «Proyecto Básico y Estudio de Impacto Ambiental para solicitar la modificación de la autorización ambiental integrada de una ampliación de explotación avícola

Promotor: Finca Agruñeiras, S.C.

Ubicación: Condes-Friol-Lugo».

Para que calquera interesado poida consultalos e, se é o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, os documentos poderán consultarse:

– Na Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela), en horario de atención ao público;

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal>>medio ambiente e sostibilidade >>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2018-IPPC-I-37.

Peticionaria: Finca Agruñeiras, S.C.

CIF: J27383140.

Enderezo social: lugar Agruñeiras, San Martiño de Condes, s/n, 27235 Friol (Lugo).

Localización da instalación: lugar Agruñeiras, San Martiño de Condes, s/n, 27235 Friol (Lugo). Un punto de localización da explotación avícola é o definido polas coordenadas UTM (FUSO 29, DATUM ETRS89): X: 596848, Y: 4761050.

Actividade: explotación avícola de produción de carne (polos de engorda).

Descrición: o proxecto presentado consiste na ampliación da explotación destinada á ceba de 149.572 polos, ata acadar unha capacidade total de 225.918 aves, mediante a construción de dúas novas naves de 140,00 × 17,60 m e 130,00 × 17,60 m e dunha nova esterqueira de 31,50 × 11,00 m.

Os ciclos de produción empezan coa chegada á explotación dos poliños dun día, onde permanecen uns 45-50 días ata acadaren un peso medio de 2,50 kg, momento no cal son levados ao matadoiro para o seu sacrificio, ao ano sucédense 6 ciclos produtivos. Tras cada ciclo procédese á retirada da galiñaza e á desinfección das naves.

Verteduras: as augas residuais do aseos serán tratadas nunha fosa séptica composta por unha arqueta sifónica, un colector de entrada, unha fosa de decantación-dixestión e un filtro biolóxico con saída á fosa estanca. O aseo da vivenda anexa á explotación xa dispón deste sistema con fosa séptica-filtro biolóxico con saída canalizada á fosa de xurro da explotación de vacún anexa á explotación. Respecto ás augas de limpeza das naves da explotación avícola, canalizaranse á mesma fosa estanca que á que se conducen as augas residuais procedentes do aseos da vivenda anexa á explotación. As augas pluviais verteranse directamente ao terreo.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2017/302 da Comisión do 15 de febreiro de 2017 pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no marco da Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello respecto á cría intensiva de aves de curral ou de porcos.